No cincuenta aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), convén lembrar que unha das dimensións máis fondas do seu pensamento foi o seu decidido europeísmo. Este é un aspecto do pensamento de Otero que ás veces queda un pouco agochado tras outras facetas máis coñecidas (o xeógrafo, o novelista, o patriarca das Letras Galegas), cando en realidade o seu europeísmo é unha peza importante da súa concepción de Galicia.
Lonxe de entender Europa como un espazo alleo ou como un modelo ao que Galicia debía simplemente adaptarse, Otero concibiuna como o horizonte natural da nación galega, un ámbito histórico e cultural ao que pertencía por dereito propio.
O seu europeísmo afastábase tanto do cosmopolitismo abstracto como do nacionalismo intransixente. Formado na tradición humanista, admirador das culturas atlánticas e do legado intelectual do continente, Otero vía Europa como unha comunidade de pobos construída sobre a diversidade das súas tradicións históricas, lingüísticas e culturais. Nese sentido, Galicia non debía reivindicar a súa singularidade en oposición a Europa, senón precisamente desde Europa.
O europeísmo de Otero non é un feito illado, senón compartido por boa parte da Xeración Nós. Entón, a apertura ás correntes intelectuais europeas era vista como a mellor maneira de superar o atraso sen caer na despersonalización. O lema podería resumirse en “europeizar Galicia desde Galicia”.
En Otero, ademais, Europa non remata nos Pireneos nin se reduce ao eixo franco-xermánico. A súa é unha Europa atlántica, onde Galicia ocupa unha posición central como ponte entre a Península e o mundo céltico, especialmente Portugal, Irlanda, Bretaña ou Gales.
Igualmente, Otero concibe Europa como unha civilización antes ca un mero proxecto político. A tradición clásica, o cristianismo, o románico, o Camiño de Santiago, as universidades ou as paisaxes culturais conforman unha unidade espiritual que explica a súa defensa dunha Europa das culturas.
O europeísmo galeguista
Esta concepción encaixaba plenamente coa cultura política do Partido Galeguista. Para Otero Pedrayo, o recoñecemento nacional de Galicia non significaba illamento nin exclusión, senón participación nunha Europa plural, onde as nacións históricas contribuísen á riqueza común do continente. A súa defensa do autogoberno, da lingua e da personalidade histórica galega inseríase nunha visión federal ou pluralista da organización política, coherente coa idea dunha Europa construída desde os pobos e non exclusivamente desde os Estados.
Ao mesmo tempo, o seu europeísmo tiña unha dimensión cultural particularmente intensa. A súa obra literaria, xeográfica e ensaística establece un diálogo permanente entre Galicia e as grandes tradicións europeas. As paisaxes galegas aparecen relacionadas co mundo atlántico; a historia do país interprétase como parte dos grandes procesos históricos europeos; e a identidade galega preséntase como resultado dunha síntese singular entre elementos propios e influencias compartidas co resto do continente.
Fronte ás visións que identificaban a modernización coa simple imitación de modelos alleos, Otero defendía que Galicia só podería incorporarse plenamente á Europa contemporánea afirmando a súa personalidade. A universalidade non consiste en renunciar ao propio, senón en proxectalo cara ao exterior. Europa representaba, así, o espazo onde Galicia podía desenvolver a súa vocación histórica sen deixar de ser ela mesma.
Esa Galicia non debía escoller entre ser galega ou ser europea pois a súa vocación histórica consiste precisamente en ser Galicia dentro de Europa. A modernización non debe supoñer a homoxeneización. Galicia pode ser plenamente moderna e plenamente galega, e precisamente por iso plenamente europea. Creo que esa formulación sintetiza con bastante fidelidade o seu pensamento e tamén o do galeguismo histórico, dende as Irmandades da Fala ata o Partido Galeguista.
Cinco décadas despois da súa morte, esta lectura conserva unha notable actualidade. Nun momento en que Europa volve interrogarse sobre o equilibrio entre integración e diversidade, entre unidade política e pluralidade cultural, o pensamento de Don Ramón Otero Pedrayo continúa ofrecendo aquela idea especialmente fértil de que a identidade galega e a identidade europea non son realidades contrapostas, senón dimensións complementarias dunha mesma pertenza histórica e cultural.
(Para Galicia Digital)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo