Gaza, Siria, Irán, Venezuela… crises que se suceden unha tras outra, modificando -cando menos en aparencia- a correlación de forzas a nivel global. E en cada unha delas China asoma por partida dobre: tanto para abordar a súa contextualización como para preguntarse como vai reaccionar.
A todas luces, China é hoxe a única potencia efectiva capaz de encararse cos Estados Unidos de Donald Trump. Nos inicios desta segunda onda da guerra comercial demostrou ter vontade e capacidade para pararlle os pés, apoiándose nun poder económico que lle infunde confianza abondo. Mais, alén diso, mentres moitos se preguntan como vai intervir, China semella mirar para outro lado. Por que?
Na nosa retina persiste a dinámica da guerra fría, pero, digámolo xa, China non é a URSS, aínda que poidamos situala nun espazo ideolóxico semellante. E non por aquilo que dicía Stalin, que os comunistas chineses eran como os ravos: vermellos por fóra e brancos por dentro. En realidade, a súa é outra cosmovisión. China non vai entrar ao trapo da competencia xeopolítica cos Estados Unidos nos termos que estes decidan.
O primeiro que cómpre ter en conta é que, malia ser a primeira potencia económica do planeta en termos de paridade de poder de compra, aínda lle resta un longo treito -varios lustros- para completar a modernización. Por outra banda, a fonte principal da lexitimidade política hoxe devén, sobre todo, das capacidades internas para avanzar no desenvolvemento e no benestar dese 20 % da poboación global que representa.
No ámbito externo, os problemas de seguridade de maior gordura radican na súa veciñanza, isto é, no mar da China Meridional e en Taiwán, sobre todo. É aí onde se remangará en termos estratéxicos. O demais é economía, que vai e vén, cun balance global que pode xestionar acaidamente.
China pensa diferente. Elude a confrontación e procura acordos con constancia e con proxección de futuro: beneficios mutuos, estratexias de desenvolvemento coordinadas, etc., e todo iso implica un incremento da súa presenza ata facela indispensable. O factor militar non figura na listaxe de prioridades, como tampouco a expansión ideolóxica nin o mesianismo político. Se hoxe é un referente para tantos é polo auxe da súa economía e por militar no convencemento de que o progreso compartido é o mellor antídoto fronte ás crises.
Esta caracterización conduce a outra observación importante. China non rexeita actuar en situacións de crise, pero sempre o fará “acompañada”: non irá “pola súa conta” como expresión do seu “gran poder”; é dicir, buscará entendemento cos seus socios máis afíns, con entidades multilaterais representativas e actuará ao abeiro das Nacións Unidas. É o plus que suma ás súas chamadas ao diálogo, ao cesamento das hostilidades, á defensa da soberanía, etc., cun enfoque inclusivo e colectivo.
Ata cando isto vai ser así? Asumirá China as súas responsabilidades doutra forma? Podemos imaxinar un activismo diplomático maior nos vindeiros anos, pero discorrerá nese marco multilateral e apostando polas solucións institucionais. Esa é a súa maneira de equilibrar unha orde global en ebulición. E farao sen precipitarse, consciente das súas limitacións. Abonda como mostra a prudencia con que xestiona o abandono dese marco por parte dos Estados Unidos.
Ben é certo que existe unha liña delgada entre a prudencia e o desentendemento, pero fixémonos nos principios, nas propostas e na narrativa xeral. China adoita facer o que di, a diferenza doutros, afeitos a dicir unha cousa e facer outra. En boa medida, iso explica tamén a elevación do seu prestixio e do seu capital político global.
(Para Faro de Vigo)
(En castellano, en El Diario: https://www.eldiario.es/opinion/tribuna-abierta/china-mantiene-distancias_129_12922755.html)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo