O rearme xaponés, por Xulio Ríos

O artigo 9 da Constitución xaponesa é unha das pezas máis singulares da arquitectura política construída no país despois da Segunda Guerra Mundial. Nel, Xapón renuncia á guerra como dereito soberano e limita o recurso á forza a unha defensa estrita. Sobre esta base edificouse un modelo de seguridade excepcional, cunha potencia económica que delegaba boa parte da súa protección estratéxica nos Estados Unidos, mentres concentraba os seus esforzos na reconstrución e no desenvolvemento.

Foi a chamada Doutrina Yoshida, impulsada polo primeiro ministro Shigeru Yoshida, quen gobernou entre 1946 e 1954, a que articulou este compromiso. Xapón aceptaba a presenza militar estadounidense e confiaba a Washington a súa defensa, mentres destinaba os seus recursos á recuperación económica. Pero a Guerra Fría modificou axiña as prioridades estadounidenses. Washington necesitaba un Xapón convertido en base de retagarda das súas operacións en Asia. En 1954 creáronse as Forzas de Autodefensa, nunha fórmula deliberadamente ambigua que permitiu conciliar, non sen controversia, a realidade militar coa letra da Constitución.

Setenta anos despois, esa ambigüidade segue sendo central, pero a realidade cambiou substancialmente. Estados Unidos volve premer para que se asuma unha maior carga. E Xapón, ao mesmo tempo, percibe un contorno rexional moito máis complexo. China converteuse no principal factor que está a impulsar a revisión da política de defensa xaponesa. O resultado é unha progresiva transformación das Forzas de Autodefensa nun instrumento militar máis completo e autónomo.

O cambio non se limita ao volume do gasto. Durante décadas, Xapón mantivo como referencia política o límite do 1% do PIB para a defensa, establecido en 1976. Ese teito deixou de operar como restrición efectiva e o Goberno de Fumio Kishida fixou o obxectivo de elevar o gasto ata o 2% do PIB en 2027. Tamén se revisaron as limitacións sobre determinadas capacidades consideradas ofensivas, incluídos os cazabombardeiros de longo alcance ou os buques capaces de operar aeronaves. Xapón dispón ademais dunha importante base industrial e tecnolóxica propia, capaz de producir fragatas, mísiles, avións e sistemas avanzados de defensa.

Shinzo Abe foi quen acelerou decisivamente esta “normalización” militar. A reinterpretación constitucional aprobada durante o seu Goberno permitiu ampliar o concepto de autodefensa para admitir, en determinadas circunstancias, o exercicio da chamada defensa colectiva. Xapón podería empregar a forza para apoiar un aliado cando un ataque contra este ameazase a propia supervivencia do país. Foi precisamente neste marco no que Sanae Takaichi situou, en novembro de 2025, a posibilidade dunha intervención xaponesa no caso dun conflito arredor de Taiwán.

A dimensión nuclear introduce outra contradición. En 1971, a Dieta reafirmou os tres principios non nucleares: non producir, non posuír e non permitir o despregamento de armas nucleares no territorio xaponés. O terceiro principio é hoxe obxecto de debate, especialmente pola posibilidade de que os EUA opte por un despregamento “temporal”. Tokio conserva unha memoria histórica excepcional dos efectos das armas atómicas.

Ao se relaxaren as restricións ás exportacións de armamento, Xapón está a converterse de facto nun actor militar de primeira orde. De feito, conta xa, na práctica, cun exército moderno -aínda que oficialmente denominado Forzas de Autodefensa-, con compoñentes terrestre, marítimo, aéreo, espacial e cibernético, e cun orzamento crecente.

Con todo, a cultura política continúa profundamente marcada polo pacifismo constitucional. Cada intento de reformar formalmente o artigo 9 suscita unha forte reacción social. A maioría da sociedade parece aceptar o reforzo das capacidades militares, pero non necesariamente a desaparición do principio pacifista.

Esta distinción é importante. O debate xaponés xa non se sitúa tanto entre pacifismo e militarismo como entre diferentes interpretacións do que significa defender un país pacifista nunha contorna cada vez máis cambiante. A cuestión para a primeira ministra Takaichi non é simplemente canto pode rearmarse Xapón, senón ata onde pode facelo sen romper o consenso político e simbólico que sustentou a identidade nipona durante as últimas décadas.

Xapón atópase, en definitiva, ante unha transición histórica.  A cuestión decisiva será saber se esta evolución desemboca nunha reforma explícita da Constitución ou se, pola contra, continúa avanzando mediante reinterpretacións, novos orzamentos e capacidades militares que transforman a realidade sen modificar a letra do artigo 9.

(Para Nós Diario)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo