Galicia e China non comezan a coñecerse coa chegada dos investimentos do século XXI. Eses proxectos aséntanse sobre unha historia máis longa de curiosidade intelectual, respecto mutuo e cooperación. Hoxe, a memoria de José Castedo Carracedo (1914-1982) pode inspirar unha nova etapa na que a colaboración industrial e tecnolóxica se apoie tamén nun coñecemento recíproco máis profundo.
Esta idea encaixa á perfección co enfoque da diplomacia pública chinesa. Beijing adoita valorar os símbolos que expresan continuidade histórica, amizade e reciprocidade, máis ca os xestos puntuais ou meramente protocolarios. Un proxecto institucional arredor de Castedo permitiría transmitir que Galicia aspira a construír unha relación con China de longo percorrido, asentada non só nos intereses económicos, senón tamén nun capital humano e cultural compartido.
O anuncio investimento en Ferrol de SAIC achega un elemento que considero especialmente potente pois Ferrol foi durante séculos unha cidade aberta ao mundo a través do mar e hoxe aspira a reindustrializarse con novos socios internacionais. Vincular esa vocación marítima e industrial coa memoria dunha figura de raíces ferrolás que dedicou boa parte da súa vida a tender pontes entre España e China ofrece unha narrativa sólida e verosímil. Non é unha construción artificiosa, senón unha forma de facer visible unha continuidade histórica que pode resultar significativa tanto para a sociedade galega como para os interlocutores chineses.
Cómpre significar que na cultura política chinesa, a confianza (xinyong), as relacións persoais (guanxi) e o respecto pola historia común adoitan considerarse activos que crean un clima favorable para a cooperación. Non substitúen os fundamentos económicos, pero contribúen a consolidalos e é coherente cunha forma de entender a diplomacia que en China adoita recibir máis atención da que ás veces se lle concede en Europa. Na cultura política chinesa, a memoria das relacións persoais e dos “vellos amigos” (lao pengyou) ocupa un lugar relevante na diplomacia.
A figura de José “Pepe” Castedo Carracedo presenta varias características singulares. Referímonos a un mestre que desempeñou un papel relevante na aproximación cultural entre España e China durante décadas difíciles, gozando dun recoñecemento significativo no ámbito académico chinés. Nese país, considerado daquela (1964-1979) un “tesouro”, formou toda unha xeración de diplomáticos, altos funcionarios, profesores… Iso convérteo nun candidato especialmente apropiado para simbolizar unha relación que aspira a ser estable e de longo percorrido. Non se trataría de presentar a Castedo como un “activo económico”, senón como un patrimonio compartido entre Galicia e China.
A súa figura reúne varios elementos singulares, dende a súa vinculación familiar con Ferrol, unhas raíces que sempre reivindicou, o seu prestixio como hispanista e ponte intelectual con China, o respecto que segue espertando en ámbitos académicos chineses, e a circunstancia de que o principal investimento industrial chinés en Galicia se concentre precisamente na súa comarca.
Na cultura política chinesa, os vínculos históricos teñen un valor acumulativo. O feito de que unha comunidade recoñeza a quen dedicou boa parte da súa vida ao compromiso con China, en épocas convulsas, contribuindo xenerosamente ao seu desenvolvemento e a fortalecer a amizade bilateral interprétase como un sinal de continuidade, respecto e sinceridade. Esa lóxica encaixa coa idea chinesa de que as relacións internacionais deben asentarse sobre unha base de coñecemento mutuo e confianza construída ao longo do tempo.
Neste contexto, Ferrol podería proxectarse non só como un destino de investimento industrial, senón tamén como un lugar que comprende o valor da relación con China máis alá das oportunidades económicas inmediatas. Iso conferiría á cooperación unha dimensión simbólica especialmente apreciada por interlocutores chineses, para quen os xestos de recoñecemento institucional e de preservación da memoria adoitan ter un significado que transcende o seu custo material.
En definitiva, reivindicar a figura de Pepe Castedo permitiría dotar a presenza chinesa en Ferrol dunha narrativa de continuidade histórica. A cidade non aparecería unicamente como receptora dun investimento, senón como depositaria dun legado de diálogo intelectual e humano que precede ás relacións económicas actuais e que pode contribuír a fortalecelas no futuro. Esa combinación de memoria, cultura e cooperación constitúe un activo de diplomacia pública pouco frecuente e, precisamente por iso, potencialmente moi valioso para Galicia e para a propia Ferrol.
(Para Praza)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo