A China espántalle a inestabilidade. De Lao Zi a Confucio, pasando por Sun Zi, a guerra non só non é desexable, senón un recurso lamentable e excepcional. A sabedoría chinesa está inzada de advertencias directas, mesmo viscerais, contra o belicismo, configurando unha tradición estratéxica que sitúa a harmonía no cumio dunha orde social asentada na concordia como principio reitor do pensamento clásico.
A China de hoxe, cada vez máis debedora desa visión, tampouco precisa guerras para “gañar”. A súa modernización, xa nunha fase avanzada, que a devolve ao epicentro do sistema global, discorre por vieiros distintos e sitúaa na vangarda de múltiples ámbitos críticos.
A lectura das crises que se suceden -en boa medida a instancias de Washington-, desde as guerras comerciais e tecnolóxicas até a exacerbación de conflitos locais e rexionais, remite á ansiedade estratéxica de quen intúe que a súa hexemonía global pode ter os días contados, sempre que China saiba manter a cabeza fría.
No país MAGA, China é percibida como unha potencia con vontade e ambición de desprazar os Estados Unidos do seu liderado. Trátase dun consenso amplamente compartido, que transcende as fronteiras partidarias. Boa parte da elite interpreta a China, sobre todo, en clave de rivalidade: estratéxica, tecnolóxica, ideolóxica e militar.
As enquisas reforzan esta percepción. Segundo un estudo recente da Carnegie Endowment for International Peace, case dous terzos dos estadounidenses consideran que China iguala ou supera xa aos Estados Unidos en poder e influencia globais, mentres unha ampla maioría agarda que acabe superándoos no futuro.
A crise de Irán -como antes o episodio de Venezuela ou o que puidera vir en Cuba- e a coerción aplicada en todas partes para acurralar a China poden interpretarse como “distraccións” respecto do asunto principal. Ou, quizais, como un derradeiro intento de frear o seu ascenso, tentando cobrar unha peza tras outra cando o resto (aranceis, sancións….) xa non funciona, á espera de que unha crise en Taiwán o estrague todo.
Máis alá das hipotéticas vantaxes tácticas, a resposta chinesa -centrada na procura da estabilidade, na promoción de contornos internacionais previsibles, na proxección dun rol mediador e na defensa dos seus intereses comerciais e investimentos- está a dotala dunha auctoritas global que dificilmente acadaría mediante a máis sofisticada propaganda.
China amósase relativamente inmune aos efectos desta confrontación. Sen embargo, unha prolongación excesiva da guerra en Irán podería pasarlle factura en forma de maiores custos e riscos. Ao tempo, está a acelerar tendencias xa en marcha, desde o autosustento xeral até a diversificación enerxética, que apuntalan a súa armadura.
Con todo, Pequín considera esencial unha relación estable cos Estados Unidos para acadar os seus obxectivos fundamentais, e continuará a procurala malia os reveses e desconcertos das idas e vindas da Casa Branca e tamén pese ao desencanto e a frustración que de boas a primeiras ese empeño poida xerar entre os máis ferventes valedores da súa alternativa. Trump, ao cabo, é un talismán.
(Para La Voz de Galicia)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo