Hai fronteiras que separan territorios e outras que, co paso do tempo, acaban revelando a existencia dunha proximidade que as divisións políticas non conseguiron borrar. O Miño pertence a esta segunda categoría. Durante séculos, a raia condicionou as relacións entre Galicia e Portugal, pero nunca chegou a desfacer unha trama de afinidades lingüísticas, culturais, económicas e antropolóxicas que se manifesta con especial intensidade nas comunidades asentadas ás dúas beiras do río.
A integración europea e a cooperación transfronteiriza abriron novas posibilidades para recuperar esa proximidade. En 1991, a creación da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal inaugurou unha etapa de institucionalización das relacións que se prolongaría coa constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial en 2008. Trinta e cinco anos despois daquel primeiro paso, a cooperación está asentada e os intercambios forman parte da vida cotiá. Non obstante, o balance presenta unha ambigüidade que merece ser examinada pois avanzamos na construción dun espazo económico e funcional compartido, pero non necesariamente na configuración dunha conciencia territorial común.
A fronteira é hoxe máis permeable, pero non desapareceu como referencia política, administrativa e mental. A un lado segue estando Portugal e ao outro “Espanha”. A mobilidade, as relacións comerciais, o turismo e a cooperación municipal reduciron obstáculos e multiplicaron oportunidades, mais non abondan por si mesmos para xerar un sentimento de pertenza e de autorecoñecemento. Un territorio pode estar integrado sen chegar a recoñecerse como comunidade. O cal quer dicir que a identidade non nace só dos programas europeos. Hai unha historia de relacións familiares, mercados, costumes, devocións, formas de traballo, música e sociabilidade que precede a institucionalización. Afondar nesa realidade permitiría evitar que a identidade miñota aparecese como unha invención administrativa ou unha simple marca turística.
O reto miñoto consiste precisamente en converter a proximidade xeográfica e a cooperación práctica nunha identidade compartida.
As eurocidades como arquitectura para a cooperación
O desenvolvemento das eurocidades representa unha das expresións máis visibles deste proceso. Tui e Valença abriron camiño en 2012; Salvaterra de Miño e Monção incorporáronse en 2015, e Tomiño e Vila Nova de Cerveira fixérono en 2018. En 2026, a aprobación do protocolo da Eurocidade do Minho, con Melgaço, Arbo, As Neves, Crecente e A Cañiza, e o inicio do proxecto da Eurocidade da Foz do Miño, con O Rosal, A Guarda e Caminha, ampliaron esta xeografía da cooperación.
A lóxica é acertada ao propor compartir servizos, coordinar recursos, dinamizar as economías locais, promover o turismo e reforzar os vínculos culturais. As eurocidades poden contribuír a que a fronteira deixe de ser un obstáculo para a organización da vida cotiá. Son, ademais, laboratorios de gobernanza que permiten comprobar que determinados problemas se resolven mellor desde a cooperación ca desde a actuación unilateral de cada administración.
Mais aquí aparece unha cuestión fundamental. Unha eurocidade non é necesariamente unha comunidade identitaria. A creación dunha estrutura administrativa común non implica que as persoas que viven nela se recoñezan como membros dun mesmo espazo social. Pódense compartir proxectos, servizos e infraestruturas sen desenvolver unha narrativa común sobre o territorio, a súa historia e o seu destino. Nin sequera, como constatamos a cotío, unha mellor comprensión das respectivas identidades.
O risco é que a institucionalización da cooperación acabe absorbendo boa parte das enerxías dispoñibles. A relación transfronteiriza pode converterse entón nunha sucesión de convenios, programas e convocatorias europeas, cuxos resultados son útiles e necesarios, pero insuficientes para alimentar unha conciencia colectiva. A arquitectura institucional é unha condición importante; non pode ser, sen embargo, o horizonte último do proxecto.
Da cooperación institucional á sociedade civil
A identidade non se decreta nin se constrúe unicamente desde os concellos. Fórmase mediante experiencias compartidas, relacións interpersoais, intercambios culturais e educativos, memoria colectiva e conciencia de intereses comúns. Precisa institucións que a faciliten, pero tamén unha sociedade civil que a faga súa.
É aquí onde se percibe unha das principais carencias do proceso. A cooperación transfronteiriza non sempre conseguiu dotar a cidadanía dun papel protagonista. As entidades culturais, as asociacións, os centros educativos, as universidades, os medios de comunicación, os creadores e os axentes económicos poderían desempeñar unha función decisiva na construción dun espazo miñoto que non dependa exclusivamente das iniciativas públicas.
Cómpre, por tanto, superar unha concepción da fronteira como lugar de paso ou escenario de oportunidades económicas. O Miño pode ser tamén un espazo de produción cultural, de reflexión compartida e de elaboración dunha memoria común. Un territorio que non só coopera, senón que se pensa a si mesmo.
Isto esixe prestar atención ás afinidades lingüísticas e antropolóxicas sen ignorar as diferenzas históricas, políticas e culturais que tamén existen. A identidade miñota non precisa diluír as pertenzas galega e portuguesa, nin formular unha oposición entre elas. Pode construírse desde o recoñecemento mutuo, como unha identidade complementaria, asentada na experiencia dunha proximidade que a fronteira non conseguiu anular.
O Miño como proxecto
O Miño ofrece unha base xeográfica e simbólica excepcional para este empeño. É río, paisaxe, vía de comunicación, memoria e sustento económico. Pero tamén pode ser unha referencia para imaxinar unha forma distinta de organizar as relacións entre territorios veciños, menos condicionada polas lóxicas estatais e máis atenta ás necesidades e aspiracións das comunidades que viven na raia.
A cuestión non é negar a existencia da fronteira nin ignorar o marco político ao que pertencen as dúas beiras. Trátase de evitar que ese marco determine por completo o horizonte das relacións. O espazo miñoto pode desenvolver unha personalidade propia sen deixar de ser galego e portugués, do mesmo xeito que a cooperación local pode adquirir unha dimensión identitaria sen renunciar á súa utilidade práctica.
Trinta e cinco anos despois do inicio da cooperación institucional, quizais chegou o momento de formular unha pregunta distinta. Xa non abonda con saber canto comercio, cantos proxectos ou cantos servizos compartidos xera a relación transfronteiriza. Cómpre preguntarse tamén que comunidade está contribuíndo a construír e ata que punto a cidadanía se recoñece nela.
O éxito da cooperación non debería medirse unicamente pola capacidade de facer máis cousas en común, senón tamén pola de desenvolver unha conciencia de pertenza. O desafío é pasar dun territorio coordinado a un territorio compartido; dunha fronteira que funciona mellor a unha comunidade que comeza a recoñecerse como tal.
A cooperación pode estar avanzando nos seus instrumentos e, ao mesmo tempo, quedar curta no seu obxectivo máis profundo. O Miño une as dúas beiras desde moito antes de que existisen as eurocidades. O que está pendente é que esa proximidade deixe de ser só unha realidade xeográfica, histórica e funcional para converterse tamén nunha vontade colectiva. A identidade miñota non é unha herdanza que abonde con recuperar e é, sobre todo, un proxecto que aínda está por construír.
(Para Praza Pública)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo