Hai cen anos, o galeguismo protagonizou unha das empresas intelectuais máis extraordinarias da nosa historia contemporánea. Nun país con escasos recursos institucionais, sen autogoberno e cunha estrutura social fondamente desigual, foi quen de elaborar un pensamento político propio, crear publicacións de referencia, promover institucións culturais innovadoras, conectar Galicia coas grandes correntes europeas e reunir arredor dun proxecto común unha auténtica constelación de talentos. Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Losada Diéguez, Villar Ponte e tantos outros non constituían só un grupo de figuras sobranceiras e de facto conformaron unha comunidade intelectual que pensaba Galicia como suxeito político e histórico.
Aquela xeración comprendeu que a acción política necesitaba antes unha arquitectura conceptual. Que non abondaba coa reivindicación; cumpría explicar o país, interpretalo e propoñer un horizonte. Dese esforzo naceron ideas, programas, institucións e proxectos que acabarían configurando boa parte do noso imaxinario colectivo. A influencia daquela empresa foi moi superior á súa capacidade política efectiva porque asentou fundamentos destinados a perdurar.
Ademais, aquel pensamento non se desenvolveu illado. Pola contra, alimentouse das grandes transformacións intelectuais do seu tempo. O galeguismo observaba con atención os procesos europeos, coñecía os debates sobre o principio das nacionalidades, o rexionalismo, o federalismo, a democratización ou a modernización económica. Galicia pensábase desde Galicia, pero tamén desde o mundo.
Medio século máis tarde produciuse un segundo momento de enorme fecundidade. Xa nos anos finais da ditadura e durante a Transición, o nacionalismo, renovado e organizado, volveu demostrar unha notable capacidade para organizar o talento dunha nova xeración. Elaboráronse programas políticos consistentes, construíronse organizacións duradeiras e desenvolveuse unha corrente de pensamento que permitiu manter vivas as aspiracións nacionais durante décadas. Moitos dos conceptos, análises e formulacións elaborados naquela etapa continúan, con adaptacións, presentes na vida política galega actual.
As circunstancias, sen embargo, eran ben diferentes. A longa noite franquista quebrara boa parte dos vínculos co exterior. A Guerra Fría condicionaba as referencias ideolóxicas e limitaba os espazos de intercambio intelectual. A conexión internacional existía, mais, paradoxalmente, resultaba moito máis restrinxida ca medio século antes. A pesar diso, aquel nacionalismo foi quen de construír unha visión propia da realidade galega e de traducila nun proxecto político estable.
Nos dous casos, con todas as diferenzas evidentes, atopamos un elemento común que hoxe identificaríamos como intelixencia estratéxica. Existía unha vontade consciente de comprender os cambios históricos antes de responder a eles. A política non se limitaba á reacción inmediata nin á administración das urxencias. Había un esforzo deliberado por interpretar o presente para anticipar o futuro.
Quizais esa sexa precisamente a cuestión que o nacionalismo galego ten hoxe enriba da mesa.
Un novo pensamento
Vivimos probablemente a transformación máis profunda desde a revolución industrial. A revolución dixital, a intelixencia artificial, a automatización, a transición enerxética, a reconfiguración das cadeas produtivas, as relacións laborais, o envellecemento demográfico, a crise climática, a reorganización xeopolítica do mundo arredor da competencia entre grandes potencias ou a emerxencia dun escenario crecente de multipolaridade están modificando simultaneamente os fundamentos da economía, da sociedade, da cultura e da política.
O desafío resulta, probablemente, de maior alcance ca o afrontado polas xeracións de hai cen ou cincuenta anos.
Por iso, o nacionalismo precisa algo máis ca unha actualización programática. Precisa un novo pensamento.
Días atrás, Pérez-Lema apelaba á necesidade de fortalecer unha Casa Común do soberanismo, baseada na inclusión, na xenerosidade e na integración das diferentes sensibilidades do galeguismo político. A proposta merece toda a atención. Nun tempo de fragmentación, sumar sempre constitúe unha obriga.
Mais esa chamada debería completarse con outra igualmente urxente. Ademais de construír unha casa común para a acción política, cómpre reconstruír unha casa común para o pensamento. Ningún proxecto colectivo consegue manter a iniciativa durante moito tempo se deixa de producir ideas propias.
O risco das organizacións maduras consiste precisamente en que a responsabilidade institucional absorba toda a enerxía dispoñible. Hoxe o nacionalismo administra importantes cotas de poder territorial. Iso constitúe un éxito histórico e unha enorme responsabilidade. Mais gobernar non debería reducir a capacidade para pensar; ao contrario, debería incrementala. Sen reflexión estratéxica, a acción institucional corre o risco de converterse nun exercicio de mera xestión do inmediato.
As diferenzas coas dúas etapas anteriores son evidentes. Se daquela existía unha extraordinaria efervescencia intelectual, hoxe percíbese unha maior dispersión do talento. Moitas persoas con capacidade analítica desenvolven o seu labor fóra dos espazos políticos ou mesmo afastadas deles, ás veces por desencanto, outras pola transformación das formas de participación pública. O reto xa non consiste tanto en crear talento como en volver conectalo.
Hai outra novidade decisiva. Tanto o galeguismo histórico coma o nacionalismo da Transición construían o seu pensamento fundamentalmente desde dentro cara a fóra. Partían da realidade galega para tentar proxectarse no Estado e internacionalmente. Hoxe o movemento é tamén o inverso. As grandes transformacións tecnolóxicas, económicas e xeopolíticas prodúcense fóra e condicionan crecente e aceleradamente as posibilidades de desenvolvemento interno. Pensar Galicia esixe comprender o mundo cunha intensidade descoñecida ata agora.
Mais hai unha diferenza aínda máis fonda. No século XXI a principal competencia entre as correntes políticas xa non dependerá exclusivamente da súa capacidade para gañar eleccións, aprobar orzamentos ou administrar institucións. Dependerá, sobre todo, da súa aptitude para entender un mundo extraordinariamente complexo e actuar antes de que os cambios a obriguen a reaccionar. A verdadeira vantaxe competitiva será cada vez máis a intelixencia estratéxica.
Esa intelixencia non pertence en exclusiva aos gobernos nin aos partidos. É unha capacidade colectiva que combina coñecemento científico, análise económica, reflexión cultural, innovación tecnolóxica, visión internacional e deliberación pública. Os países que mellor afronten este cambio de época serán aqueles capaces de organizar ese coñecemento, convertelo en pensamento compartido e traducilo despois en políticas coherentes.
Iso obriga a construír un novo mapa intelectual para Galicia. Xa non abonda con interpretar a nosa realidade interna. Cómpre integrar nunha mesma reflexión interdisciplinar as transformacións tecnolóxicas derivadas da intelixencia artificial e da automatización; a nova política industrial e a reorganización das cadeas de valor; a transición enerxética; a evolución demográfica; os cambios culturais asociados ao ecosistema dixital; as novas formas de participación política; a reorganización xeopolítica do sistema internacional; o errático papel da Unión Europea; ou a inserción exterior de Galicia como dimensión transversal de todas as políticas públicas.
A novidade consiste precisamente en que por primeira vez na nosa historia recente, pensar Galicia require, de maneira inseparable, pensar o mundo. As decisións que condicionarán o futuro do país están cada vez máis vinculadas ás grandes transformacións globais. A lectura do interno xa non pode separarse da comprensión do externo.
Nada disto pode abordarse mediante esforzos ocasionais. Require unha empresa intelectual continuada, cooperativa e aberta, un ecosistema permanente de reflexión estratéxica. A política necesita volver rodearse de coñecemento.
Terceira oportunidade
Hai cen anos o galeguismo foi por diante do seu tempo. Hai cincuenta anos o nacionalismo reconstruíu unha arquitectura política capaz de chegar ata nós. Agora ábrese unha terceira oportunidade, quizais a máis esixente de todas. Non chega con preservar un legado nin con administrar o presente. Trátase de anticipar a Galicia que aínda non existe. O nacionalismo ten unha responsabilidade crucial nese empeño.
Quizais hoxe a súa principal tarefa histórica é a de volver producir un pensamento suficientemente avanzado como para que Galicia non se limite a adaptarse aos cambios, senón que poida contribuír a orientalos desde a súa propia perspectiva; en definitiva, dotar Galicia dunha nova capacidade para comprender o seu tempo.
O verdadeiro patrimonio político dunha nación é a súa capacidade para producir coñecemento útil sobre si mesma e sobre o mundo. Iso remítenos á tradición da Xeración Nós, ao labor do Seminario de Estudos Galegos e o esforzo intelectual da xeración dos setenta, ao tempo que proxecta esa herdanza cara aos desafíos do século XXI. Por iso, a construción da intelixencia estratéxica de Galicia é terceira gran empresa histórica do nacionalismo. Non admite demora.
(Para Praza)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo