O perigo americano, por Xulio Ríos

Os Estados Unidos de América celebraron por todo o alto o 250 aniversario da proclamación da súa independencia. A efeméride, chamada a exaltar os valores fundacionais e a capacidade do país para reinventarse ao longo da súa historia, chega, non obstante, nun momento de extraordinaria incerteza sobre o seu papel no mundo.

A crise é tanto interna como externa. No plano doméstico, a polarización política converteuse nunha constante que erosiona os consensos básicos sobre os que descansou durante décadas a democracia estadounidense. O adversario xa non é simplemente un rival político, senón un inimigo ao que se lle nega a lexitimidade. A criminalización da disidencia, a desconfianza crecente nas institucións, a fragmentación do espazo informativo e a substitución do debate racional pola confrontación emocional alimentan unha espiral difícil de conter. A fortaleza institucional que durante tanto tempo constituíu unha das principais cartas de presentación de Washington ofrece hoxe síntomas evidentes de fatiga.

No escenario internacional, a situación non resulta máis alentadora. Os Estados Unidos continúan sendo a primeira potencia militar do planeta, pero a exhibición dese poder duro serve cada vez menos para ocultar unha retirada estratéxica marcada por intervencións custosas, erros de cálculo e unha capacidade decrecente para modelar a orde internacional segundo os seus intereses. O recurso crecente ás sancións, ás presións económicas e á confrontación aberta transmite con frecuencia a impresión dun poder que trata de compensar coa forza a perda gradual da súa autoridade moral e política.

Para unha parte significativa da opinión pública internacional, Washington deixou de ser o referente indiscutible que foi durante boa parte da segunda metade do século XX. A súa capacidade de atraer mediante o exemplo debilitouse. Só determinados gobernos e movementos fortemente aliñados coas correntes conservadoras máis radicais continúan asumindo sen demasiadas reservas o seu relato político e estratéxico. Para moitos outros actores, Estados Unidos converteuse nun socio imprescindible, pero xa non necesariamente nun modelo.

Con todo, a perda de prestixio estadounidense non implica automaticamente a aparición dunha alternativa consolidada. O sistema internacional continúa sen ofrecer un relevo claro. A maioría dos aliados tradicionais de Washington poden expresar desacordos cada vez máis visibles coas súas decisións, pero tampouco consideran viable, polo momento, unha reorientación estratéxica cara á principal potencia rival. Entre a dependencia existente e as incertezas que suscita unha eventual transición cara a unha orde multipolar, prevalece unha actitude prudente, feita de equilibrios e cautelas.

Neste contexto, China mantén unha estratexia sensiblemente distinta. Mentres Estados Unidos concentra boa parte dos seus esforzos na competición xeopolítica e militar, Beijing continúa priorizando o binomio economía-tecnoloxía como principal motor da súa proxección internacional. A súa aposta parece responder a unha lóxica de longo prazo baseada en reforzar as capacidades produtivas, consolidar o liderado tecnolóxico e ampliar a súa influencia económica coa convicción de que a evolución estrutural da correlación de forzas acabará favorecendo os seus intereses. Máis que precipitar unha confrontación decisiva, parece confiar en que o tempo faga o seu traballo e que determinadas transformacións cheguen, por así dicilo, como froita madura.

Pero o verdadeiro perigo americano non reside unicamente na eventual perda da súa hexemonía, senón na maneira en que poida reaccionar fronte a ese proceso. As grandes potencias adoitan aceptar con dificultade o declive relativo, especialmente cando aínda conservan unha superioridade militar incomparable. Se Washington interpreta cada avance dos seus competidores como unha ameaza existencial, o risco de recorrer a políticas cada vez máis coercitivas e desestabilizadoras aumentará inevitablemente.

O desafío do noso tempo non consiste tanto en determinar quen substituirá os Estados Unidos á cabeza do sistema internacional, senón en evitar que a transición cara a unha nova distribución do poder se produza mediante a confrontación permanente. A historia demostra que os cambios de hexemonía adoitan ser períodos especialmente perigosos. O propio tránsito da hexemonía británica á estadounidense estivo atravesado por dúas guerras mundiais. Por iso hoxe, máis que nunca, o maior risco non é a emerxencia dunha nova potencia, senón a incapacidade da vella para aceptar que o mundo xa non lle pertence en exclusiva.

(Para Faro de Vigo)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo