De Don Ramón a Don Plácido, por Xulio Ríos

As relacións entre Ramón Otero Pedrayo e Plácido Castro constitúen unha das mostras máis expresivas da fonda cohesión humana e intelectual que caracterizou o galeguismo histórico. Mantida ao longo de varias décadas, sobreviviu ás distancias físicas, ás dificultades políticas e ás circunstancias persoais, conservando sempre un fondo de admiración mutua e de amizade sincera que se manifesta tanto na correspondencia como nas dedicatorias que ambos se intercambiaron.

Poucos documentos sintetizan mellor ese vínculo que as palabras que Otero dirixiu desde Trasalba, o 19 de xullo de 1967, á viúva de Plácido Castro, Jesusa Sineiro, pouco despois do seu falecemento. Nun ton de fonda emoción escribía que Plácido fora “un dos meus ademirados e benqueridos amigos”, definíndoo como “fidalgo e xeneroso artista da palabra e grande amador da Galiza”. O retrato condensa as virtudes que Don Ramón identificaba no seu compañeiro, destacando a nobreza moral, excelencia intelectual e un compromiso inquebrantable co país.

Mais esa estima viña de lonxe. Xa no Día de Galicia de 1934, ao dedicarlle un exemplar de “A romaría de Gelmírez”, Otero definía a Plácido Castro como “home atlántico, cheo dos degaros das Fisterras e campión do Celtismo por mar e por terra”.

E noutra dedicatoria pertencente á súa etapa de maior madurez literaria chamábao “exemplar e fondamente europeo e galego”, engadindo “toda a admiración e a vella fraternidade”. As expresións empregadas non son simples fórmulas de cortesía e constitúen unha verdadeira definición intelectual de Plácido Castro e, ao tempo, unha declaración dos valores compartidos por ambos.

Porque Otero e Plácido non compartiron unicamente unha amizade persoal. Compartiron tamén un mesmo proxecto político e cultural. Coincidiron nos mitins e na expansión territorial do ideario do Partido Galeguista, convencidos de que Galicia debía afirmar a súa personalidade nacional mediante a democratización, o autogoberno e a recuperación da súa lingua e cultura. Pero tamén entenderon que ese proxecto debía transcender as fronteiras do país. Ambos participaron decisivamente na dimensión exterior do galeguismo, facendo da presenza internacional de Galicia unha tarefa política de primeira orde.

Neste ámbito, Plácido Castro desempeñou un papel singular, especialmente fixando a ollada no movemento celtista europeo, mentres Otero proporcionaba a sólida arquitectura histórica e cultural que sustentaba esa proxección exterior. A colaboración entre ambos fíxose patente en iniciativas como o desenvolvemento do Galeuzca ou na participación galega no Congreso de Nacionalidades Europeas. No IX Congreso estaba prevista a asistencia de Otero Pedrayo xunto a Plácido Castro; finalmente só este último puido participar, converténdose nun dos principais portavoces internacionais do galeguismo.

As afinidades que os unían eran profundas. Compartían un europeísmo que non significaba diluír Galicia nunha realidade superior, senón afirmala como nación plenamente integrada na diversidade europea. Europa era para ambos unha comunidade de pobos e culturas, non un espazo uniformizador. Ese europeísmo enlazaba cun universalismo que lles permitía concibir Galicia aberta ao mundo sen perder a súa personalidade histórica.

Igualmente decisiva foi a común reivindicación da identidade nacional galega como expresión dunha cultura propia, dunha lingua diferenciada e dunha tradición histórica específica. Nin Otero nin Plácido entenderon nunca o galeguismo como un movemento pechado sobre si mesmo; pola contra, considerábano unha forma de dialogar co mundo desde unha identidade plenamente asumida.

Nese horizonte adquiriu especial relevancia Irlanda. Plácido Castro converteuse nun dos grandes mediadores entre a cultura galega e a irlandesa, introducindo autores, traducindo literatura e interpretando a experiencia política e cultural irlandesa para a sociedade galega. Otero compartía ese interese, convencido de que Galicia atopaba nas nacións atlánticas, e particularmente en Irlanda, espellos onde recoñecer afinidades históricas, espirituais e culturais. O celtismo, entendido como espazo de relación entre pobos atlánticos, constituíu así un dos eixos fundamentais da súa visión internacional.

Otero viu en Plácido non só un amigo, senón a encarnación dese “galego europeo” que o propio galeguismo aspiraba a formar, profundamente enraizado na súa terra e, ao mesmo tempo, plenamente aberto ao mundo.E recoñece en Plácido unha condición que el consideraba excepcional no galeguismo, é dicir, a capacidade de converter o universal en profundamente galego. Iso explícase moi ben polas expresións que emprega nas dedicatorias: “home atlántico”, “campión do Celtismo”, “fondamente europeo e galego”. Non son cualificativos illados; forman unha auténtica caracterización intelectual.

Para Otero Pedrayo, en suma, Plácido Castro representaba unha síntese especialmente lograda entre o apego ás raíces e a apertura. Non era europeo a pesar de ser galego, nin galego a pesar do seu cosmopolitismo, senón precisamente europeo porque era fondamente galego. Ese aparente paradoxo resume unha das ideas centrais do galeguismo histórico que considera a identidade propia non limitante do acceso ao universal, senón quen o fai posible. As palabras que Otero lle dedica ao longo de máis de tres décadas constitúen, nese sentido, unha verdadeira definición dun modelo de intelectual galeguista.

No europeísmo de Otero, Europa nunca aparece como un espazo onde as nacións pequenas deban desaparecer, senón como unha civilización construída precisamente pola pluralidade dos seus pobos históricos. Plácido Castro foi, seguramente, unha das persoas nas que Otero viu mellor encarnada esa concepción.

A amizade entre Don Ramón e Don Plácido expresa, en definitiva, moito máis ca unha relación persoal construida a partires de múltiples afectos intelectuais. Ambos os dous nunca perderon nin o afecto persoal nin a admiración política e cultural. Pero ese vencello singular representa tamén a converxencia de dúas figuras complementarias que contribuíron decisivamente á formulación dun galeguismo culto, europeo, universal e fondamente comprometido coa identidade de Galicia. As palabras que Otero deixou escritas ao longo de máis de trinta anos permiten seguir o fío desa fraternidade, dende o entusiasmo compartido dos anos trinta ata a emocionada despedida de 1967, cando a morte de Plácido puxo fin a unha amizade que xa pertencía á historia do país.


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo