Tendencias globais en 2026, por Xulio Ríos

Visto dende Galicia, o ano 2026 preséntase nos asuntos globais non como unha abstracción afastada de nós, senón como un conxunto de dinámicas que atravesan directamente a posición económica, cultural e política nun mundo crecentemente fragmentado. A orde internacional non está a mudar só nos centros clásicos do poder, faino tamén nos seus bordos, onde territorios sen Estado, mais con identidade, intereses e capacidade de acción limitada, deben aprender a ler o contexto global con lucidez estratéxica.

A primeira constatación é o esgotamento da orde unipolar e a ausencia dunha alternativa clara. Para Galicia, integrada institucionalmente no Estado español e na Unión Europea, isto tradúcese nunha maior dependencia das decisións tomadas a escala estatal e comunitaria, pero tamén nun espazo máis amplo para despregar a diplomacia cultural, económica e académica propia. Nun mundo sen árbitro claro, os actores pequenos non gañan poder, mais si relevancia potencial se saben situarse.

A xeopolítica da tecnoloxía é outro eixo central. A competencia por semicondutores, intelixencia artificial, datos e infraestruturas dixitais afecta a Galicia tanto pola súa estrutura produtiva como pola súa inserción periférica nas cadeas de valor. A dixitalización ofrece oportunidades de deslocalización inversa e atracción de talento, mais tamén o risco de consolidar unha dependencia tecnolóxica sen capacidade decisoria. A pregunta non é se Galicia participa nesta transición, senón en que condicións e con que marxe de control.

A terceira tendencia, a reindustrialización selectiva. A volta das políticas industriais, dos subsidios estratéxicos e do proteccionismo encuberto pode beneficiar sectores como o naval, a automoción, a enerxía ou a transformación agroalimentaria, pero tamén esixe capacidade política para defender intereses propios nos marcos español e europeo. Sen voz, a reindustrialización corre o risco de ser allea.

O debilitamento do multilateralismo clásico tamén ten unha lectura galega. As institucións internacionais, onde as regras ofrecían certa protección aos actores pequenos, perden peso fronte a acordos bilaterais e lóxicas de poder duro. Isto reduce os espazos de influencia indirecta e obriga a reforzar redes alternativas: cooperación descentralizada, proxección cultural, ciencia, lingua e sociedade civil como instrumentos de presenza exterior.

A normalización do conflito prolongado impacta en Galicia a través da economía e da seguridade ampliada. As guerras afastadas teñen efectos moi próximos: inflación, cadeas de subministración fráxiles, mercados enerxéticos volátiles e unha crecente militarización da axenda europea. Galicia, territorio atlántico e enerxético, vese implicada en debates sobre defensa, infraestruturas estratéxicas e usos do territorio que non sempre controla.

O retorno de bloques porosos abre, paradoxalmente, marxes de manobra. Países e rexións intermedias buscan socios diversos, e aquí Galicia pode exercer unha función de ponte atlántica con América Latina, África lusófona e mesmo Asia, apoiándose na súa diáspora histórica, no tecido portuario e na súa capacidade cultural. Non é unha estratexia automática: require intención política e visión de longo prazo.

O ascenso do Sur Global ten especial relevancia para Galicia. A relación histórica coa emigración, o comercio marítimo e a cooperación ofrece unha base real para unha política exterior propia, aínda que limitada. Nun mundo onde os grandes actores compiten pola influencia no Sur, os actores pequenos poden ofrecer relacións menos extractivas e máis horizontais, se saben artellalas.

A transición enerxética sitúa a Galicia nunha posición ambivalente. O potencial en renovables convértese nun activo estratéxico, mais tamén nun foco de conflito social e territorial. O risco é que a transición se traduza nun novo extractivismo verde, decidido dende fóra e executado localmente. A oportunidade, pola contra, sería ligala a desenvolvemento endóxeno e soberanía enerxética.

A crise da gobernanza democrática tamén se manifesta no ámbito galego, con desafección, centralización decisoria e perda de espazos deliberativos reais. Nun contexto global que premia a eficiencia autoritaria, a defensa da democracia de proximidade convértese nun valor político, non nun residuo retórico.

Finalmente, a batalla polo relato global afecta de cheo a Galicia. A capacidade de contar, traducir e proxectar unha visión propia do mundo —na súa lingua— é unha forma de poder brando nun sistema crecentemente hostil á diversidade non estatal.

En síntese, para Galicia, 2026 non é só un ano máis nun calendario global convulso como vén de demostrar o acontecido en Venezuela, senón unha proba de madurez estratéxica: ou limítase a padecer as dinámicas globais, ou aprende a lelas e a actuar en consecuencia.

(Para Nós Diario)


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *