Este Xullo, o Partido Comunista de China cumpriu 105 anos. Xi Jinping sentenciou que este era o seu “mellor momento” histórico. En termos xerais, podería concordarse; non obstante, subsisten reservas acerca do modelo político resultante e o seu futuro.
De entrada, igual todo o que sabemos a priori é demasiado simplista para o complexo que é China, a súa sociedade, o seu sistema político- que nin é nin quere ser liberal-… e quizais temos que inventar categorías novas para definir aqueles marcos que non encaixan nos nosos esquemas de partida. As nosas definicións politolóxicas non son suficientes.
O autoritarismo e as limitacións asociadas non esgotan a naturaleza do sistema chinés. Hai moitos aspectos que a “ditadura” deixa fóra e descualifica tanto a evolución -con cambios de política por veces máis acusados en contidos que os representados polas alternancias de partidos nos nosos lares- como a lexitimidade, a institucionalización, a excepcionalidade burocrática e o seu mandarinato, os mecanismos de consulta e adaptación, moito máis sofisticados do que a miúdo se pensa en Occidente.
Para abordar China cómpre profundar e avaliar os matices, aspectos que, por outra banda, non deben eludir o peso e a dimensión do autoritarismo na súa política, que tamén compre analizar en perspectiva histórica e cultural. Categorizar a pelo e a partir dos nosos parámetros, sen afondar, en rigor non axuda a entender o que é China hoxe.
O nivel de confianza cívica ofrécenos un parámetro a considerar. Na ciencia política comparada é obxecto de estudo sistemático esa diverxencia entre unhas democracias liberais nas que se aprecia un deterioro da confianza nas institucións, mentres que en China os niveis seguen sendo moi elevados.
Varios estudos internacionais apuntan na mesma dirección. A OCDE, na súa Enquisa sobre os Impulsores da Confianza nas Institucións Públicas (2024), descubriu que, entre os países membros, só o 39 % dos cidadáns expresaron unha confianza alta ou moderadamente alta no seu goberno, mentres que o 44 % informaron dunha confianza baixa ou nula.
Paralelamente, o Barómetro de Confianza Edelman leva anos mostrando unha perda de confianza nos gobernos de numerosas democracias occidentais, asociada á polarización política, á percepción da ineficacia institucional, á desigualdade económica e á propagación da desinformación.
É importante sinalar que esta perda de confianza non implica necesariamente un rexeitamento da democracia como ideal, senón unha crecente insatisfacción co funcionamento concreto das institucións.
No caso da China, practicamente todas as principais enquisas internacionais dispoñibles reflicten un panorama moi diferente. A investigación máis citada é a realizada polo Ash Center da Universidade de Harvard. Tras máis dunha década de traballo de campo (2003-2016), o estudo descubriu que a satisfacción co goberno aumentou de aproximadamente o 86 % ao 93 %.
Posteriormente, outras enquisas chegaron a conclusións similares. Por exemplo, o Barómetro de Confianza Edelman clasifica regularmente a China entre os países cos niveis máis altos de confianza no goberno e nas institucións. Do mesmo xeito, a Fundación da Alianza das Democracias, a través da súa enquisa anual do Índice de Percepción da Democracia, descubriu repetidamente que os cidadáns chineses expresan un alto grao de satisfacción co funcionamento do seu sistema político, moito maior que o rexistrado nas democracias liberais.
O debate está na fiabilidade das enquisas. Uns sosteñen que os resultados reflicten en gran medida a realidade social. Outros introducen precaucións metodolóxicas, sinalando que nun sistema onde non hai competencia política aberta, plena liberdade de expresión ou anonimato absoluto percibido polos enquisados, pode haber un certo sesgo.
Non obstante, mesmo aqueles que sinalan esta posible cautela adoitan admitir que é difícil explicar uns niveis de aprobación tan altos e estables durante máis de vinte anos unicamente por este factor. Moitos cren que, aínda que as cifras específicas poden estar algo sobreestimadas, existe unha base real de apoio sistémico.
A clave podería residir na diferente concepción da lexitimidade. Nos sistemas liberais, a lexitimidade adoita basearse principalmente en eleccións competitivas, alternancia política, separación de poderes ou protección dos dereitos. Na China, a lexitimidade baséase moito máis nos resultados. Os chineses non xulgan o seu sistema principalmente por se permite cambios no goberno mediante eleccións competitivas, senón por se o goberno resolve eficazmente os problemas do país.
Claro que se miramos as cousas en branco e negro, todo isto non deixan de ser andrómenas.
(Para Nós Diario)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo