No seu libro, detalla a “sinización” do marxismo. Moitos en Occidente
ven este proceso como unha dilución ou unha escusa. Podería explicar
por que, en lugar de ser un desvío, esta adaptación pragmática á
realidade nacional é precisamente a clave que permitiu que o marxismo
fose unha forza material exitosa e transformadora na China, a
diferenza dos dogmatismos que levaron ao fracaso noutros lugares?
Nesa adaptación está a clave do éxito chinés fronte ao fracaso doutras experiencias. É un proceso que comeza antes mesmo do trunfo da revolución e que ten por norte aquela máxima repetida por Mao ata a saciedade de que “a verdade está nos feitos”. No fondo, representa a reivindicación dun marxismo concreto, capaz de transformar a realidade inmediata, xestionando as contradicións que ese proceso suxire e mantendo invariables os obxectivos estratéxicos. Non hai garantía de éxito pero a premisa básica é a preservación dunha hexemonía política comprometida cos ideais e motivacións de orixe.
O debate arredor do chamado “socialismo de mercado” continúa aberto.
Mais, non é precisamente esta fórmula a que permitiu manter o liderado
do Partido, o control dos sectores estratéxicos e, ao tempo, un
desenvolvemento histórico sen precedentes?
Admitir que o mercado pode ter un papel, sen renunciar á planificación, é unha achega esencial, que non por iso comporta, de modo automático, a alteración da naturaleza do modelo. Tampouco o recurso á planificación no capitalismo supón unha adscrición automática ao socialismo. Na práctica, ese hibridismo, flexible, é o que permitiu a China acelerar o ritmo do seu desenvolvemento sen alterar sustancialmente os fundamentos do sistema.
Dentro desta lóxica, cal é hoxe o papel das empresas estatais na
estratexia de desenvolvemento nacional? Seguen a ser ferramentas de
soberanía económica e planificación central ou cederon terreo fronte
ao sector privado?
As empresas estatais desempeñan un papel central e estratéxico. Non teñen unha función limitada como nas economías liberais senón que están profundamente integradas nos plans económicos e actúan como instrumentos clave para acadar os grandes obxectivos estatais. Que o esencial ou crítico da economía permaneza en mans do Estado robustece a seguridade económica e política do país. A maiores, buscan a eficiencia e a rendibilidade con modelos de xestión flexibles que apuntalan o valor do público sen cuestionar o control estratéxico. Esa reforma constante chea de matices é unha característica substancial do proceso chinés e que en demasiadas ocasións se descualifica sen afondar o suficiente.
O pensamento de Xi Jinping sobre o socialismo para unha nova era
preséntase como un novo capítulo do marxismo sinizado. Cales son os
elementos clave do seu pensamento que non só responden aos desafíos
actuais da China, senón que tamén ofrecen leccións valiosas para
outros países que buscan un desenvolvemento soberano?
O xiísmo ten como premisa básica a reafirmación do liderado do PCCh en todos os ámbitos, dende a economía á sociedade, cultura, exército ou política exterior. Representa a teorización da derradeira fase do proceso de modernización que debe culminar en 2049 e ten como referentes aspectos como o desenvolvemento de alta cualidade, a autosuficiencia tecnolóxica, a prosperidade común, a gobernanza con fundamento na lei, a seguridade integral, unha diplomacia máis activa que respecte a soberanía dos países, o fortalecemento ideolóxico con rexeite explícito de modelos liberais, etc. En suma, é a folla de ruta para culminar unha modernización que exclúe a occidentalización e que mantén a identidade, unidade e liderado do PCCh como garante da orixinalidade do proceso.
O libro menciona a combinación do marxismo coa tradición cultural
chinesa. De que maneira conceptos confucianos como a harmonía, a orde
e a visión colectiva fortaleceron e enriqueceron a implementación do
socialismo na China, creando un modelo máis estable e humano que o
individualismo occidental?
Se ben en líderes anteriores podemos atopar orientacións que apuntan a unha reconsideración do negativismo asociado ao pensamento tradicional por parte non só do maoísmo senón de movementos modernizadores que arrancan do século XIX, cabe destacar en Xi unha apreciación maior da importancia de conectar o marxismo con elementos da cultura e historia chinesas (como o confucianismo, o pensamento estratéxico chino ou os valores tradicionales). E o que chaman a “segunda combinación” (a “primeira” é a do marxismo coa realidade chinesa). Hai na cultura factores que tanto axudan a conxurar ese individualismo como a argumentar a necesidade de seguir un camiño propio para o desenvolvemento.
O campesiñado foi un suxeito revolucionario esencial no maoísmo. Hoxe,
cal é o seu lugar dentro do proxecto socialista con características
chinesas?  A erradicación da pobreza extrema no medio rural pode
entenderse como unha certa continuidade da prioridade histórica que o
Partido outorgou ás masas labregas?
Segundos datos do Banco Mundial (2023), aproximadamente 36% da poboación de China vive en zonas rurais. Isto representa una tendencia decrecente en comparación con décadas pasadas, produto dunha rápida urbanización. No ano 2000, por exemplo, máis do 60% da población vivía en zonas rurais. Sen embargo, o mundo rural sigue sendo clave na política chinesa. Sirva de exemplo que o “Documento Central Nº 1” que emite anualmente o Comité Central do PCCh e o Consello de Estado e que establece as prioridades políticas e económicas do goberno, leva máis de vinte anos enfocado case exclusivamente en temas rurais e agrícolas para facer realidade aquelo que na época de Hu Jintao se cualificaba como o “novo agro socialista”. É un sinal claro de que o desenvolvemento rural, a mitigación das diferencias coa cidade, a agricultura e a seguridade alimentaria son prioridades estratéxicas. A consolidación dos avances na erradicación da pobreza cabe contextualizalos nese proceso.
A loita contra a corrupción emprendida por Xi Jinping foi unha das
campañas máis ambiciosas da historia recente. Como demostra esta
campaña o compromiso do Partido coa súa propia pureza ideolóxica e o
seu papel como servidor do pobo, fronte á narrativa que o presenta
como unha simple elite de poder?
O “proxectil almibarado” que dicía Mao é un problema que acompaña a transformación de China. En diferentes etapas téñense arbitrado campañas para combatila pero é con Xi que adquire unha maior relevancia tanto estrutural como na súa amplitude. Isto relaciónase fundamentalmente co carácter crucial da actual fase do proceso de modernización, con dificultades internas e exteriores en fase ascendente. A posta a punto do Partido para liderar esta fase require dunha actualización do compromiso ético que se viu alterado polos efectos non desexados das reformas adoptadas especialmente nos últimos corenta anos.
O ascenso pacífico da China xerou unha reacción cada vez máis agresiva
por parte dos EUA. Considera esta hostilidade non como unha resposta a
unha suposta “ameaza” chinesa, senón como o medo do imperialismo
occidental a perder a súa hexemonía e a que exista unha alternativa
exitosa ao seu modelo?
China está cercada por 80 bases militares a disposición das tropas estadounidenses que non cesan de multiplicar a súa presenza no seu entorno…. A guerra comercial, a pugna tecnolóxica, etc., forman parte dunha estratexia para evitar que complete exitosamente o seu proceso, que tería como consecuencia a erosión dunha primacía arrebatada hai apenas dous séculos a golpe de canóns e opio. EUA pode admitir unha China modernizada pero non unha China soberana que non se someta ás súas redes de dependencia. Paradoxalmente, o rexeite a exportar modelos incrementa o atractivo do seu ante países terceiros cuxo balance da dependencia é ben parco en beneficios.


Deixa unha resposta