Hai noticias que, máis que sorprender, producen a sensación de que alguén chegou tarde á película. A de que Defensa e o CNI recean agora da instalación de SAIC en Ferrol por razóns de seguridade nacional pertence, polo momento, a esa categoría.
Resulta cando menos curioso descubrir que unha planta de automóbiles chinesa, situada a poucos quilómetros do Arsenal e dos estaleiros de Navantia, pode constituír un risco para a seguridade nacional precisamente cando levamos meses falando do proxecto, da súa localización, do investimento previsto, dos postos de traballo e das súas posibilidades para a reindustrialización de Ferrol. A planta non apareceu onte por arte de maxia. Tampouco o Arsenal, nin Navantia, nin as F-110. A pregunta inevitable é: onde estaba a seguridade nacional cando se deseñaba, negociaba, anunciaba e promocionaba o proxecto?
Quizais estamos ante un último intento de parar a operación. Quizais simplemente ante unha reacción tardía dunha administración que decidiu mirar agora con prismáticos aquilo que levaba meses diante dos ollos. E tamén pode ser que existan razóns de seguridade que merezan ser consideradas seriamente. Pero, nese caso, habería que explicar por que aparecen precisamente agora e que cambiou entre o momento en que o investimento era presentado como unha oportunidade estratéxica e o momento en que pasa a ser unha potencial ameaza.
Hai palabras que adquiriron unha elasticidade extraordinaria. “Seguridade nacional” é unha delas. Serve xa para un roto e para un descosido, tanto para controlar tecnoloxías como para limitar investimentos, vetar operacións empresariais, condicionar infraestruturas ou poñer obstáculos á cooperación con determinados países. É, en boa medida, unha categoría importada da nova linguaxe xeopolítica estadounidense, na que a competencia económica foi progresivamente converténdose en cuestión de seguridade.
E aquí aparece o problema. Que unha empresa chinesa poida estar sometida á lexislación e ás esixencias do Estado chinés é unha cuestión perfectamente lexítima que debe ser examinada. Que determinadas infraestruturas ou tecnoloxías sexan especialmente sensibles tamén. Pero hai un salto considerable entre admitir esa realidade e asumir que toda empresa chinesa é, por definición, unha prolongación dos servizos de intelixencia de Beijing.
Se chegamos a ese punto, xa non estamos falando de análise de riscos senón de sospeita preventiva. E a sospeita preventiva ten a curiosa propiedade de non necesitar demostrar que alguén espía; abonda con dicir que podería facelo.
O argumento ten ademais unha dimensión internacional que non deberiamos ignorar. Nos últimos días, por exemplo, vimos en Arxentina un episodio significativo reportado pola prensa que detallou como a presión estadounidense sobre directivos dunha empresa eléctrica instrumentouse para disuadilos de avanzar nun acordo con Huawei, ata o punto de ameazar coas súas visas estadounidenses. Non é exactamente o mesmo caso, pero forma parte desa mesma atmosfera suxerente dunha competencia comercial con China que deixa de librarse exclusivamente nos mercados e pasa tamén polo terreo diplomático, tecnolóxico e securitario.
E aquí chegamos a Ferrol. Durante meses intentouse relativizar o proxecto de SAIC. Díxose que se trata dunha planta de ensamblaxe, que non haberá verdadeira produción, que o emprego será limitado, que o valor engadido non será tan elevado… Agora descubrimos que aquilo que algúns se esforzaban en presentar como pouco relevante podería ser suficientemente importante como para ameazar a seguridade nacional. Nada menos.
Pois non estaba tan mal o investimento. Quizais o problema sexa precisamente ese. Para Ferrol e para Galicia -e tamén para España-, a chegada de SAIC non é unha operación menor. Supón atraer unha grande empresa industrial chinesa, introducirse na transformación da mobilidade eléctrica, xerar actividade nun territorio que leva décadas sufrindo procesos de desindustrialización e situar Ferrol nunha cadea de valor europea. A Xunta presentou o proxecto como o maior investimento industrial internacional en décadas, cunha previsión inicial de 200 millóns de euros e arredor de mil empregos directos.
E todo isto acontece, ademais, nun momento no que Europa di querer reducir dependencias, diversificar cadeas de subministración e gañar autonomía estratéxica. A pregunta é se esa autonomía vai consistir en ter capacidade propia para decidir ou en limitarse a decidir aquilo que non moleste ao noso principal aliado.
Porque hai algo profundamente paradoxal en todo isto. Europa reclama autonomía estratéxica ao mesmo tempo que corre o risco de converterse nunha extensión das estratexias de desacoplamento estadounidenses respecto de China.
E así chegamos ao título: Mortadelo e Filemón ao volante. Non porque a seguridade nacional sexa unha broma. Todo o contrario. Precisamente porque é demasiado importante para converterse nunha especie de comodín capaz de aparecer cando unha operación empresarial xa está avanzada, cando os compromisos políticos están adquiridos e cando os beneficios potenciais dun investimento comezan a resultar demasiado evidentes.
Se hai un risco real, que se explique a fondo. Se existen vulnerabilidades concretas, que se identifiquen. Se hai información sensible que poida quedar exposta, que se adopten as medidas necesarias. Para iso están os servizos de intelixencia e os mecanismos de control dos investimentos estranxeiros.
Pero se o argumento é simplemente que unha empresa é chinesa e que, polo tanto, podería espiar, entón habería que empezar a preguntarse onde acaba a prudencia e onde comeza a paranoia. Porque se cada investimento chinés pasa a ser contemplado primeiro como unha oportunidade económica e despois como unha ameaza potencial, o problema xa non será SAIC. Será que Europa está deixando de decidir por si mesma con quen pode facer negocios.
(Para Praza Pública)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo