Durante case catro décadas, a economía política da globalización industrial descansou sobre unha repartición relativamente estable de funcións: as economías occidentais concentraban o deseño, a propiedade das marcas, a innovación tecnolóxica e a fixación de estándares, mentres que China actuaba como o gran espazo de ensamblaxe global, achegando escala, custos competitivos e capacidade manufactureira. Esa arquitectura, presentada durante anos como unha interdependencia funcional, contiña en realidade a xerarquía implícita dunha China indispensable, mais subordinada; central na produción, mais periférica na toma de decisións.
Esa estrutura está a se erosionar de forma acelerada. O que hoxe observamos non é unha simple “emerxencia” chinesa, senón unha transformación de fondo na organización do poder industrial global. A combinación de capacidades tecnolóxicas propias, políticas industriais activas e dominio en cadeas de subministración estratéxicas permitiu a China deixar de ser exclusivamente a “fábrica do mundo” para se converter nun actor con capacidade de deseño, innovación e definición de estándares. A consecuencia é incómoda para os vellos equilibrios pois o sistema xa non xira arredor dun único centro normativo occidental.
As reaccións ante este cambio son, como cabía esperar, heteroxéneas. Entre a fascinación pola eficiencia do modelo chinés e a tentación da contención estratéxica, ábrese un abano de posicións que oscila entre a vinculación selectiva e a desvinculación parcial. ¿Cooperar ou depender? En termos prácticos, a cuestión non é tanto se integrarse ou non nesta nova realidade, senón baixo que condicións, con que grao de dependencia tecnolóxica e con que capacidade de autonomía estratéxica. Igual que na política internacional, a lóxica de bloques ríxidos resulta cada vez menos operativa.
Un exemplo particularmente ilustrativo desta reconfiguración é a colaboración entre Stellantis e Leapmotor. O acordo polo cal Stellantis abriría a súa planta en Zaragoza á produción conxunta de vehículos eléctricos con Leapmotor non é un simple movemento industrial, senón un síntoma dunha transición máis ampla. Trátase da confluencia de dúas dinámicas simultáneas: por unha banda, a revolución tecnolóxica do vehículo eléctrico; por outra, unha crise estrutural da industria automobilística europea, atrapada entre a competencia global e a necesidade de reconversión acelerada.
Neste contexto, a Unión Europea aparece como un espazo normativo esixente mais estratéxicamente incerto. As políticas climáticas e de descarbonización impulsan a electrificación do parque automobilístico, mais a dependencia tecnolóxica e de compoñentes críticos introduce vulnerabilidades novas. A cooperación con actores chineses acelera a transición, mais tamén abre interrogantes sobre transferencia tecnolóxica, dependencia industrial e capacidade de control a medio prazo. As alianzas, neste sentido, non son neutras e xeran simultaneamente sinerxías produtivas e interdependencias estratéxicas.
Máis amplamente, as regras da globalización están a ser reescritas. O relato dunha economía mundial articulada baixo liderado occidental xa non describe adecuadamente a realidade. No seu lugar, aparece un sistema máis fragmentado, máis competitivo e menos xerárquico, no que China deixa de ser un actor subordinado para se converter nun polo estruturador. A cuestión xa non é só económica, senón tamén política e apunta a como soster espazos de diálogo e cooperación nun entorno de crecente competencia e ata conflito.
Neste marco, a captación de investimento chinés converteuse nun asunto de relevancia estratéxica para países europeos que buscan posicionarse nas novas cadeas de valor. España, e en particular Galicia, non son alleos a esta dinámica. A atracción de capital, tecnoloxía e proxectos industriais pode desempeñar un papel relevante na modernización produtiva e na inserción en sectores de alto valor engadido. Esta apertura debe ser abordada desde unha lóxica de cálculo estratéxico.
O desafío consiste, precisamente, en equilibrar oportunidades e riscos. Entre os primeiros, destacan a creación de emprego, a reindustrialización e a incorporación a sectores tecnolóxicos en expansión. Entre os segundos, a dependencia tecnolóxica, a posible asimetría na toma de decisións e a vulnerabilidade ante tensións xeopolíticas externas. A cuestión non é, polo tanto, se o investimento chinés é “bo” ou “malo” en abstracto, senón baixo que condicións institucionais, regulatorias e estratéxicas pode ser integrado sen comprometer marxes esenciais de autonomía.
O escenario actual obriga a abandonar lecturas simplistas. Nin o peche defensivo nin a apertura acrítica ofrecen respostas suficientes. A realidade é máis incómoda e, precisamente por iso, máis relevante ao estarmos ante unha recomposición da orde industrial global na que a capacidade de xestionar interdependencias asimétricas será tan importante como a de atraer investimento ou tecnoloxía.
(Para Faro de Vigo)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo