Menos paz, máis incerteza, por Xulio Ríos

A publicación do Índice de Paz Global 2026 confirma unha tendencia preocupante que se vén consolidando desde hai máis dunha década e que apunta a que o mundo é hoxe menos pacífico, máis inseguro e máis propenso ao conflito que en calquera outro momento desde que comezou a elaborarse este indicador en 2007. O deterioro non é conxuntural nin responde exclusivamente a unha crise concreta; pola contra, parece reflectir unha transformación fonda do sistema internacional, caracterizada pola acumulación de tensións xeopolíticas, a multiplicación de conflitos armados e a crecente dificultade para articular mecanismos eficaces de gobernanza global.

O dato máis significativo é que a paz mundial acadou o seu nivel máis baixo desde a creación do índice. Dos 163 países analizados, 99 sufriron un deterioro das súas condicións de paz, fronte a só 62 que rexistraron melloras. Esta evolución reflicte unha tendencia xeneralizada e transversal que afecta a rexións moi distintas e que pon de manifesto a incapacidade da comunidade internacional para conter a expansión dos focos de inestabilidade.

Especialmente revelador resulta o aumento da conflitividade armada. As mortes relacionadas con conflitos superaron as 181.000 persoas en 2025, unha cifra que multiplica por seis os rexistros observados en 2008. Alén do impacto humano inmediato, estes datos suxiren que o mundo atravesa unha fase de crecente normalización da guerra como instrumento de resolución de disputas. Os conflitos en Ucraína, Oriente Medio, Sudán ou Myanmar, entre outros escenarios, ilustran unha realidade na que as crises tenden a prolongarse, internacionalizarse e xerar efectos desestabilizadores moito máis alá das súas fronteiras inmediatas.

A guerra recuperou unha centralidade política que semellaba ter perdido tras o final da Guerra Fría. Durante varias décadas predominou a percepción de que a interdependencia económica, a globalización e a expansión das institucións multilaterais contribuirían progresivamente a reducir a incidencia dos conflitos interestatais. Sen embargo, os acontecementos recentes apuntan en dirección contraria. A competencia estratéxica entre grandes potencias, a erosión dos mecanismos de confianza mutua e o debilitamento das normas internacionais favoreceron un contorno máis conflitivo e menos predecible.

Neste contexto debe interpretarse tamén o récord histórico acadado polo gasto militar mundial, que chegou aos 2,9 billóns de dólares en 2025. Non se trata unicamente dunha resposta a ameazas inmediatas, senón dunha manifestación dese fenómeno máis amplo da crecente militarización das relacións internacionais. Estados Unidos, China, Rusia, os países europeos, India, Xapón e numerosos actores rexionais están a reforzar as súas capacidades defensivas en previsión de escenarios estratéxicos cada vez máis incertos. A percepción de risco converteuse nun elemento permanente da planificación estratéxica.

Non obstante, esta tendencia encerra un paradoxo. Canto máis intentan os Estados reforzar a súa seguridade individual, máis contribúen a xerar inseguridade colectiva. Trátase dun fenómeno clásico das relacións internacionais coñecido como “dilema de seguridade”: as medidas adoptadas por un país para protexerse son percibidas por outros como unha ameaza, provocando respostas equivalentes e alimentando unha espiral de desconfianza mutua.

Paradoxalmente, o informe detecta unha lixeira mellora no indicador de militarización. Esta aparente contradición explícase porque ese apartado non mide unicamente o volume de gasto militar, senón tamén outros factores relacionados coa participación en operacións internacionais de mantemento da paz. O maior compromiso coas misións de Nacións Unidas tería contribuído a moderar parcialmente este indicador. Aínda así, esta mellora técnica non altera unha realidade de fondo marcada polo incremento sostido dos orzamentos de defensa que constitúe un dos trazos máis visibles do actual contexto internacional.

Outro aspecto relevante é a crecente desconexión entre seguridade e paz. Tradicionalmente asumíase que un aumento da seguridade conduciría a maiores niveis de estabilidade. Hoxe, sen embargo, moitos países reforzan as súas capacidades militares precisamente porque perciben un contorno internacional cada vez máis inseguro. A consecuencia é unha dinámica de acción e reacción que alimenta a desconfianza mutua e pode desembocar en novas carreiras armamentísticas rexionais.

O deterioro da paz global non pode explicarse unicamente pola existencia de conflitos concretos. En boa medida responde tamén á erosión dos mecanismos que durante décadas contribuíron a xestionar as tensións internacionais. Nacións Unidas, as organizacións multilaterais e os distintos foros de concertación política atopan cada vez máis dificultades para arbitrar disputas ou xerar consensos duradeiros.

Unha clasificación inevitablemente polémica

Fronte a este panorama, o liderado continuado de Islandia como país máis pacífico do mundo por décimo noveno ano consecutivo adquire un significado especial. Xunto con Nova Zelandia, Suíza, Eslovenia, Irlanda, Austria, Portugal, Singapur, Finlandia e Xapón, conforma un grupo de países que comparten certas características: estabilidade institucional, elevados niveis de cohesión social, confianza nas institucións, capacidade para xestionar conflitos internos e unha inserción internacional relativamente equilibrada. A súa presenza reiterada nos primeiros postos demostra que a paz non depende exclusivamente de factores xeográficos ou económicos, senón tamén da calidade da gobernanza e da fortaleza das estruturas sociais.

Se tomamos unicamente as grandes potencias, o contraste é moi significativo: China (118º) aparece mellor situada que Estados Unidos (134º), pero moi lonxe de países desenvolvidos de Asia oriental como Xapón (10º). A valoración de Toquio non encaixa moito cos ventos militaristas que sopran na Terra do Sol Nacente. Por outra banda, Estados Unidos descende só seis posicións respecto ao ano anterior, circunstancia que tamén rivaliza co nesgo declaradamente belicista da Administración Trump.

O peor clasificado é Rusia (163), que aparece como o país menos pacífico do mundo por terceiro ano consecutivo, debido fundamentalmente á guerra de Ucraína. Israel, pola súa banda, figura entre os cinco países menos pacíficos do planeta (159).

Paz non é só ausencia de guerra

O diagnóstico do Índice de Paz Global 2026 convida así a unha reflexión máis ampla. A paz non pode entenderse unicamente como ausencia de guerra. Tamén depende de factores económicos, sociais e institucionais que contribúen a reducir a violencia e fortalecer a resiliencia das sociedades. Cando aumentan as desigualdades, se debilitan os consensos políticos e se erosionan os mecanismos de cooperación internacional, as condicións para a paz deteriórase incluso antes de que estalen os conflitos.

Máis que unha simple clasificación de países, o Índice de Paz Global 2026 semella ofrecer unha radiografía dunha transición histórica en curso. O mundo atravesa un período de reaxuste no que os equilibrios de poder herdados do final da Guerra Fría están a ser cuestionados e substituídos por novas formas de competencia estratéxica.

En definitiva, o informe ofrece unha imaxe inquietante da evolución do sistema internacional. A combinación de conflitos prolongados, gasto militar crecente e debilitamento da cooperación multilateral configura un escenario de incerteza que semella destinado a prolongarse. Máis que unha crise pasaxeira, os datos suxiren a consolidación dunha nova etapa histórica na que a paz, lonxe de darse por garantida, volve converterse nun dos desafíos centrais da política internacional.

(Para Galicia Digital)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo