Hai cousas que anuncian o outono antes de que o calendario teña tempo de poñerse serio. Baixa un pouco a luz, refresca a mañá, as tardes empezan a acurtar e, sobre todo, aparecen as primeiras follas no chan. Unha aquí, outra alá. Despois algunhas máis. E un día, sen previo aviso, descubrimos que o outono chegou.
Ou chegaba.
Porque en Baiona parece que tamén neste asunto decidimos anticiparnos á natureza. Antes de que o outono se manifeste plenamente, xa comezou a operación de poda preventiva: cortar, limpar, recoller, varrer, retirar. Todo perfectamente ordenado. Nin unha folla fóra de sitio. Nin unha sospeitosa evidencia de que as árbores, contra o que ás veces parece que pensamos, teñen a teimosía de seguir o seu propio calendario.
É curioso isto da prevención. Hai quen parece disposto a chegar antes que a propia estación para impedir que a estación aconteza.
A folla cae porque ten que caer. É unha das formas máis humildes e fermosas da natureza de dicirnos que o tempo pasa. Pero as autoridades semella que prefiren que caia dentro dunha bolsa de lixo, perfectamente clasificada, antes de que ninguén poida pisala.
E iso que pisar follas ten o seu aquel e algo de ritual. A quen non lle gusta ese crac-crac baixo os pés? Hai poucas cousas tan sinxelas e tan gratuítas capaces de anunciar unha estación. Camiñar sobre unha alfombra de follas secas é, dalgún xeito, asinar a chegada do outono. Unha pequena liturxia urbana que non precisa de curas, pregóns nin programación municipal.
Pero estamos empeñados en aforrarnos tamén iso.
Quizais alguén considere que unha folla no chan é unha anomalía, unha falta de disciplina, unha ameaza ao decoro público. Unha folla fóra da árbore debe ser inmediatamente retirada, como se a natureza tivese a obriga de manter permanentemente impecable o espazo público.
E así, pouco a pouco, imos conseguindo o imposible, é dicir, que o outono chegue sen outono.
En Baiona queremos librarnos dese pequeno “pesadelo” de follas que caen, se acumulan, voan co vento, mollan coas chuvias e, ás veces, incluso se atreven a formar unha paisaxe.
Hai que recoñecer que é unha estratexia audaz esa de eliminar o problema antes de que exista.
Xa quixéramos ver tanta premura á hora de afrontar outros problemas. Esa velocidade preventiva para as follas podería resultar extraordinariamente útil noutros ámbitos da vida pública. Que marabilla sería ver chegar unha brigada antes de que aparecese un problema de verdade, coa mesma determinación coa que se eliminan as follas antes de que teñan ocasión de caer todas.
Pero non pidamos imposibles.
As follas, por fortuna, non votan, non protestan e non presentan alegacións. Caen silenciosamente e aceptan o seu destino. Son, por tanto, un adversario perfecto para a eficiencia administrativa.
O problema é que, ao varrer as follas, non só varremos follas. Estamos a varrer tamén unha parte do calendario.
Porque o outono non é simplemente unha temperatura ou unha data no almanaque. É unha cor, unha luz, un cheiro, un ruído. É esa folla que cae xusto cando pasamos. É a árbore que comeza a espirse lentamente. É a sensación de que algo está cambiando aínda que non saibamos moi ben que.
Porque hai cousas que non necesitan ser arranxadas. Necesitan simplemente acontecer. Se o limpamos todo antes de tempo, que queda?


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo