Son moitas as distancias que separan Galicia de China: de escala, históricas, culturais, demográficas, económicas ou sistémicas. Comparar unha comunidade autónoma europea de pouco máis de dous millóns e medio de habitantes coa segunda economía mundial podería parecer, por iso mesmo, un exercicio pouco razoable. E, tampouco se trata agora de propoñer para Galicia unha traslación do modelo político ou institucional chinés.
Pero si podemos compartir o empeño pola modernización como proceso permanente. Modernizar non é chegar a un punto determinado, senón desenvolver de maneira continuada as capacidades dunha sociedade para afrontar os cambios económicos, tecnolóxicos, demográficos e culturais que se suceden. É neste sentido, máis que nos resultados concretos, onde a experiencia chinesa pode ofrecer algunhas claves de interese para Galicia.
A primeira é a importancia da planificación estratéxica. China desenvolveu unha extraordinaria capacidade para pensar en horizontes longos e converter determinadas prioridades en obxectivos sucesivos, revisables pero persistentes. Os seus plans quinquenais son, neste sentido, algo máis que instrumentos económicos ao expresaren unha determinada cultura da anticipación. Para planificar é necesario, antes de nada, pensar. E iso require espazos de reflexión, capacidade prospectiva, coñecemento acumulado e unha certa disposición para mirar máis alá da conxuntura. Galicia dispón de universidades, centros de investigación, administracións e numerosos expertos, pero podería facer un maior esforzo por integrar ese coñecemento nunha auténtica cultura de pensamento estratéxico.
A segunda clave é a educación como infraestrutura fundamental da modernización. A transformación chinesa foi acompañada dunha extraordinaria expansión educativa e dunha aposta crecente polo coñecemento científico e tecnolóxico. A educación non aparece simplemente como unha política social, senón como unha das principais condicións da capacidade produtiva e innovadora do país. Para Galicia, nun contexto marcado polo envellecemento demográfico e polo aumento da competitividade, a cuestión educativa debería ocupar tamén un lugar central, desde a formación profesional ata a universidade, a investigación, a cultura científica ou a aprendizaxe permanente.
Un terceiro elemento especialmente relevante é a integración da cultura no propio concepto de desenvolvemento. A modernización chinesa non pretende presentarse como unha simple occidentalización. Pola contra, existe un esforzo deliberado por combinar modernización económica e tecnolóxica con referencias propias da tradición histórica e cultural chinesa. Isto non significa que Galicia teña que buscar equivalencias artificiais, pero si invita a formular unha pregunta importante: pode unha sociedade modernizarse plenamente sen asumir a súa propia identidade como un activo? Lingua, cultura, patrimonio, creación artística ou memoria histórica non deberían ser considerados elementos periféricos respecto do desenvolvemento. Poden formar parte da súa propia capacidade de proxección. Entre nós, negar esas magnitudes representa un desbalde inaudito que China coñece ben por propia experiencia.
A cuarta clave é a construción de amplos consensos internos arredor das grandes prioridades. O sistema político chinés faino mediante mecanismos que non son trasladables ás democracias europeas. Pero a cuestión merecedora de atención é que determinadas políticas de longo alcance necesitan estabilidade, continuidade e un grao suficiente de acordo social e institucional. Galicia ten unha considerable experiencia de confrontación política sobre cuestións que esixen, pola súa propia natureza, horizontes máis longos. Sería razoable preguntarse se determinados asuntos -demografía, ordenación territorial, política industrial, educación, infraestruturas, investigación ou internacionalización- deberían quedar máis protexidos da volatilidade da loita partidaria.
A quinta é a visión integral. Un dos trazos máis interesantes da planificación chinesa é a tendencia a relacionar cuestións que en Occidente adoitan administrarse separadamente: economía, tecnoloxía, educación, territorio, enerxía, seguridade, cultura ou política exterior. Esta mirada sistémica transversal permite entender que unha decisión nun ámbito pode producir efectos noutros. Para Galicia tamén resulta relevante. Non ten moito sentido falar de política industrial sen falar de formación; de transición enerxética sen falar de territorio; de innovación sen falar de universidade; ou de internacionalización sen falar de cultura, infraestruturas e capacidade empresarial.
E finalmente estaría a continuidade. Quizais sexa esta a lección máis difícil e, ao mesmo tempo, máis necesaria. China leva décadas formulando a súa modernización como unha tarefa histórica que atravesa xeracións. É a fábula do “Vello Tolo que moveu as montañas” que Mao evocara en 1945. Cambian os instrumentos, as prioridades e mesmo as linguaxes políticas, pero permanece a idea de que o desenvolvemento do país require perseveranza. Galicia tamén elaborou estratexias e plans. O problema non é tanto a ausencia de documentos como a dificultade para garantir que determinadas prioridades sobrevivan aos ciclos políticos e administrativos.
Naturalmente, China tamén ofrece importantes contraexemplos. A súa experiencia lembra que planificación non equivale necesariamente a acerto, que os grandes proxectos poden producir custos sociais e ambientais considerables e que unha extraordinaria capacidade de mobilización pode coexistir con déficits evidentes en materia de pluralismo, transparencia ou dereitos conforme ao paradigma liberal. Aprender de China non debe significar idealizala.
Quizais a pregunta máis fértil sexa, polo tanto, outra: que podemos aprender de como China aprendeu a pensar a súa propia modernización?
Para Galicia, a resposta podería pasar por recuperar unha ambición que ás veces parece esquecida, a de pensarse a si mesma a longo prazo. Non para converterse noutra China, naturalmente, senón para deixar de vivir a modernización como adaptación permanente ao que outros deciden. Modernizarse tamén significa decidir que sociedade queremos ser, que capacidades queremos desenvolver e que lugar queremos ocupar no mundo.
(Para Praza)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo