A longa mirada chinesa, por Xulio Ríos

A finais do pasado outubro, a dirixencia chinesa principiou a conta atrás para o congreso que o PCCh celebrará no segundo semestre do ano próximo. As referencias dos medios á hora de analizar o significado dese encontro pormenorizaron nas “purgas”, no signo vitalicio do mandato de Xi Jinping á fronte do país e nos indicios -infundados- de “inminente convulsión política”. Nas remudas de persoal, as novidades foron moitas e agardánse máis aínda no ano por diante, nun contexto de amplísima remodelación. A maiores, o núcleo duro dirixente semella firmemente afianzado.

Pero os asuntos de persoal do partido agora e do goberno despois, van máis alá de cantas vacantes do Comité Central se cubran ou queden baleiras. Hai dúas tendencias de fondo ás que compre referirse. Dunha banda, nese horizonte inmediato que en China se cifra ao mínimo nun par de lustros, coa perspectiva concreta de 2035, un periodo no que deben sustanciarse moitos dos retos deste tempo, hai unha chamada a capítulo ao conxunto do PCCh para que entenda e en consecuencia asuma o carácter crucial desta etapa para cumpriren co obxectivo histórico de acadar a modernización “no fundamental”.

Pero tamén hai un segundo tempo, cun horizonte máis longo prazo e de caracter máis sistémico que conxuntural, coa pretensión de que o PCCh ofreza unha resposta estrutural sólida para evitar ser vítima do ciclo histórico de auxe e derrube. Esa foi a dinámica das dinastías clásicas na China e o PCCh, se o entendemos como a primeira dinastía orgánica da súa historia, trata de innovar entre os partidos de obediencia marxista para asentar unha praxe institucional centrada na supervisión interna e na autorreforma como vacinas contra o estancamento, o dogmatismo, a corrupción e a decadencia. Eludiríase así a adopción dos mecanismos de control externo imperantes nos sistemas liberais.

No ano por diante que agarda, a remodelación do liderado antóllase amplo. É un dato relevante a mensaxe de que ninguén é intocable, pero realmente o aspecto de maior calado é o impulso á institucionalización da gaiola de regulamentos -e non “gaiola de papel que non é quen de conter os tigres”- para condicionar a corrupción, dunha banda, e elevar a conciencia dos cadros a todos os niveis para aplicarse a fondo nesta etapa crucial do proceso de modernización. Aí, a organización, a educación ou a competencia, desempeñan un papel significativo.

A consolidación da posición política de Xi é un feito que non é novo. Novidade sería o contrario. A loita contra a corrupción é unha tarefa política central dende o inicio do seu mandato como o reflicte a proliferación de normas ao respecto, un 71 por cento do total vixente. Logrou desbaratar múltiples redes e clans internos ata o punto de necesitar agora establecer novos paradigmas na xestión de asuntos clave como o dos relevos na sucesión. Pulverizadas as regras do denguismo e descartada a súa infabilidade, subsiste un burato normativo que urxe descifrar abeirando convulsas dinámicas pasadas.

China está ás portas de abrir camiño a novas xeracións de dirixentes que por primeira vez non terán memoria viva efectiva do maoísmo. Por outra banda, o viveiro de cadros que representaba a Liga da Xuventude foi practicamente finiquitado por Xi no proceso de afirmación do seu poder interno. Os tecnócratas e burócratas, sen pertenza a redes ou clans específicos, asoman no outeiro co reto de instituir un mandarinato capaz de combinar prioridades éticas e políticas coherentes co imperativo fundacional do PCCh.

A convicción íntima é que o PCCh debe seguir sendo o referente decisivo na transformación do país e para iso debe estar a punto, en estado permanente de revista, e impregnar coa súa militancia non só os ámbitos tradicionais senón as organizacións económicas e sociais emerxentes. Cun sistema disciplinario estrito, o plan sistemático que idean para contar cun equipo de cadros de alto nivel e altamente concienciados, dispostos e preparados, debe salvar o medo a cometer erros e evitar que o conxunto do sistema caia na inación total.

Todo este debate e esta linguaxe segue mostrando que China está a outra cousa, tentando cavar máis fondo na súa leira sistémica. O resultado que lle poida dar está por ver, pero esa percepción de que teñen a punto de caramelo a consecución dos seus grandes obxectivos históricos e que non se poden permitir o luxo de estragar esta oportunidade, non semella un argumento falaz para simplemente establecer que todo este rumbo obedece a unha estratexia de glorificación de Xi Jinping.

(Para Nós Diario)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo