O acontecido en Venezuela debe ser lido máis alá da súa dimensión estritamente nacional ou rexional. A intervención dos Estados Unidos insírese nun movemento máis amplo de reafirmación do poder hexemónico, empregando métodos que evocan etapas pretéritas da política internacional. Non se trata dun feito illado nin excepcional, senón dun aviso: este tipo de prácticas poden reproducirse noutros escenarios onde Washington perciba que os seus intereses estratéxicos, políticos ou simbólicos están en xogo. O risco de novos episodios dramáticos é, por tanto, real e crecente.
Venezuela é tamén un síntoma máis dun proceso de natureza claramente autodestrutiva que ameaza con liquidar boa parte dos avances logrados ao longo do século XX. Tras dúas guerras mundiais devastadoras, a comunidade internacional -liderada fundamentalmente desde Occidente- foi construíndo, non sen contradicións, unha orde baseada no dereito, nos dereitos e na institucionalización. O multilateralismo, as Nacións Unidas, o dereito internacional, os mecanismos de diálogo e negociación, mesmo nun contexto tan tenso como o da Guerra Fría, actuaron como diques de contención fronte a retrocesos civilizacionais maiores. En paralelo, produciuse unha expansión significativa dos dereitos económicos, sociais, culturais, civís e políticos, entendidos como condición indispensable para a estabilidade e a paz.
Ese equilibrio sustentábase en dous piares. Un deles, o de inspiración marxista, entrou en crise nos anos noventa, varrido polo triunfo do neoliberalismo e pola crenza nun mercado autorregulado capaz de substituír á política. O outro, o piar liberal-institucional da orde internacional, está a colapsar agora, erosionado desde dentro pola propia potencia principal que o promoveu.
Neste contexto, Donald Trump actúa como o gran liquidador desa orde. O seu desprezo polo multilateralismo, polos compromisos internacionais e polas normas compartidas non é accidental nin retórico, senón estrutural. Un día suxire a recuperación dun G8 que reincorpore a Rusia; outro, flirtea coa idea dun G2 con China como directorio mundial. Ao mesmo tempo, semella tomar forma unha especie de nova trepia global —Estados Unidos, Rusia e China— baseada na repartición de áreas de influencia. Non se trata, porén, dun paso cara unha orde multipolar nin dunha gobernanza compartida, senón dun retorno a lóxicas de poder duro, con acordos temporais, fráxiles e esencialmente transaccionais.
Os riscos asociados a este proceso son enormes. Lonxe de reducir a confrontación estratéxica, este enfoque tende a acentuala. Non se propón unha hexemonía compartida nin un equilibrio negociado entre iguais, senón o recoñecemento de centros de poder subordinados a unha xerarquía definida por Washington. Trump non acepta que ningún outro país dispoña de dereitos equivalentes aos dos Estados Unidos nin admite a posibilidade dunha igualdade soberana efectiva. A súa premisa é clara: ningún actor debe volverse demasiado poderoso nin desafiar o dominio estadounidense, sexa aliado ou adversario.
Esta lóxica introduce unha inestabilidade estrutural no sistema internacional. Ao debilitar as regras e institucións comúns, substituíndoas por relacións bilaterais asimétricas e por acordos de forza, increméntase a incerteza e redúcese a previsibilidade. Os actores máis débiles quedan expostos á arbitrariedade, mentres que os máis fortes ven incentivado un comportamento cada vez máis agresivo. O caso venezolano ilustra perfectamente esta deriva: a crise política interna convértese en campo de batalla dunha estratexia global que despreza os custos asociados.
Cabe preguntarse, finalmente, pola viabilidade deste modelo. Todo apunta a que non conducirá á estabilidade, senón a unha inestabilidade duradeira. Sen normas compartidas, sen mecanismos efectivos de resolución de conflitos e sen un mínimo consenso sobre os límites do poder, o sistema internacional entra nunha fase de alta volatilidade. O que está en xogo non é só a orde herdada do século XX, senón a propia capacidade colectiva para evitar novos retrocesos civilizacionais. Venezuela, neste sentido, non é o final do camiño, senón un inquietante punto de partida.
(Para Faro de Vigo)


Deixa unha resposta