A longa modernización chinesa, por Xulio Ríos

Moito se comenta ultimamente sobre os avances tecnolóxicos da China, xa nos refiramos á intelixencia artificial, á robótica, aos humanoides ou ás novas enerxías. Son, sen dúbida, unha evidencia do moito que ten avanzado o país en materia de modernización. Mais compre lembrar que esta transformación non é resultado apenas das últimas décadas de reformas, senón o episodio máis recente dunha procura moito máis longa.

A preocupación pola modernización chinesa arrinca, en realidade, das últimas décadas da dinastía Qing, cando sectores da intelectualidade comezaron a preguntarse polas causas da debilidade do país e polos camiños para superar a subordinación ás potencias estranxeiras. Wei Yuan, Feng Guifen, Kang Youwei ou Liang Qichao representan, con matices moi diferentes, esa primeira procura dun camiño para fortalecer China mediante a incorporación de coñecementos, institucións e capacidades procedentes do exterior. A cuestión esencial, a de como modernizar China sen deixar de ser China, estaba formulada entón.

Desde aquela, a modernización converteuse nunha das grandes cuestións da historia contemporánea chinesa. O movemento de autofortalecemento, as reformas de finais dos Qing, a República, a revolución de 1949 e, posteriormente, as reformas iniciadas por Deng Xiaoping poden ser interpretados como diferentes respostas a unha mesma preocupación histórica. Incluso os momentos de maior ruptura forman parte dunha secuencia na que China procura recuperar capacidade, soberanía e desenvolvemento despois dun longo período de debilidade.

Esta perspectiva é fundamental para comprender tanto a traxectoria como as expectativas actuais. O horizonte de 2049, centenario da fundación da República Popular, non constitúe simplemente unha data política. Insírese nunha narrativa de longa duración que interpreta a modernización como un proceso iniciado hai máis dun século e destinado a culminar coa conversión de China nun país plenamente moderno e desenvolvido. Nese sentido, pecharíanse dous séculos dunha transición histórica marcada pola procura da recuperación da grandeza perdida.

O que hoxe resulta especialmente significativo é que China non parece querer limitarse a alcanzar os niveis de desenvolvemento establecidos polas sociedades occidentais. A cuestión é tamén se resulta posible formular unha modernidade posoccidental, entendida non como negación de Occidente nin como rexeitamento dos seus logros, senón como superación da idea de que existe un único itinerario válido cara á modernidade.

Na China actual combínanse elementos procedentes de tradicións diferentes. Hai compoñentes da economía de mercado, da planificación estatal, da innovación tecnolóxica, do pensamento marxista e de conceptos políticos propios da tradición chinesa. Mais sobre todos eles pesa esa premisa cada vez máis explícita de que a modernización debe desenvolverse baixo condicións de soberanía política e capacidade de decisión propias.

Por iso, máis que asistir simplemente ao ascenso dunha China tecnoloxicamente avanzada, estamos ante o último capítulo dunha longa procura. A gran novidade é que, por primeira vez, China parece dispoñer dos recursos suficientes para non limitarse a incorporarse á modernidade definida por outros, senón para participar activamente na definición dos seus contidos. A modernización chinesa pode estar entrando así nunha nova etapa, aquela na que modernizarse xa non significa necesariamente occidentalizarse.

(Para Faro de Vigo)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo