Europa despois de Múnic, por Xulio Ríos

A Conferencia de Seguridade de Múnic deixou ao descuberto as profundas turbulencias globais e a transición en curso entre as vellas e as novas estruturas do sistema internacional. O secretario estadounidense Marco Rubio quixo deixar ben claro que a orde liberal tal e como a coñecemos pertence ao pasado. Fronte a esa mensaxe de demolición, e no extremo oposto, China apelou a salvagardar o status e o papel da ONU, advertindo contra o retorno á lei da selva.

E Europa? Entre os líderes europeos, en bo galego, cada quen dixo o que dixo. Existe coincidencia con Washington en que cómpre asumir máis responsabilidades en materia de defensa. Porén, mentres a amplísima presenza militar estadounidense no continente continúa sendo tabú, o consenso arredor do incremento do gasto militar é cada vez máis transversal, aínda que persistan discrepancias en políticas concretas. A distancia é maior en variables estruturais -enerxía, clima-, mentres noutras avanza o achegamento -inmigración-. O disciplinamento europeo progresa sen excesivos atrancos.

Asegúrase que Rubio tentou tranquilizar. Mais a eventual subsistencia do vínculo atlántico pasa, segundo esa lóxica, por que a UE asuma as esixencias estadounidenses e rectifique políticas. Outras formas, idéntico contido. Se Europa non acompaña os pasos de Trump, deberá valerse por si mesma. Non resulta improbable que nos vindeiros anos vexamos unha Europa máis trumpista e menos europea, da man de liderados escorados cara ás posicións máis extremas da dereita conservadora. A Casa Branca intervén xa abertamente nesa dirección.

A opinión pública europea amosa unha crecente desconfianza cara ás políticas de Trump. Con todo, os líderes conservadores -maioría na Europa actual- confían en persuadirnos mediante matices e graduacións. En Múnic fixéronse notar tamén voces demócratas estadounidenses, cun discurso máis amable, máis recoñecible para nós, que presenta este segundo mandato de Trump como unha paréntese tras a cal se poderá pasar páxina. Mais cómpre lembrar que a Administración Biden asumiu non poucas das liñas mestras de Trump 1.0 e que determinadas transformacións xa non teñen retorno.

Percibiuse en Múnic unha certa nostalxia estratéxica que evoca aquela máxima chinesa: “dúas persoas poden durmir na mesma cama e non compartir o mesmo soño”. Do ton dominante dedúcese que a máxima aspiración europea é restaurar as relacións transatlánticas. O alemán Merz, crítico con Trump nalgúns aspectos, apostou por reconstruír antes ca prescindir, comprometéndose a poñer da súa parte comezando por un ambicioso rearme.

A autonomía estratéxica europea foi invocada, unha vez máis, como mantra recorrente. Non obstante, nin o consenso nin a vontade política semellan suficientes para materializala. En que consiste realmente? É só unha cuestión de seguridade? E se o fose, abondaría con iso? Bruxelas declara manter o compromiso co multilateralismo e co libre comercio, mais contemporiza co proteccionismo e amosa inhibición fronte ás expresións de unilateralismo hexemónico dos EEUU que eluden o dereito internacional. Afirma tamén a súa lealdade á ONU, aínda que non cabe descartar aproximacións á chamada Xunta de Paz auspiciada por Trump.

Entre China e Europa subsisten diferenzas notables en sistemas sociais, valores e modelos de desenvolvemento que fan inviable un vínculo equiparable ao transatlántico. Con todo, existe marxe para unha relación pragmática que require tanto elaboración teórica como redefinición política, en paralelo ao necesario anovamento do vínculo cos EEUU. Washington previsiblemente endurecerá a súa posición fronte a China, por máis que Trump prodigue eloxios ocasionais a Xi Jinping. Cando reclame disciplina e peche de filas para unha nova Cruzada de Occidente, a UE veráse, unha vez máis, ante a disxuntiva de decidir en función dos seus propios intereses ou dos alleos.

EEUU -afirmou Merz en Múnic- non é suficientemente poderoso para actuar en solitario. Mais tampouco o é Occidente no seu conxunto. Ninguén o é. A axenda de Trump promete agravar contradicións xa existentes. Prepararse para o que vai vir e afirmarse como potencia xeopolítica dependerá da capacidade europea para xerar verdadeira autosuficiencia. E iso dificilmente será posible mentres unha parte substancial das súas elites continúe instalada nunha nostalxia estratéxica que confunde restauración con futuro.

(Para Faro de Vigo)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo