Occidente non é o fin do camiño, por Xulio Ríos

O proceso de modernización de China proxecta implicacións que transcenden o visible desprazamento cara a unha configuración multipolar do sistema internacional. En efecto, as transformacións en curso apuntan a unha mutación de maior calado, incluindo a posible emerxencia dunha orde multicivilizacional. Neste sentido, diversos analistas sinalan que nos atopamos ante un escenario no que múltiples tradicións culturais e filosóficas recuperan centralidade na esfera global, contribuíndo conxuntamente á definición do novo marco internacional.

Durante aproximadamente os últimos dous séculos e medio, a civilización occidental exerceu unha posición de predominio global, reflectida tanto na arquitectura institucional internacional como na difusión dos seus marcos normativos e conceptuais. Sen embargo, esta centralidade constitúe un fenómeno historicamente continxente. Antes da consolidación da modernidade industrial, civilizacións como China e India ocupaban posicións destacadas na economía mundial; a comezos do século XIX, ambas representaban unha proporción substancial do produto global. A expansión imperial europea e o desenvolvemento industrial alteraron profundamente esta estrutura, reducindo de maneira significativa o seu peso relativo a mediados do século XX.

Na actualidade, esta tendencia experimenta unha progresiva inversión. China consolidouse como unha das principais economías do mundo, mentres India rexistra un crecemento sostido impulsado por factores demográficos e económicos. Este desprazamento non debe interpretarse unicamente en clave cuantitativa, pois o rexurdimento asiático implica tamén a reactivación de tradicións civilizatorias que volven desempeñar un papel relevante na configuración do sistema internacional.

O ascenso de Occidente non se sustentou exclusivamente na súa capacidade material, senón tamén na proxección dunha determinada filosofía da historia. Tanto o liberalismo como o marxismo comparten unha pretensión de universalidade. Desde esta perspectiva, a historia concíbese como un proceso orientado cara á converxencia arredor de formas políticas consideradas superiores, en especial, a democracia liberal.

En contraste, a tradición política chinesa tende a concibir a historia en termos cíclicos. O ascenso e declive das dinastías articúlase arredor do concepto de “Mandato do Ceo”, que outorga lexitimidade aos gobernantes de maneira condicionada ao seu desempeño. Esta lexitimidade  depende da eficacia na gobernanza, entendida como a articulación de principios éticos, estruturas administrativas e orde social.

Desde esta perspectiva, resulta plausible a existencia de modelos de organización social estables baseados en tradicións intelectuais diversas. Isto implica que as institucións occidentais deben ser interpretadas non como expresións universais, senón como produtos historicamente situados. Durante longo tempo, con todo, Occidente deixou de percibirse como unha civilización entre outras para asumirse como o paradigma da modernidade, o que influíu decisivamente na súa proxección exterior.

O desenvolvemento de China cuestiona de forma substantiva esta premisa. A consolidación dun modelo de modernización non occidental pon de manifesto que a modernidade non implica necesariamente occidentalización.

Paralelamente á transformación das estruturas económicas, obsérvase unha reconfiguración do discurso civilizatorio. China non articula a súa proxección internacional en termos de universalismo ideolóxico, senón que enfatiza principios como a soberanía, a non inxerencia e o pragmatismo no desenvolvemento. Este enfoque suxire a posible emerxencia dunha orde internacional baseada na interacción entre múltiples marcos civilizatorios, máis que na hexemonía dunha única matriz normativa.

O ascenso de China reforza a lexitimidade doutras civilizacións, como India, na articulación dos seus propios modelos de desenvolvemento. Deste xeito, a orde internacional podería evolucionar cara a unha configuración multicivilizacional, caracterizada pola coexistencia de sistemas diversos en lugar da primacía dunha única ideoloxía.

No plano estratéxico, desde o final da Guerra Fría, Estados Unidos orientou a súa acción internacional cara ao mantemento da súa primacía mediante a superioridade militar, o control de espazos estratéxicos e a centralidade do dólar no sistema financeiro global. Fronte a isto, China promove unha visión alternativa baseada na multipolaridade, na igualdade soberana e na reforma das institucións de gobernanza global. E resulta pouco probable tanto un retorno a unha orde unipolar liderada por Estados Unidos como a consolidación dun sistema global homoxéneo baixo liderado chinés.

A cuestión fundamental para as próximas décadas reside na capacidade de Estados Unidos e de Occidente para adaptarse a esta nova realidade e aceptar o fin do noso monopolio da modernidade.

(Para Nós Diario)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo