O sistema das Nacións Unidas enfróntase ao crecente desafío da imposición de sancións unilaterais por parte dalgúns Estados contra os seus propios altos funcionarios. Esta práctica, intensificada desde 2020, xera unha fonda tensión entre o poder estatal, o dereito internacional e a autonomía das institucións globais.
No dereito internacional clásico, as sancións lexítimas son unicamente aquelas aprobadas colectivamente polo Consello de Seguridade da ONU ao abeiro do Capítulo VII da Carta. Estas inclúen embargos, conxelación de activos ou prohibicións de viaxe, e teñen como obxectivo manter a paz e a seguridade mundiais. A súa lexitimidade reside no seu carácter multilateral.
Fronte a este sistema formal, proliferaron sancións unilaterais, isto é, medidas coercitivas adoptadas por Estados -principalmente potencias occidentais- fóra do marco da ONU. Cando tales medidas se dirixen contra funcionarios internacionais, o conflito xurídico se agudiza.
Os funcionarios da ONU gozan de privilexios e inmunidades funcionais, non persoais, deseñados para garantir a súa independencia. Estas inmunidades existen “no interese da organización” e só poden ser levantadas se non prexudican o seu funcionamento. Polo tanto, sancionar un relator ou experto equivale a presionar indirectamente a propia ONU, vulnerando así a súa autonomía.
Un dos precedentes máis relevantes é a imposición de sancións por parte dos Estados Unidos contra maxistrados da Corte Penal Internacional e relatores da ONU. En 2025, a relatora especial sobre medidas coercitivas denunciou que estas accións constitúen un “grave precedente”, ao atacar persoas protexidas pola inmunidade internacional.
Un caso paradigmático é o de Francesca Albanese, relatora sobre Palestina, quen sufriu a prohibición de entrada aos EUA e a conxelación de activos. Aínda que de maneira menos formal, varios Estados europeos tamén exerceron presión política contra funcionarios, esixindo dimisións ou cuestionando a súa lexitimidade. Non se trata de sancións formais, pero si de mecanismos de coerción indirecta.
Ademais, a ONU denunciou reiteradamente que as sancións unilaterais -como as dos EUA contra Cuba- violan a Carta e afectan a poboación civil. En suma, os Estados sancionan países e, progresivamente, tamén a actores institucionais internacionais. O principal axente desta dinámica son os Estados Unidos, que institucionalizaron as sancións como ferramenta de política exterior.
Estas sancións, alleas á legalidade internacional, expoñen múltiples conflitos xurídicos. En primeiro lugar, supoñen unha violación da inmunidade funcional ao afectaren persoas protexidas polo réxime internacional que garante a súa independencia. En segundo termo, carecen totalmente de fundamento na Carta da ONU, xa que as sancións lexítimas deben ser colectivas; as unilaterais non teñen base legal. Por último, a extraterritorialidade -moitas sancións teñen efectos globais (por exemplo, no sistema financeiro)- xera tensións co principio de soberanía. As sancións afectan contas bancarias, mobilidade e reputación, limitando o labor profesional.
As implicacións deste proceder, cada vez máis recorrente, son profundas. Erosiona a independencia institucional, pois se os funcionarios temen sancións persoais, poden autocensurarse ou moderar os seus informes, afectando o sistema de dereitos humanos da ONU. Así mesmo, consolida progresivamente unha dualidade de facto entre un sistema multilateral formal e un sistema paralelo de coerción unilateral, o que fragmenta o sistema. E se un Estado pode sancionar un relator, outros poderían facer o mesmo, politizando os organismos internacionais.
O paradoxo é que moitos países que din promover a orde baseada en regras son os mesmos que aplican sancións unilaterais fóra da ONU, evidenciando unha tensión entre discurso e práctica. Ademais, as sancións xustifícanse a miúdo en nome dos dereitos humanos, pero cando se aplican contra quen investiga eses mesmos dereitos (relatores), o argumento revirase. O sistema ONU pretende ser universal, pero estas dinámicas reflicten ese poder asimétrico no que algúns Estados sancionan sen consecuencias reais.
Un dos aspectos máis problemáticos é que a ONU carece de instrumentos efectivos para obrigar un Estado a retirar sancións. As respostas limítanse a denuncias públicas, informes de relatores ou presión diplomática, o que evidencia unha debilidade estrutural do sistema multilateral.
As sancións contra altos funcionarios da ONU aínda non son a norma, mais constitúen un síntoma de transformación da orde internacional que apunta á progresiva subordinación das institucións multilaterais ás lóxicas do poder estatal. Paradoxicamente, o instrumento deseñado para protexer a paz –as sancións– utilízase para presionar quen debe vixiar polo dereito internacional. O resultado é unha tensión crecente entre legalidade e poder, e nese conflito, nin sempre prevalece a legalidade.


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo