A terceira lexislatura de Narendra Modi non leva nin dous anos e xa se enfronta á súa primeira gran crise política de alcance. O detonante foi, en aparencia, o asunto concreto das filtracións dos exames de acceso aos estudos de Medicina e outras graves irregularidades nas probas de secundaria. Nun país onde o acceso á educación superior depende de procesos extraordinariamente competitivos, as anomalías foron vividas como unha auténtica quebra do contrato de confianza entre o Estado e a cidadanía. A frustración foi aínda maior porque, para moitas familias, anos de sacrificio económico e persoal parecían quedar reducidos á arbitrariedade dun sistema incapaz de garantir igualdade de oportunidades.
Mais axiña se fixo evidente que a indignación estudantil transcendía con moito o escándalo educativo. O que emerxeu foi unha protesta contra un sistema percibido como cada vez máis inxusto, opaco e incapaz de ofrecer oportunidades reais a unha xeración que constitúe o principal activo demográfico da India.
As protestas convertéronse rapidamente na maior mobilización xuvenil desde a chegada de Modi ao poder en 2014. A organización espontánea do irónico “Partido das Cascudas” simbolizou unha nova forma de activismo político. O nome recuperaba con sarcasmo unha expresión utilizada nun debate público para menosprezar a mocidade desempregada. Aquilo que pretendía ser un insulto transformouse nun emblema colectivo. Como xa acontecera noutras latitudes, a xeración máis nova apropiouse da descualificación para convertela nun instrumento de identidade e resistencia.
O fenómeno revela unha novidade significativa. A Xeración Z india mostrou unha notable capacidade para organizarse fóra das estruturas partidarias tradicionais, utilizando as redes sociais como espazo inicial de mobilización para trasladar despois a protesta ás rúas. O malestar non se limitaba á repetición dun exame nin á dimisión dun ministro. Expresaba unha preocupación moito máis profunda pola credibilidade das institucións, pola transparencia dos procesos de selección para o emprego público, polo desemprego xuvenil e pola sensación de que o mérito xa non garante un futuro.
A dimisión do ministro de Educación, Dharmendra Pradhan, constitúe por iso unha concesión política de considerable importancia. Trátase da primeira renuncia dun membro destacado do Goberno directamente vinculada á presión social desde o inicio do terceiro mandato de Modi. Para este, o episodio supón un aviso serio. O Bharatiya Janata Party (BJP) construíu durante anos unha imaxe de eficacia administrativa. A crise educativa golpea directamente esa narrativa, pois cuestiona precisamente a competencia do Estado nun ámbito especialmente sensible para as clases medias urbanas, un dos principais soportes electorais do primeiro ministro.
Con todo, sería un erro interpretar esta crise unicamente como consecuencia das irregularidades nos exames. Hai tensións que veñen de atrás. A India continúa exhibindo elevadas taxas de crecemento económico e aspira a converterse na terceira economía mundial, pero ese dinamismo convive cun mercado laboral incapaz de absorber os millóns de mozos que cada ano se incorporan á procura dun emprego cualificado. O denominado “dividendo demográfico” corre o risco de transformarse nunha fonte de frustración se as expectativas educativas non atopan continuidade na creación de oportunidades profesionais.
Ao mesmo tempo, persisten desafíos estruturais que seguen sen atopar unha solución satisfactoria. A situación en Caxemira continúa sendo un foco permanente de tensión política e de seguridade. As desigualdades territoriais permanecen moi marcadas. As relacións entre comunidades relixiosas seguen sometidas a episodios de polarización. E a crecente concentración do poder arredor da figura de Modi suscita interrogantes sobre a capacidade das institucións para canalizar o descontento sen recorrer á confrontación.
Nada disto significa que o liderado de Modi estea próximo ao seu colapso. O BJP continúa sendo a principal forza política da India e o primeiro ministro conserva unha considerable autoridade persoal. Pero as protestas estudantís introducen un elemento novo ao amosar que existe unha xeración máis preocupada polas cuestións cotiás que afectan directamente ao seu futuro. As “cascudas” son o síntoma dun malestar xeracional que cuestiona a capacidade do modelo político actual para responder ás expectativas dunha sociedade nova, urbana e hiperconectada. O emprego, a educación, a transparencia institucional e a mobilidade social emerxen como prioridades que poden alterar parcialmente a axenda política dos próximos anos.
(Para Nós Diario)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo