“Un intre no tempo”, de Xosé Luís Franco Grande

A Editorial Galaxia ven de presentar “Un intre no tempo. Poesía reunida 1967 – 2017”, de Xosé Luís Franco Grande, unha das figuras máis destacadas das nosas Letras. A edición é de Teresa Seara. Vai ser este un volume imprescindible para achegarse á súa dimensión poética, unha faceta central da súa personalidade e obra.

Mais alá da cordialidade da relación que durante anos compartimos, o mestre Franco Grande incorporouse ao Consello Asesor do IGADI e mantivo unha activa relación de cooperación con este think tank que eu mesmo fundara en 1991.

A modo de homenaxe á nosa amizade, nunha ocasión brindoume esta brincadeira poética que expresa esa simpatía mutua que sempre nos profesamos.

XULIO RÍOS PASEA POR BEIJING

Entre Baiona ou  Beijing

Veredes a Xulio Ríos.

Por que irá tanto ao Oriente?

Dime que alí un mundo novo

Se está formando con forza,

Poderoso, asoballante.

Alí ten que estar o IGADI

Para que poidamos ver

O mundo dende Galicia

Chamo a Xulio e pregúntolle:

Se en Baiona fai bo tempo,

Ou calquera  unha outra cousa

E dime que está en Beijing

Entre o  Oriente e o Occidente

Unha idea e mais un esforzo

Para que o mundo vexamos

Máis certo, máis verdadeiro.

Xa todo o teño moi claro:

Nós vivimos no Occidente

E Xulio sabe que debe

Esa forza asoballante,

Destrutiva ou creadora,

Debe mostrárnola en vivo

Para que o mundo vexamos

Dende o IGADI, dende aquí.

Saúde. E que cante  o merlo!

   X.L. FRANCO GRANDE. Ex corde.


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *