O discurso institucional do presidente da Xunta de Galicia con motivo do 25 de Xullo transmite unha mensaxe de confianza nos avances acadados por Galicia ao abeiro do autogoberno. Esa valoración é compartible. A autonomía permitiu superar atrasos históricos, modernizar o país e dotarse de servizos públicos e institucións que hoxe forman parte do patrimonio colectivo de todas e todos. Pero precisamente por iso sorprende que o horizonte político que se ofrece sexa tan limitado.
Porque a contradición máis evidente do texto reside en reclamar “mentes abertas” mentres se convida a centrarse exclusivamente no “noso”. Nun tempo marcado pola reconfiguración da orde internacional, pola revolución tecnolóxica, pola transición enerxética e pola competencia global polo talento, non abonda con administrar correctamente os asuntos cotiáns. O futuro de Galicia tamén se decide fóra das nosas fronteiras.
Pensar en positivo para Galicia e para os galegos significa, precisamente, ampliar a mirada. Significa entender que as decisións que se toman en Bruxelas, en Pequín, en Washington ou nos grandes centros da innovación condicionan directamente o noso desenvolvemento económico, científico, cultural e demográfico. A axenda dun goberno moderno non pode rematar nos límites administrativos da comunidade autónoma. Debe incorporar unha auténtica dimensión exterior, transversal ao conxunto das políticas públicas.
A moderación non está en discusión. Forma parte da cultura política e mesmo do ADN colectivo dos galegos. Nunca foi ese o noso principal déficit. O que Galicia necesita hoxe non é máis prudencia, senón máis ambición. Máis capacidade para anticiparse aos cambios. Máis vontade de liderar proxectos estratéxicos. Máis altura de miras e menos conformismo. Porque administrar ben o presente é unha obriga; preparar o futuro é unha responsabilidade.
Por iso tamén resulta reducionista presentar o debate como unha escolla entre o “si” e o “non”. Ese non é o verdadeiro dilema. O debate non está entre aceptar ou rexeitar cada proxecto concreto. Está entre unha Galicia que actúa con visión estratéxica e outra que simplemente reacciona aos acontecementos; entre unha Galicia que aspira a ocupar un lugar propio no mundo e outra que agarda a que outros decidan por ela; entre unha política que administra e outra que transforma.
En suma, non se trata de substituír a boa xestión do cotián, senón de complementala cunha visión estratéxica. A boa administración é condición necesaria, pero non suficiente. Un país tamén necesita horizonte.
A mellor maneira de defender os intereses de Galicia non consiste en mirar unicamente cara dentro. Consiste en proxectar Galicia cara fóra. En facer do eixe exterior unha ferramenta ao servizo da innovación, da internacionalización empresarial, da ciencia, da cultura, da captación de investimento e talento, da presenza institucional e da defensa dos nosos intereses nos grandes debates globais.
Por iso o lema non debería ser “Nós, ao noso”. Ese é un chamamento, paradoxalmente de corte nacionalista estreito, que, levado ao extremo, corre o risco de converter a moderación en resignación e a prudencia en irrelevancia. En efecto, “Nós, ao noso” pode que forme parte da tradición política galega e que exprese a vontade de defender os intereses do país. O problema é a interpretación que se fai del. Porque hoxe “ao noso” parece significar limitar o horizonte político á administración do inmediato, cando precisamente defender Galicia esixe ampliar a mirada e actuar nun escenario global.
O reto é outro: desde nós, ao de todos. Desde unha identidade sólida e segura de si mesma, participar activamente na construción do mundo que vén. Porque canto máis presente estea Galicia no mundo, máis Galicia haberá tamén dentro de Galicia.
Durante boa parte do século XX, para Galicia o reto era “ser”: afirmar unha identidade, conquistar o autogoberno, recuperar a lingua, construír institucións propias. Hoxe ese reto está, en boa medida, consolidado. O desafío do século XXI xa non é tanto ser como contar. Contar nos lugares onde se toman as decisións que condicionan o noso futuro.
(Para Faro de Vigo)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo