Hai lugares que precisan construír moi laboriosamente unha identidade internacional. Outros teñen que investir en promoción, tecer alianzas, inventar acontecementos ou procurar un lugar nun mapa no que abundan os aspirantes á notoriedade. Baiona, pola contra, dispón dun privilexio que moitas urbes considerarían un ben incalculable: ocupar un lugar propio nun dos episodios decisivos da historia universal. E, sen embargo, non parece ter sabido extraer todas as consecuencias desa circunstancia. A historia fíxolle un agasallo extraordinario; a política local segue sen atopar a maneira de abrilo.
O 1 de marzo de 1493, a chegada da carabela La Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, converteu Baiona no primeiro lugar de Europa en recibir noticias do éxito da expedición colombina. A nova da chegada a terras ata entón descoñecidas para os europeos anunciaba unha transformación radical da percepción do mundo e abría unha etapa cunhas consecuencias que aínda hoxe nos interpelan. Baiona quedou así asociada a un acontecemento de dimensión planetaria, moi superior aos límites da súa xeografía e da súa historia local. A maiores, esa circunstancia permítelle construír unha interpretación propia dun acontecemento de alcance global.
Non é pouca cousa. De feito, resulta difícil imaxinar un activo simbólico de maior potencial para unha vila do seu tamaño. E, con todo, esa singularidade non parece ter dado lugar a unha estratexia sostida, capaz de converter a memoria histórica nun instrumento de pensamento, relacións internacionais e proxección exterior. Baiona celebra o seu pasado, pero non acaba de construír un futuro a partir del. Semella que aínda non descubriu que ten unha dimensión internacional!
Cómpre aclarar que non se trata de cuestionar o valor das celebracións, das recreacións históricas nin das iniciativas destinadas a atraer visitantes. Todo iso pode cumprir unha función cultural, turística e económica perfectamente lexítima. O problema aparece cando a conmemoración se converte no horizonte máximo dunha oportunidade que, pola súa propia natureza, reclama algo máis. Un acontecemento de alcance universal non debería quedar reducido a unha cita no calendario, por moi vistosa e concorrida que resulte.
En suma, Baiona parece ter resolta a posta en escena da historia, pero segue sen resolver que facer con ela.
A diferenza entre ambas as dúas cousas é a que separa unha política de promoción dunha política de proxección internacional. A primeira procura visitantes; a segunda aspira a xerar coñecemento, establecer vínculos, promover debates e construír unha presenza duradeira no mundo. Non son opcións incompatibles, naturalmente. O que resulta discutible é que a primeira absorba case toda a atención mentres a segunda continúa á espera dunha oportunidade que, en realidade, leva máis de cinco séculos dispoñible.
Os intentos do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), en tempos radicado en Baiona, por impulsar un Foro Iberoamericano e outras iniciativas orientadas a desenvolver esa dimensión internacional de Baiona apuntaron precisamente nesa dirección. A proposta consistía en aproveitar a singularidade histórica da vila para articular un espazo de encontro, reflexión e cooperación. Non obstante, da experiencia destas iniciativas dedúcese que faltou un compromiso institucional suficientemente claro para asegurar a súa continuidade e consolidación. A oportunidade de transcender a conmemoración e construír un proxecto de maior alcance volveu quedar, en boa medida, pendente.
O modelo predominante foi máis ben feirante, no mellor sentido da expresión, combinando celebración, recreación, actividade e promoción. Non hai nada ilexítimo nese enfoque, pero si unha lamentable limitación cando se presenta como destino final. A historia pode converterse nunha mercadoría turística, mais tamén nun recurso intelectual e político de enorme valor. A cuestión é decidir se queremos explotar a súa capacidade de atracción durante uns días ou desenvolver todo o seu potencial ao longo do ano.
Non estamos necesariamente ante un problema de ambición, que tamén, senón dunha carencia máis elemental, isto é, da capacidade de recoñecer o valor dos recursos propios e de pensar estratexicamente a partir deles. Hai lugares que invisten grandes cantidades en fabricar unha identidade internacional. Aquí perto, mesmamente. Pensemos en Vilanova da Cerveira e a súa Bienal de Arte, que xa vai pola XXIV edición. Baiona ten unha parte substancial dese traballo feita pola propia historia e, malia iso, parece conformarse cunha utilización discreta, cando non anecdótica, do seu principal activo diferencial. Ás veces, a falta de visión estratéxica resulta máis custosa que a falta de recursos.
O asunto, ademais, non debería interpretarse exclusivamente en clave municipal. O significado de 1493 excede Baiona, do mesmo xeito que a súa eventual proxección podería beneficiar o conxunto de Galicia. A vila ofrece unha localización e unha memoria singulares; Galicia pode achegar universidades, centros de investigación, institucións culturais e unha reflexión propia sobre a súa relación histórica co Atlántico. E o Estado podería contribuír a dotar esa iniciativa dunha dimensión máis ampla, favorecendo a cooperación con institucións europeas e americanas.
Cabería imaxinar un foro internacional permanente sobre a historia atlántica e as relacións entre Europa e América; un programa anual de encontros académicos, publicacións e debates; unha rede de cooperación con universidades e cidades iberoamericanas; ou un espazo de reflexión sobre as transformacións do sistema internacional á luz daquela primeira conexión global. Non se trataría de organizar máis actividades por organizalas, senón de dotar Baiona dunha función recoñecible e continuada, capaz de atraer coñecemento, interlocutores e iniciativas de alcance internacional.
Un proxecto así tampouco debería caer nunha lectura triunfalista da expansión europea nin converter 1493 nunha efeméride allea ás contradicións da historia. A súa fortaleza residiría, precisamente, na capacidade de abordar con rigor as consecuencias do encontro entre mundos, os procesos de conquista e colonización, as relacións culturais e económicas e as múltiples interpretacións que aquel acontecemento suscita. A memoria histórica gaña relevancia cando non se limita a celebrar, senón que tamén permite comprender e discutir.
É aí onde Baiona podería atopar unha verdadeira oportunidade apostando non por competir con outros destinos turísticos nin por aspirar a unha notoriedade desmedida, senón en construír unha identidade internacional apoiada no coñecemento e na cooperación. Para iso cómpre algo máis que unha boa idea. Precísase altura de miras, continuidade institucional, colaboración entre administracións e capacidade para pensar máis alá dos ciclos electorais. A historia ofrece o punto de partida, pero non substitúe o traballo político necesario para convertela nun proxecto.
Baiona non ten que inventar unha relación co mundo. Ten que decidir que quere facer coa que xa posúe. E esa decisión non debería depender unicamente da sensibilidade ou da vontade de cada goberno municipal, senón dunha comprensión compartida do valor que esta circunstancia representa para Galicia.
Neste contexto, a verdadeira anomalía non é que unha vila pequena poida ocupar un lugar referencial na política internacional. É que, contando cunha ligazón tan excepcional coa historia universal, non faga dela unha oportunidade para pensar, dialogar e proxectarse máis alá de si mesma. Esa Baiona podería ser un lugar onde o pasado non se contempla unicamente, senón que se discute, ofrecendo un espazo de reflexión rigorosa, capaz de incorporar perspectivas históricas diversas e de conectar a memoria de 1493 cos debates contemporáneos. E Galicia gañaría un instrumento de proxección exterior que non dependería de inventar unha marca, senón de desenvolver unha realidade histórica propia.
En síntese, Baiona non está de costas ao mundo porque o mundo a ignore, senón porque aínda non parece ter decidido que quere facer co lugar que a historia lle concedeu nel. A oportunidade segue aí. O que falta é transformar a memoria en estratexia, a efeméride en institución e o orgullo local nun proxecto de proxección internacional. Non é pouco pedir. Pero, cando a historia xa fixo a súa parte, tampouco semella demasiado.
(Na foto: Baiona celebra o Día da Hispanidade con un “Tributo a Los Panchos”, 12-10-2026)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo