Cando en 2011 se presentou a Reflexión Estratéxica sobre a cultura galega, o propósito era claro: ofrecer un diagnóstico e unha folla de ruta para orientar o desenvolvemento cultural do país nun contexto de profundas transformacións. Quince anos despois, a primeira pregunta non debería ser que parte daquel documento continúa vixente, senón algo moito máis elemental: quen avaliou o seu cumprimento?
Ata onde sabemos, nin a propia entidade promotora impulsou unha revisión sistemática do percorrido realizado. A situación non constitúe unha excepción, senón máis ben a confirmación dunha mala praxe recorrente entre nós. Elabóranse informes, preséntanse documentos, anúncianse estratexias e, acto seguido, todo acaba gardado nun caixón pechado con sete chaves. A cultura galega produce reflexión, pero amosa unha sorprendente resistencia a examinar os resultados desa reflexión. Esta é unha mala cultura.
Resulta especialmente paradoxal porque Galicia dispón dun sistema cultural singular. A súa arquitectura institucional combina a acción do Goberno coa existencia do Consello da Cultura Galega, unha fórmula practicamente sen equivalentes. Poderiamos definila como unha especie de Montesquieu cultural ampliado: aos tres poderes clásicos engádese un cuarto poder simbólico ou, se se prefire, unha segunda cámara de natureza cultural. Esa singularidade constitúe unha riqueza, mais tamén introduce ambigüidades que nunca chegaron a resolverse plenamente.
O Consello da Cultura Galega continúa operando baixo unha lei de 1983. A indefinición das súas funcións nun contexto radicalmente distinto ao da súa creación sitúao nun limbo institucional do que non acaba de saír. O risco evidente é que a súa relevancia dependa cada vez máis da súa condición de axencia de eventos e menos da súa capacidade para exercer como espazo de pensamento crítico, avaliación e orientación estratéxica.
Se observamos a evolución destes quince anos, o panorama presenta claros e sombras. No ámbito gobernamental percíbese unha progresiva perda de ambición e unha diminución consciente do compromiso coa promoción cultural. No plano institucional, unha certa idea de lealdade, os equilibrios internos e a procura permanente do consenso acabaron converténdose en principios case absolutos. O problema é que onde debería existir debate adoita prevalecer unha unanimidade á búlgara que, por momentos, lembra aqueles sistemas onde o desacordo resulta incómodo e a discrepancia apenas ten espazo visible por considerarse un demérito.
No ámbito cívico, pola contra, medrou unha sensibilidade antioligárquica acompañada dunha forte desconfianza cara ás estruturas establecidas. Pero esa enerxía crítica desenvolveuse nun contexto de fragmentación crecente, dificultando a construción de proxectos compartidos e de liderados recoñecidos.
Existen trazos comúns que atravesan todo o ecosistema cultural. A pesar do frecuente uso desta expresión, o ecosistema aseméllase ás veces a unha constelación de microcosmos pouco comunicados entre si. Persisten lóxicas de clan, dinámicas de desconfianza, tendencias á unanimidade formal e unha marcada preferencia pola xerarquía e o control. A transparencia continúa sendo unha materia pendente. Tamén o é a normalización do debate público sobre cuestións estratéxicas.
A consecuencia é unha percepción social da cultura caracterizada pola sensación de estancamento. Moita discusión sobre asuntos internos, moita supervivencia institucional, numerosos enredos corporativos e escasa capacidade para trasladar á sociedade grandes horizontes compartidos.
A cuestión lingüística ofrece un bo exemplo. O anunciado pacto pola lingua nace rodeado de expectativas, mais todo indica que dificilmente poderá constituír un verdadeiro pacto se non incorpora un diagnóstico compartido da situación e unha vontade sincera de superar as fracturas existentes. O risco é que acabe reforzando as divisións que pretende resolver.
Mentres tanto, o contexto mudou radicalmente. As redes sociais alteraron os mecanismos de creación e difusión cultural. A intelixencia artificial introduce desafíos de enorme magnitude para a produción simbólica, os dereitos de autor, a creación artística e mesmo a definición do que entendemos por cultura. Sen embargo, o sistema cultural galego continúa funcionando en moitos aspectos como se os desafíos fundamentais seguisen sendo os de hai quince anos. A IA non é un fenómeno tecnolóxico máis, senón un desafío civilizatorio comparable, para a cultura, ao que supuxeron noutros momentos a alfabetización masiva, os medios audiovisuais ou internet.
A proxección exterior constitúe probablemente o síntoma máis evidente desta insuficiencia estratéxica. Fálase moito da internacionalización da cultura galega, pero os resultados continúan sendo modestos. O problema non parece residir na falta de talento nin de patrimonio, senón nunha combinación de conservadorismo, rutina e escasa ambición. Mesmo oportunidades evidentes para reforzar a presenza internacional de Galicia foron fustigadas e desaproveitadas. A distancia entre o discurso e a acción segue sendo considerable. É de resaltar a contradición entre un discurso cultural cada vez máis internacionalizador e innovador e unhas prácticas que seguen sendo marcadamente conservadoras, endogámicas e pouco dadas á rendición de contas.
Por todo iso, quizais chegou o momento de impulsar unha auditoría externa do sistema cultural galego. Un exercicio independente, rigoroso e transparente que permita avaliar institucións, políticas, resultados e tendencias. Esa análise podería complementarse coa creación dun comité de persoas de recoñecido prestixio intelectual e profesional que actuase como instancia de contraste e reflexión estratéxica, á marxe das inercias habituais e das lealdades corporativas.
A cultura representa un dos símbolos máis relevantes da existencia colectiva de Galicia. É un espazo de creación, memoria e proxección de futuro. Precisamente por iso non pode continuar instalada na autocompracencia nin na inercia. Quince anos despois daquela Reflexión Estratéxica, o que urxe non é outra declaración solemne, senón un reencontro do país coa súa propia cultura. Un reencontro baseado na avaliación, na crítica, na excelencia ética e científica e na vontade de afrontar sen medo os desafíos transformadores do século XXI.
En Galicia seguimos producindo diagnósticos con notable facilidade. O que continúa sendo excepcional é revisalos quince anos despois para comprobar se serviron de algo. Porque o peor risco non é equivocarse no camiño. O peor risco é deixar de preguntarse cara a onde se camiña.
(Para Tempos Novos)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo