Xulio Ríos, fundador do Igadi: “Galicia debe facer de China un eixe do seu desenvolvemento”

O ensaísta e experto en política internacional, especialmente en China, analiza as oportunidades que ofrece o ascenso do xigante asiático para a comunidade galega e reivindica unha alianza con Portugal a través de Macao como vía para acceder ao mercado chinés.

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), fundado por Xulio Ríos (Moaña, 1958) en 1991, é un think tank galego que pretende analizar os cambios do mundo desde a perspectiva de Galicia. Ao longo destas décadas contribuíu a achegar a realidade internacional á sociedade galega, aínda que o seu impulsor considera que segue a faltar un maior compromiso institucional co pensamento estratéxico propio.

Estamos probablemente no epicentro dunha longa transición cara a unha nova orde mundial. Que cambios podemos esperar?
Estamos no epicentro dunha transición cara a unha nova orde mundial de perfil aínda incerto. O evidente é que a hexemonía occidental está máis cuestionada que nunca e que China emerxe como un actor con moitísimo potencial para transformar as relacións internacionais. A aposta chinesa non parece ser substituír unha hexemonía por outra, senón establecer unha orde multipolar baseada na cooperación. Porén, será un proceso longo: tanto o ascenso de China como a decadencia de Occidente levarán tempo.

Neste novo escenario, que papel lle queda a Europa?
Europa está nunha situación complicada, con múltiples factores que comprometen o seu protagonismo na nova orde internacional. Perdeu parte da autoridade moral que mantivo durante a Guerra Fría e a posguerra fría, vinculada á defensa dos dereitos humanos, a cooperación e o diálogo. Tamén está a diminuír a súa cohesión política, con posicións cada vez máis fragmentadas. A isto súmase a súa ausencia na transformación tecnolóxica, na que destaca máis pola regulación que pola innovación, e a falta de autonomía estratéxica. Por último, preocupa o auxe do neomilitarismo e dos programas de rearme, fronte á tradición europea de procura da paz. O mundo avanza por determinados camiños e Europa está quedando atrás, tanto no ámbito político como no tecnolóxico.

Na súa obra, El gran siglo de China, aborda as fronteiras que poden cambiar a orde mundial. Por que a cuestión territorial resulta tan importante para entender as ambicións internacionais de Pequín?
A cuestión territorial está historicamente ligada á lexitimidade política en China. Para Pequín, completar a modernización implica tamén resolver asuntos pendentes como a reunificación, especialmente Taiwán. Esta cuestión ten a súa orixe no chamado século da humillación, marcado pola intervención das potencias occidentais e os conflitos territoriais con Hong Kong, Macao e Taiwán. Mentres que os dous primeiros están en boa medida resoltos, a illa segue pendente. Por iso, modernización e reunificación son as dúas caras dunha mesma moeda e un dos grandes retos chineses para os próximos 25 anos.

Que oportunidades e riscos representa o ascenso de China para España e Galicia? Estamos aproveitando o noso potencial?
China é hoxe un actor económico fundamental e manter relacións activas con ela é imprescindible para calquera economía, especialmente pola súa crecente importancia nos ámbitos tecnolóxicos e de futuro. España é un dos países europeos mellor posicionados para relacionarse con Pequín e Galicia captou nos últimos anos investimentos importantes que representan unha oportunidade. O reto é optimizar esa relación e convertela nunha vinculación máis integral. Non debe limitarse ao comercio, senón incorporar tamén a política, a cultura e os ámbitos institucional e local, cunha perspectiva de cinco, dez ou quince anos. Galicia ten, ademais, a posibilidade de alcanzar un consenso político e social amplo para situar a relación con China entre os eixes do seu desenvolvemento, sen que iso sexa incompatible cos vínculos con Europa, América Latina ou Estados Unidos.

“É importante pensar o mundo desde Galicia, definir a nosa posición e aproveitar todas as nosas oportunidades”

Ademais de China, Galicia mantén vínculos históricos con América Latina e unha relación estratéxica con Portugal. Como podería aproveitar esas conexións para reforzar a súa proxección internacional?
No caso de China, sería interesante pensar en clave eurorrexional e impulsar unha alianza entre empresas galegas e portuguesas para posicionarse no mercado chinés. Temos unha porta pouco aproveitada: Macao. Aí podemos poñer en valor a relación histórica de Portugal con China e os vínculos lingüísticos e culturais, especialmente no contexto da Gran Baía, que inclúe Hong Kong, Macao e Guangdong e é un dos grandes motores do desenvolvemento chinés. A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal investiu moito na súa vertebración interna grazas ao financiamento europeo, pero pouco na súa proxección exterior. Falta capacidade e ambición para aproveitar oportunidades que poden ser exclusivas e que tamén teñen unha dimensión estratéxica.

Entón, Macao pode ser unha oportunidade para Galicia?
Macao pode ser unha porta de entrada para unha alianza entre Galicia e Portugal que facilite o acceso ao mercado chinés. O seu potencial reside na integración na Gran Baía e nos vínculos históricos, lingüísticos e culturais portugueses coa rexión. Para aproveitar esta oportunidade, Galicia necesita unha estratexia a longo prazo, baseada na cooperación, o investimento e a perseveranza.

A implantación de Saic en Ferrol abriría una nueva vía de inversión china en Galicia. ¿Qué importancia estratéxica podería ter esta operación para a economía galega e como debería posicionarse a comunidade para aproveitar a chegada de empresas chinesas?
Representa un cambio de escala que xera capacidade industrial nova cun recoñecido compoñente tecnolóxico e ten o potencial de converter Galicia nunha referencia para outros investimentos chineses de alto valor engadido. Nun momento en que a industria mundial está a redefinirse, Saic suma a Galicia á xeografía industrial da transición tecnolóxica global e posibilita que poda converterse nun nó relevante da nova proxección industrial e tecnolóxica de China en Europa. A nosa estratexia debe consistir en procurar que bote raíces e que permita a construción dun sistema industrial duradeiro.

Para rematar, que debería facer Galicia nas próximas décadas para ter un papel máis importante no contexto internacional?
O primeiro é pensar por nós mesmos e traducir esa reflexión en políticas. Despois, comprometer os actores máis dinámicos da sociedade co seu desenvolvemento. Pensar, definir e comprometer. Con ese tridente, Galicia pode aproveitar mellor a longa transición dos próximos 20 ou 25 anos, na que se definirá a contorna do novo sistema internacional.

(En El Progreso)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo