China: a identidade común e o futuro da diversidade, por Xulio Ríos

O réxime de recoñecemento das nacionalidades minoritarias en China ten a súa orixe na influencia do modelo soviético, adoptado despois da fundación da República Popular en 1949. A súa lóxica combinaba dúas dimensións: por unha banda, a identificación e clasificación das diferentes comunidades segundo criterios étnicos, lingüísticos, culturais e históricos; pola outra, o recoñecemento dunha certa autonomía territorial no marco dun Estado unitario. O resultado foi a identificación de 56 nacionalidades, das cales a han constitúe a maioritaria, con arredor do 92 por cento da poboación.

A autonomía, asentada tanto sobre o territorio como sobre a identificación persoal dos integrantes dunha determinada comunidade, completouse cun amplo catálogo de medidas de discriminación positiva destinadas a favorecer a integración, o desenvolvemento económico e social e a representación das minorías. A creación de rexións autónomas, prefecturas e distritos, xunto con políticas específicas en materia educativa, económica e cultural, pretendía conciliar a unidade do Estado coa diversidade da súa composición nacional.

Este modelo permitiu institucionalizar a diversidade e canalizar determinadas demandas territoriais e culturais dentro do sistema político. Asi mesmo, tamén contribuíu a fixar e, en certa medida, a institucionalizar as diferenzas entre comunidades. É precisamente este último aspecto o que determinados especialistas chineses consideran agora problemático.

O sociólogo Ma Rong é unha das voces máis coñecidas nesta revisión. A súa proposta apunta cara a unha evolución desde un modelo centrado nas diferenzas étnicas cara a outro no que adquira maior peso a construción dunha “identidade nacional común”. Desde esta perspectiva, considérase que a “excesiva” institucionalización das nacionalidades pode acabar reforzando as fronteiras entre comunidades en lugar de favorecer a súa integración. A nova normativa sobre promoción da unidade e do progreso étnico insírese nunha orientación que ten o obxectivo non tanto de preservar indefinidamente as diferenzas como facer posible unha maior converxencia arredor dunha cidadanía chinesa común.

Esta transformación non se pode entender sen ter en conta a evolución económica e territorial experimentada polo país. Durante décadas, o Goberno central impulsou importantes políticas para favorecer o desenvolvemento das áreas de maior presenza das minorías, mediante investimentos en infraestruturas, educación, saúde, conectividade e servizos públicos. O Programa de Desenvolvemento do Oeste, posto en marcha a comezos deste século, canalizou recursos extraordinarios cara ás provincias e territorios occidentais, contribuíndo a reducir desequilibrios territoriais e a mellorar de maneira apreciable as condicións materiais de vida. A convicción inspiradora era que superando a pobreza e desenvolvendo a economía evitaríanse os conflitos identitarios, cando menos nas formas máis radicais.

Esa mellora das condicións materiais foi acompañada dun intenso debate sobre os límites e o alcance da autonomía, así como sobre a conveniencia de avanzar cara a fórmulas de maior autogoberno ou de co-gobernanza, que contou con importantes valedores no eido académico. Non obstante, a tendencia actual parece orientarse noutra dirección: o énfase desprázase progresivamente desde o recoñecemento da diferenza cara á igualdade de trato e á primacía da cidadanía común sobre outras formas de adscrición colectiva.

Hai aquí unha transformación de fondo. O que se presenta como un avance cara á igualdade pode implicar tamén unha renuncia progresiva a determinados patróns propios. A integración deixa así de formularse principalmente como convivencia de diferenzas para concibirse cada vez máis como aproximación a un espazo común de identidade, lingua, educación, mobilidade e oportunidades. A cuestión é ata que punto ese proceso pode preservar a diversidade cultural que inicialmente o propio sistema se propuxera recoñecer.

O problema faise especialmente visible no ámbito lingüístico e cultural. As linguas minoritarias necesitan non só recoñecemento formal, senón tamén espazos efectivos de uso, transmisión interxeracional, educación, produción cultural e presenza nos medios e nas novas tecnoloxías. Cando unha lingua perde estes espazos, pode manterse como patrimonio simbólico durante algún tempo, pero dificilmente conservará a súa vitalidade social.

É neste punto onde a intelixencia artificial introduce un factor novo e potencialmente decisivo. Os grandes modelos lingüísticos, os sistemas de tradución automática, os asistentes dixitais ou as ferramentas de xeración de contidos tenderán a favorecer, inevitablemente, as linguas que dispoñan de grandes volumes de datos, usuarios e investimentos tecnolóxicos. Se as linguas das minorías chinesas non son incorporadas de maneira suficiente a estes ecosistemas, a revolución da IA pode acelerar a súa marxinación. E se, pola contra, son integradas exclusivamente como variantes subordinadas a unha lingua dominante, tamén podería producirse unha erosión progresiva da súa singularidade.

A cuestión, polo tanto, xa non é simplemente como equilibrar unidade e diversidade no plano administrativo ou político. É como facelo nunha sociedade na que a tecnoloxía está a converter a lingua nunha infraestrutura fundamental de acceso ao coñecemento, á educación, á economía e á cultura.A IA pode ser unha ferramenta extraordinaria de preservación lingüística, pero tamén un poderoso acelerador da condensación lingüística se os recursos se concentran nas linguas dominantes.

China afronta así un dilema particularmente complexo: fortalecer unha cidadanía común sen converter a homoxeneización no prezo da integración; consolidar a identidade compartida sen facer da diversidade unha reliquia; e aproveitar a IA como instrumento de desenvolvemento sen permitir que a súa lóxica de escala condene á irrelevancia as linguas e culturas con menor presenza demográfica.

A verdadeira medida do novo modelo non estará, por tanto, só na capacidade para producir máis igualdade entre cidadáns, senón tamén na súa capacidade para preservar a pluralidade dentro desa igualdade. A unidade pode ser unha condición da cohesión estatal; a diversidade, pola súa banda, é unha das formas nas que esa cohesión adquire contido. O desafío consiste en evitar que unha termine por devorar a outra.


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo