A acción exterior dunha comunidade autónoma xa non é un luxo nin unha extravagancia institucional: é unha necesidade estrutural nun sistema internacional crecentemente fragmentado, competitivo e imprevisible. Nun contexto marcado pola reconfiguración das cadeas de subministración, a rivalidade entre grandes potencias e a politización dos fluxos económicos e tecnolóxicos, territorios como Galicia non poden limitarse a unha posición reactiva. Estar no mundo, con voz propia e estratexia definida, convértese nunha condición para protexer intereses, captar oportunidades e evitar a irrelevancia.
Galicia, pola súa historia, posición xeográfica e estrutura produtiva, posúe elementos singulares que fan da acción exterior unha política pública de primeira orde. A súa condición atlántica, a diáspora global, o peso do sector pesqueiro e agroalimentario, ou a presenza de empresas internacionalizadas son activos que, ben articulados, poden traducirse en influencia, investimentos e alianzas. Sen embargo, a realidade actual amosa unha certa desconexión entre este potencial e a práctica institucional, o que revela a necesidade dun replantexamento profundo.
A acción exterior dunha autonomía debe ser entendida como unha política transversal, non restrinxida a un departamento ou a unha sucesión de iniciativas illadas. Implica coordinación interdepartamental, continuidade no tempo e unha clara definición de prioridades. Pero, sobre todo, require liderado político. Sen unha vontade clara de situar Galicia no mapa global, calquera esforzo corre o risco de diluírse en accións simbólicas ou descoordinadas.
Neste sentido, resulta clave asumir que a acción exterior é unha responsabilidade compartida. Non é patrimonio exclusivo do goberno autonómico, senón que debe integrar a sociedade no seu conxunto, especialmente aqueles actores máis dinámicos: empresas, universidades, centros de investigación e think tanks, clusters sectoriais e a propia diáspora. Estes axentes non só amplían a capacidade de proxección internacional, senón que achegan coñecemento, redes e credibilidade. A súa implicación efectiva require mecanismos de participación reais e estables, evitando caer en fórmulas consultivas meramente formais.
Pacto pola acción exterior
De aí a pertinencia dun pacto pola acción exterior de Galicia. Un acordo de país que transcenda ciclos políticos e estableza liñas mestras compartidas: obxectivos estratéxicos, ámbitos prioritarios e instrumentos de actuación. Este pacto permitiría dotar de estabilidade e coherencia a unha política que, pola súa natureza, require continuidade e previsibilidade. Ademais, contribuiría a desactivar a tentación de instrumentalizar a acción exterior con fins partidarios, algo especialmente prexudicial nun ámbito onde a credibilidade é un activo esencial.
A relación co Estado constitúe outro elemento central. A acción exterior das comunidades autónomas foi tradicionalmente observada con certa desconfianza, como se implicase unha sorte de competencia coa política exterior estatal. Non obstante, esta visión resulta cada vez máis anacrónica. Nun mundo interdependente, a suma de capacidades subestatais pode reforzar, e non debilitar, a posición internacional do conxunto. O reto pasa por construír unha arquitectura de cooperación baseada na lealdade institucional, na claridade competencial e na complementariedade.
O Estado debería, neste sentido, asumir un papel facilitador: proporcionando marcos normativos claros, instrumentos de coordinación eficaces e recursos que permitan ás autonomías desenvolver unha acción exterior rigorosa. Isto implica tamén recoñecer que moitas das políticas con dimensión internacional -desde a innovación ata o comercio exterior ou a transición ecolóxica- teñen unha forte compoñente territorial. Ignorar esta realidade non só limita o potencial das autonomías, senón que reduce a eficacia da acción exterior estatal no seu conxunto.
Perdendo o tren
No caso galego, a percepción de que se está “perdendo o tren” neste ámbito non carece de fundamento. Nun momento no que outras rexións europeas e doutros continentes están reforzando a súa presenza internacional con estratexias definidas e recursos crecentes, Galicia semella instalada nunha certa inercia. A ausencia dun liderado claro e dunha narrativa coherente tradúcese nunha acción exterior fragmentada, máis reactiva que proactiva. A isto súmase a tendencia a antepoñer consideracións políticas ou ideolóxicas a unha análise empírica das necesidades e oportunidades, o que dificulta a construción de consensos amplos.
Reverter esta situación esixe, en primeiro lugar, un exercicio de realismo estratéxico. Galicia debe identificar con precisión aqueles ámbitos nos que pode xerar vantaxes competitivas no plano internacional. O sector mar-industria constitúe, sen dúbida, un dos eixos fundamentais. A experiencia acumulada en pesca, transformación e xestión de recursos mariños sitúa Galicia nunha posición privilexiada para liderar iniciativas en gobernanza oceánica, sustentabilidade e innovación mariña.
Outro ámbito prioritario é o da transición enerxética. O potencial eólico -tanto terrestre como mariño-, xunto coa capacidade industrial asociada, abre oportunidades para posicionarse en cadeas de valor emerxentes vinculadas ás enerxías renovables. Isto require, non obstante, unha estratexia clara que combine atracción de investimento, desenvolvemento tecnolóxico e inserción en redes internacionais.
A internacionalización do sistema universitario e científico é igualmente clave. As universidades galegas e os centros de investigación poden actuar como vectores de proxección exterior, atraendo talento e participando en proxectos internacionais de alto impacto. Para iso, cómpre reforzar os instrumentos de apoio á mobilidade, á cooperación científica e á captación de fondos europeos.
Non se pode esquecer tampouco o papel da diáspora galega, unha das máis extensas e cohesionadas de Europa. Lonxe de ser un elemento meramente simbólico, a diáspora pode funcionar como unha rede global de influencia, facilitando contactos, investimentos e iniciativas culturais e económicas. Activar este potencial require políticas específicas, baseadas no coñecemento e na interacción continua, e que trascendan o mero asistencialismo.
Finalmente, sectores como o turismo, a cultura e a lingua ofrecen tamén oportunidades para construír unha imaxe internacional diferenciada. A proxección da identidade galega, ben articulada, pode contribuír a reforzar a posición de Galicia nun mercado global onde a singularidade é un valor engadido. A nosa industria cultural goza de calidade e competencia como para abrirse camiño no mundo.
En definitiva, a acción exterior de Galicia non pode seguir sendo unha política secundaria nin subordinada a dinámicas internas de curto prazo. Nun mundo inestable, a capacidade de anticiparse, establecer alianzas e posicionarse estratexicamente convértese nun factor determinante de desenvolvemento. A alternativa é a irrelevancia.
(Para o informe anual Nós no Mundo 2026, IGADI)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo