Borrar a historia, por Xulio Ríos

Vandalizaron de novo a placa de homenaxe a Plácido Castro instalada na rúa Reconquista de Vigo en 2003, con motivo do 70 aniversario da participación de Galicia no IX Congreso das Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna (Suíza). Xa acontecera en 2007. A reiteración non fai máis que agravar a indignidade do acto e confirmar que, para algúns, hai memorias que resultan particularmente incómodas.

Aquela instalación foi, ante todo, un acto de xustiza. Plácido Castro, nacido en Corcubión e formado desde moi novo no Reino Unido, elixira Vigo como lugar de residencia despois de que o Tribunal de Responsabilidades Políticas o condenase, entre outras sancións, ao desterro a máis de cen quilómetros de Muxía en “razón” da súa militancia como dirixente galeguista. Entre Vigo e Coruxo foi reconstruíndo a súa vida, entre expectativas frustradas e unha vocación intelectual que atoparía novos horizontes en Londres, onde acabaría traballando para a BBC.

Plácido tiña unha orixe familiar acomodada. Non parece, por tanto, que sexa a súa extracción social o que máis moleste aos autores destas agresións, nin probablemente o recoñecemento á súa traxectoria como xornalista, poeta, ensaísta ou tradutor. O verdadeiramente insoportable para eles debe ser outra cousa: que Plácido Castro fose quen representou Galicia en Berna en 1933, nun congreso que significou a súa incorporación ao ámbito das nacionalidades europeas recoñecidas.

Aquel recoñecemento non foi unha invención posterior nin unha fabulación do nacionalismo galego. No congreso, o representante da Sociedade das Nacións, Ludvig Thorvald Krabbe, historiador e diplomático danés que exerceu como funcionario de alto rango na Sección de Minorías do Secretariado, tomou boa nota da presenza galega xunto ás delegacións vasca e catalá. Castelao recollería máis tarde en Sempre en Galiza unha afirmación que conserva toda a súa vixencia: “Galicia é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións”.

Vigo foi tamén unha parte importante da biografía de Plácido. Frequentaba a tertulia do Derby e a taberna de Eligio, residiu durante unha tempada na rúa Lepanto e, durante máis tempo, no número 11 da propia rúa Reconquista. Colaborador de Faro de Vigo nos anos sesenta e próximo a Álvaro Cunqueiro, deixou unha pegada intelectual que merece ser coñecida e reivindicada. A placa de Pepe Molares quixo precisamente devolverlle á cidade unha parte desa memoria.

Pero hai algo máis. Plácido Castro foi unha persoa de múltiples dignidades intelectuais; a súa obra e a súa biografía abondarían para xustificar calquera homenaxe. O que parece resultar indixerible para estes aprendices de fascistas que agroman coma cogomelos neste outono é a súa condición de protagonista dunha afirmación colectiva: Galicia compareceu en Berna como nación e fíxoo con voz propia, nun tempo no que os totalitarismos comezaban a ensombrecer Europa.

Poden os vándalos volver cubrir de pintura a placa, como xa fixeron noutras ocasións. Poden estragar unha peza fermosa, ofender a memoria dunha persoa e tentar intimidar a quen considera a historia de Galicia un patrimonio común. O que non poden é alterar o que aconteceu. Nin a pintura, nin o esquecemento imposto, nin a intolerancia conseguirán borrar aquel 1933.

Porque, lles guste ou non, Galicia é unha nación. E iso non se borra cun spray.

(Para Faro de Vigo)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo