China, un Cabalo a galope, por Xulio Ríos

Foi Xu Beihong quen converteu o cabalo chinés nun manifesto político e estético. Xu transformou o cabalo nun símbolo moderno da China, dotado de enerxía, dignidade, resistencia e vontade moral. Os seus cabalos encarnan un ideal ético e tamén estatal. Dominou a pintura tradicional chinesa a tinta, pero incorporou o realismo anatómico occidental, aprendido en Francia, o que lle deu ás súas obras unha forza sen precedentes na pintura chinesa do século XX.

Dende unha perspectiva histórica, os seus cabalos adoitan interpretarse como unha alegoría daquela China humillada pero non derrotada, especialmente durante a guerra contra o Xapón.Igualmente foi un reformador da arte chinesa e unha figura institucional clave despois de 1949.

A piques de comezar nos próximos días, no Ano Chinés do Cabalo, un dos signos máis dinámicos e carismáticos do seu zodíaco, Xu Beihong será lembrado unha vez máis, e as súas pinturas asociaranse con esa imaxe de enerxía, movemento e cambio.

Na cultura política chinesa,  o Cabalo, máis alá dos matices, anuncia un período de aceleración e crecemento, de expansión, unha etapa de asunción de riscos pero tamén de determinación para acadar os obxectivos establecidos que este ano vannos levar de cheo ao XV Plan Quinquenal (2026-2030), que se aprobará o próximo marzo nas “dúas sesións”.

O Cabalo é un bo retrato desa China actual, forte, paciente, reflexiva pero non estancada, reacia aos conflitos, concentrada e centrada en completar longas viaxes. É unha China chea de coraxe, con sentido da oportunidade, que outea xa eses novos horizontes trazados hai case dous séculos.

O espírito do Cabalo aliñase perfectamente cos obxectivos estratéxicos a longo prazo, especialmente na fase crítica actual da súa planificación. Na economía, podemos esperar un impulso á innovación tecnolóxica e á autosuficiencia. O Cabalo representa a velocidade, e a axenda priorizaría os rápidos avances en sectores clave, dende a IA ata os vehículos eléctricos, a enerxía limpa e o sector aeroespacial. Poderíanse anunciar fitos significativos en misións espaciais ou logros en chips semicondutores para demostrar este “progreso a toda velocidade”. Do mesmo xeito, acelerará a transición dun modelo de investimento/inmobiliario a outro baseado no consumo interno e na alta tecnoloxía.

Un aspecto importante debera ser o desenvolvemento social. Do mesmo xeito que o cabalo busca bos pastos, podemos esperar a promoción de políticas máis activas baixo o paraugas da “Prosperidade Común”, con énfase na revitalización rural e medidas para mellorar o benestar (seguridade social, incentivos á natalidade). A poboación chinesa debe “sentir” máis o progreso.

Complementariamente, a estabilidade e a seguridade seguirán desempeñando un papel fundamental, evitando os riscos adicionais daquel cabalo que se descontrola e outros problemas potenciais. A estabilidade social é unha prioridade máxima nun ano potencialmente dinámico, que require unha maior seguridade en todas as súas formas, desde a política (o vindeiro congreso do PCCh será en 2027) ata a ciberseguridade.

A mensaxe interna de unidade e confianza no rumbo establecido subliñará a importancia de perseverar no desenvolvemento. A clave é un cabalo ben guiado. O PCCh volverá advertir contra a “impaciencia”, pero sobre todo contra o “individualismo” (o cabalo que se afasta da manda), aliñándoo coa necesidade de unidade e planificación colectiva.

Apelando ao Cabalo como un antigo medio de conexión continental, na política internacional, China afronta un escenario complexo e deberá xestionar a resistencia e os retrocesos que seguramente atopará no camiño, especialmente en áreas como América Latina e o Caribe (ALC) e en proxectos asociados á Franxa e a Ruta. Por unha banda, este desexo de “galopar” debe fortalecer as alianzas no Sur Global, presentando a China como un socio estable e en rápido progreso. Por outra, debe xestionar habilmente as relacións con Occidente (EUA, UE), combinando a firmeza en cuestións clave (Taiwán, tecnoloxía) con xestos de cooperación en áreas globais (clima, saúde).

A axenda de China para o Ano do Cabalo non é un cambio de rumbo, senón unha intensificación do ritmo actual. Será o sw finalizar a planificación do XV Plan Quinquenal (2026-2030), cunha énfase no impulso á súa implementación.

O simbolismo do Cabalo proporcionará un poderoso marco cultural para empaquetar políticas de crecemento rápido, proxección de poder brando e estabilidade interna, todo temperado polo elemento Madeira, que impulsa cara a un crecemento máis ecolóxico e diplomático. En esencia, será un ano para “poñer a Gran Estratexia a galope”, pero sempre coas rendas firmemente suxeitas.

(Para Nós Diario)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo