A invocación do esplendor pasado é parte activa da narrativa que determina a maior competencia estratéxica do noso tempo, entre os EUA e China. Cando Trump afirma que o seu programa aspira a facer a América grande de novo, non está moi lonxe do xa adiantado polos dirixentes chineses dende hai décadas, unha modernización entendida como a recuperación da grandeza perdida. Se estes, en espiral ascendente, invocan un pasado algo remoto, en Washington a obsesión radica en impedir o declive a calquera prezo.
Hai uns días, o premio Nobel de Economía Paul Krugman publicou un extenso post no que argumentaba por que a economía de China xa é moito máis importante ca dos Estados Unidos en termos reais e de influencia. O Nobel, ademais, aseguraba que os EUA non poderán volver situarse ao nivel de China nunca máis.
Segundo o historiador económico Angus Maddison, China chegou a representar aproximadamente un terzo do PIB mundial arredor do ano 1820 (en torno ao 32-33 %), uns anos antes das Guerras do Opio. Así o sinala na súa obra Chinese Economic Performance in the Long Run (e noutras como The World Economy: A Millennial Perspective). Segundo os datos de Maddison e as estimacións posteriores baseadas no seu traballo —como as do Maddison Project Database, actualizado pola Universidade de Groningen—, os Estados Unidos acadaron unha participación próxima ao 30% do PIB global a mediados do século XX.
Na actualidade, os datos que publica periodicamente o Fondo Monetario Internacional amosan que a economía de China en paridade de poder adquisitivo (PPA) é xa 10 billóns de dólares máis grande ca dos EUA. O PIB en PPA de China supera os 40 billóns de dólares, o que supón xa o 20% da economía global, fronte aos 30 billóns dos EUA (14% de toda a economía mundial). Segundo Krugman, esta distancia seguirá aumentando polas malas decisións que se están tomando nos Estados Unidos. En 2035, China conta con duplicar o valor do PIB correspondente a 2020.
Outras variables: segundo o World Economic Outlook do FMI (abril de 2025), a renda per cápita dos EUA ascende a uns 89.110 dólares de PIB per cápita (a prezos nominais), e no caso de China, a uns 13.690 dólares. Polo tanto, a diferenza en renda per cápita entre ambos países é dunhas 6,5 veces (ou entre 6 e 7 veces máis alta nos EUA en termos nominais). Se se realiza a comparación empregando a PPA, a fenda é menor (xa que os prezos internos en China son xeralmente máis baixos ca nos EUA). Ademais, dentro de cada país existen grandes disparidades rexionais: a media oculta que en certas provincias chinesas o PIB per cápita pode estar moito máis preto do nivel estadounidense, mentres que noutras rexións se sitúa moi por debaixo.
Se nos remitimos ao indicador da esperanza de vida: China (79 anos e ascendendo) xa supera aos EUA (78,4 e descendendo). En 1949, a China Popular proclamada por Mao amosaba unha esperanza de vida de 36 anos. Nese mesmo ano, nos EUA ascendía a 68.
O relato histórico prendeu de forma destacada nos dous países. Ben é certo que na China cun sentido da perspectiva diferente, máis establecido conforme á tradicional visión estratéxica dunhas autoridades que acostuman gobernar cunha man no presente e outra no pasado.
Nos métodos difiren. A Casa Branca e o seu Departamento de Guerra están a desenvolver por todo o mundo unha política tan imperial como desprezativa da soberanía dos estados e dos pobos. No caso chinés, cabe recoñecer que o esforzo principal da enorme transformación que experimentou o país nas décadas recentes residiu na propia sociedade, dende os nenos que debían facer fogos artificiais para manter a súa escola ata os millóns de traballadores despedidos na súa reconversión industrial. É máis, con contradicións e todo, o innegable é que a fábrica do mundo tivo un impacto maiormente positivo nas economías do exterior.
O rumbo dos EUA baixo Trump apunta directamente á conformación dun estado mafioso que se propón disciplinar a aliados e socios obrigándoos a pagar aranceis, cotas de seguridade, etc. e a garantir que fagamos o que a Casa Branca requira e sen rechistar, primeiro para asegurar a súa capitalización e evitar a bancarrota e, segundo, para trabar a emerxencia competidora de China. A calquera prezo? Voltaremos na primeira metade do século XXI ás tácticas do mesmo período dous séculos atrás? Veremos, finalmente, de que lado se decanta a historia.
(Para Nós Diario)


Deixa unha resposta