O mundo en 2026: A axenda do equilibrio estratéxico, por Xulio Ríos

Transcorrido o primeiro ano da segunda presidencia de Donald Trump, caracterizado no esencial por unha desmedida ofensiva en todas as ordes que segue a incomodar a medio mundo, o exercicio 2026, aínda con esas constantes que non teñen trazas de ceder, estará marcado pola definición dun equilibrio estratéxico entre as grandes potencias.

A economía estadounidense terá que facer un primeiro balance da ofensiva arancelaria, e semella que estará por baixo das expectativas. Segundo a OCDE, a estimación de crecemento para 2026 é do 1,7 por cento fronte ao 4,4 por cento da China. Serán igualmente apreciables os efectos inflacionarios das tarifas, e as promesas de investimento multimillonario arrancadas aos seus aliados poderían seguir demorándose na súa implementación efectiva, amosando as dificultades para traer de volta industrias críticas (semiconductores, baterías, farmacéutica).

Na política interna, a hipótese dun rexurdir demócrata deberá contrastarse nos comicios de metade de mandato, coa expectativa de abrir paso a unha alternativa en 2028. Esas eleccións de novembro serán un referendo sobre a súa segunda presidencia nun contexto de hiperpolarización e de intensificación da batalla político-cultural. Non obstante, o estado da economía será o principal factor de influencia nas preferencias do electorado. Máis incluso ca a inmigración, que seguirá sendo un asunto explosivo tanto en política doméstica como nas relacións con México e Centroamérica. Veremos máis medidas executivas e batallas legais sobre o peche das fronteiras, as peticións de asilo e as deportacións.

Na política exterior, se albiscan cambios. A febleza da economía pretende compensarse co disciplinamento dos aliados en torno ao gasto en defensa e co rexurdir da doutrina “Donroe”, a particular visión trumpista do aliñamento sen fendas no seu estranxeiro próximo, mesmo botando man do intervencionismo máis agresivo, cunha comunidade internacional tan expectante como paralizada. Pero non só. O caso do Caribe amósanos como a Administración Trump semella decidida a reformular a estratexia de seguridade nacional do seu país e mudar as prioridades dende a rexión de Asia Pacífico á de América Latina. Todo iso prescindindo sen contemplacións das habituais proclamas de apoiar a democracia e o progreso para substituilas pola “guerra contra as drogas”.

Os Estados Unidos de 2026 serán aínda un país poderoso pero internamente dividido, onde as batallas culturais domésticas condicionarán crecentemente a súa capacidade para actuar no exterior onde a prioridade pasa a ser preservar as súas áreas de influencia tradicional. A súa credibilidade como aliado estable manterase en dúbida por socios e adversarios.

China apreta o paso

China recibirá Donald Trump en abril. Será a ocasión para ensaiar unha coexistencia controlada. Se algo lle deixou claro Xi a Trump en 2025 é que esta China non é a de 2019, canda o seu primeiro mandato, e que dispón dos medios –e da vontade– para plantar cara á Casa Branca. China pode responder, e farao se os seus “intereses centrais” se ven afectados. Chegado o caso, Trump podería ter que facer concesións en asuntos estratexicamente relevantes, como a cuestión de Taiwán, un dossier no que Xi pretende avanzar de forma significativa no próximo lustro.

Internamente, o modelo económico chinés está a mudar de xeito acelerado, con foco privilexiado na innovación, o ambiente, o consumo e a política social. China ten problemas graves no inmobiliario, no desemprego xuvenil, na débeda dos poderes locais, na baixa dos investimentos ou na demografía. Todos eles serán abordados nos trazos do XV Plan Quinquenal, que debe aprobarse en marzo. Todo apunta a que Xi pretende acelerar o cambio de modelo co horizonte de 2035.

Na política interna, 2026 é un ano preparatorio do XXI Congreso do PCCh, que terá lugar en 2027. Xi revalidará o seu mandato (será o cuarto), pero debe pensar nos relevos, ofrecendo perfís claros. As súas escollas non son infalibles, como se demostrou nos últimos tempos en segmentos clave do Estado, como a defensa (expulsión por corrupción de altos mandos militares) ou a diplomacia (con relevos forzados no aparato exterior do Estado e do propio PCCh). A eliminación das regras do denguismo para xestionar a sucesión establece unha incerteza que non é gratuíta para a estabilidade, a clave de todas as claves.

Na política exterior, as frontes son delicadas. O ano 2025 rematou cunha eclosión das diferenzas con Xapón co argumento dunha hipotética intervención de Tokio no conflito de Taiwán. A nova primeira ministra Sanae Takaichi é firme partidaria do gasto militar e de facer do Xapón “un país normal”, unha expresión que nos países veciños –non só na China– é interpretada como un rexurdir daquela vontade militarista tan normal no Xapón dos últimos séculos. Takaichi aspira a institucionalizar a cooperación coa OTAN (xa abriu unha misión en Bruxelas) e soña coa otanización de Asia-Pacífico, alentando unha carreira de armamentos na rexión co aval duns EUA que esixiron a multiplicación dos gastos en defensa a todos os países aliados.

Para China, o entendemento con Rusia, con quen este ano celebrará o 30 aniversario da asociación estratéxica integral de coordinación, con promesas de elevar a calidade da súa cooperación, segue a ser un piar fundamental da súa política exterior. Complementariamente, o foco no Sur Global e o desenvolvemento dunha diplomacia a cada paso máis ideolóxica seguirá o seu curso, afianzando as Iniciativas Globais (Desenvolvemento, Seguridade, Civilización e Gobernanza) e a Iniciativa da Franxa e a Ruta, aspirando a algo máis que compensar os desencontros coas economías desenvolvidas.

Outras tendencias principais

En canto ás tendencias principais no sistema de relacións internacionais, importa destacar que o proceso de multipolaridade e reconfiguración de bloques seguirá o seu curso. É improbable que a presidencia de Donald Trump afaste o mundo da perda da hexemonía occidental. A xestión da rivalidade estratéxica entre EUA e China seguirá sendo o eixo central, coa economía como vector de competencia de maior alcance. A relación terá como desafío a xestión das friccións en tecnoloxía (semiconductores, IA), comercio e seguridade (Estreito de Taiwán, Mar do Sur da China). Rusia, que comparte con China a análise das grandes coordenadas globais, dificilmente se deixará seducir pola oferta de Trump de retornar ao G8.

A reconfiguración das cadeas de subministro seguirá o seu curso. Os países buscarán reducir dependencias estratéxicas (ex.: minerais críticos, chips). Isto afectará sectores exportadores. É previsible que sigamos avanzando cara a unha desglobalización selectiva ou friend-shoring.

No “Sur Global”, países como India, Brasil, Suráfrica, Indonesia e Arabia Saudita exercerán unha diplomacia máis asertiva, negando aliñamentos automáticos. Así mesmo, foros como os BRICS+ gañarán peso como alternativas de gobernanza, acumulando capital político e relacional para exercer de contrapeso á ansiedade estratéxica dos actores en declive.

Deixando de lado Europa (Ucraína), en materia de crises rexionais e proliferación de conflitos cabe esperar a persistencia dos focos de tensión tradicionais, con alto risco de escalada en Oriente Medio. A inestabilidade persistirá máis alá do conflito en Gaza e mesmo en Cisxordania, coa tensión entre Israel e Irán (e os seus aliados) en punto de ebulición. Pero tamén cómpre prestar atención a outros puntos críticos como Corea do Norte, o Sahel no continente africano ou o desenlace en Venezuela. O protagonismo negativo dos EUA á hora de encarar estes conflitos excluíndo o diálogo e apostando pola “paz a través da forza” redunda nunha redución significativa do seu poder brando en todo o mundo que, paradoxalmente, beneficia ao seu rival máis directo: unha China avaliada positivamente polo seu novo estatus en materia de desenvolvemento, tecnoloxía e mesmo ambiente, salvando as reticencias que suscita o seu modelo político.

Noutro eido, a transición enerxética no marco da loita contra o cambio climático seguirá colleitando resultados ambiguos, mentres que a carreira pola regulación e o dominio da IA será clave. Por último, as presións migratorias por conflitos, pobreza e cambio climático persistirán, convertendo a xestión das fronteiras (incluídas as da UE) nun tema político divisivo.

En resumo, 2026 será un ano de transición nun mundo cada vez máis disputado, onde a competencia xeopolítica, a incerteza económica, a pugna tecnolóxica e os desafíos globais se entrelazarán. A capacidade de adaptación, o atrevemento, a resiliencia e o reforzo das alianzas serán decisivos. Para China, ben podería dicirse que será o ano 0 para a acumulación das capacidades definitivas que permitan dar o salto á ofensiva estratéxica final que, nun lustro, culmine o sorpasso aos EUA.

(Para Tempos Novos)


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *