O país que non somos, por Xulio Ríos

Os que tanto reivindicamos a nosa condición minhota temos moito de antropoloxía no cerne do noso achegamento a Portugal. Pero hai algo máis fondo que a simple proximidade xeográfica ou os intereses compartidos, esa sensación de normalidade cultural. É no Norte portugués onde moitos galegos perciben unha Galicia non escindida, non acomplexada, non obrigada a xustificarse permanentemente. Un espazo onde a lingua propia organiza a vida pública con naturalidade e onde a identidade colectiva non aparece sometida a unha tensión constante entre afirmación e supervivencia.

É Portugal o espello dunha “normalidade” nacional que Galicia percibe como propia e allea ao mesmo tempo. Por iso tamén a relación con Portugal aparece como unha ferramenta para pensar Galicia trascendendo o paradigma eurorexional, que non da mais de si segundo algúns, e retornando á busca de novas conxugacións de identidade, fronteira e xeopolítica.

Portugal funciona así, en certa medida, como un referente incómodo. Non porque sexa un modelo idealizado nin porque careza das súas propias contradicións, senón porque nos devolve a imaxe do país que puidemos ser e non fomos. Ou talvez do país que aínda non nos decidimos a ser.

Nos anos oitenta e noventa, a relación entre Galicia e Portugal -especialmente co Norte- estivo envolta nun clima de posibilidades. A construción da eurorrexión abriu un horizonte novo. Entre o entusiasmo dos máis convencidos e o escepticismo dos que vían na cooperación transfronteiriza pouco máis que retórica institucional, foron tecéndose dinámicas económicas, culturais e académicas que parecían anunciar unha etapa distinta. A eurorrexión ofrecía, ademais, unha arquitectura política suficientemente vaga e inofensiva como para neutralizar vellos receos mutuos xa que nin ameazaba soberanías nin obrigaba a reformular identidades estatais. Permitía avanzar sen grandes traumas.

Houbo daquela unha certa épica da proximidade. Multiplicáronse os intercambios, os proxectos comúns, as conexións humanas e empresariais. Mesmo chegou a intuírse que o eixo atlántico podía constituír un espazo con personalidade propia dentro da Península Ibérica e da propia Unión Europea.

Mais hai tempo que parece instalado o convencemento de que todo está feito. Como se a simple existencia dunha cooperación institucionalizada abondase para garantir a súa vitalidade histórica. As inercias continúan funcionando, é certo, mais fano cada vez con menos ambición e con escasa reflexión estratéxica. Mentres tanto, nas beiras do Miño, os vínculos reais seguen desenvolvéndose a unha escala moito máis concreta e silenciosa: mobilidade laboral, consumo compartido, relacións familiares, hábitos culturais híbridos. Existe unha sociedade transfronteiriza de feito, mais sen apenas relato político ou intelectual que a interprete e proxecte.

A perda de impulso e a falta de ambición retroaliméntanse. E iso convértese nun problema de fondo. Porque as relacións que non se pensan acaban administradas pola rutina; e as rutinas, antes ou despois, derivan en irrelevancia. Urxe, polo tanto, volver coser. Pero non dende a nostalxia nin dende o automatismo burocrático, senón dende unha conciencia nova e unha vontade transformadora. Repensar a relación galego-portuguesa significa preguntarse que papel pode xogar nun contexto internacional radicalmente distinto ao que viu nacer a eurorrexión.

Porque o mundo mudou. E Europa tamén está mudando. O ciclo histórico da posguerra fría esgótase diante dos nosos ollos mentres emerxen novos polos de poder, novas disputas tecnolóxicas, enerxéticas e xeopolíticas. A Unión Europea enfróntase a desafíos existenciais relacionados coa autonomía estratéxica, a reindustrialización, a seguridade ou a redefinición das súas periferias. E nese escenario, o espazo atlántico occidental da Península corre o risco de continuar ocupando unha posición subalterna, máis obxecto ca suxeito das transformacións en marcha.

Por iso quizais chegou o momento de formular preguntas máis ambiciosas. Non só que relación queremos ter con Portugal, senón que lugar queremos ocupar no novo mapa europeo. Se Galicia quere limitarse a acompañar inercias alleas ou se aspira a pensar estratexicamente a súa posición atlántica, lingüística e cultural. Porque quizais Portugal non sexa simplemente o veciño co que compartimos historia e afinidades, senón tamén unha oportunidade para pensar o país que non somos. E, precisamente por iso, o país que aínda estamos a tempo de imaxinar.

(Para Nós Diario)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo