O imperialismo no século XXI, por Xulio Ríos

Existe un amplo consenso nos círculos académicos de que o imperialismo non é só un problema que segue sendo actual no século XXI, senón que está a sufrir unha profunda transformación. De certo, estamos a presenciar un posible retorno da lóxica das esferas de influencia e dos vastos territorios imperiais, o que algúns denominan unha “nova desorde mundial”.

O imperialismo é un problema central porque estrutura as relacións de poder globais nunha fase de crise e transición. A orde internacional que xurdiu despois da Segunda Guerra Mundial está a ser cuestionada, dando paso a unha competencia estratéxica aberta entre as grandes potencias. O problema xa non é só a existencia dunha potencia hexemónica (os Estados Unidos), senón a loita por establecer novas ordes rexionais e globais, o que xera unha profunda inestabilidade. Esta pugna conleva o risco de conflitos abertos e unha crecente subordinación dos actores máis febles aos designios dos máis fortes, erosionando o principio de soberanía e igualdade.

O imperialismo do século XXI presenta características que o diferencian das etapas anteriores, aínda que mantén a esencia do control e a dominación. A obsesión polo control directo ou indirecto de territorios estratéxicos maniféstase, por exemplo, en intentos de anexión e mesmo invasións. As guerras comerciais, o proteccionismo, o uso da moeda como arma e a loita polo control dos recursos naturais e as rutas comerciais maniféstanse en aranceis, dinámicas de desdolarización, etc. Estas manifestacións exténdense ás esferas tecnolóxica e dixital, ao control de novos dominios estratéxicos como o ciberespazo, a intelixencia artificial, o espazo exterior ou os cables submarinos. Tamén abarcan aspectos ideolóxicos e culturais como as disputas sobre a lexitimidade e a imposición de modelos de gobernanza e o debilitamento do multilateralismo.

O sistema imperialista actual está cheo de contradicións que xeran tensións internas e externas. Aínda que a hexemonía estadounidense mostra signos de erosión económica e de lexitimidade, responde cunha crecente agresión militar e política (“hiperimperialismo”) para tentar manter a súa posición. As potencias imperiais que impulsaron a globalización, agora recorren a políticas proteccionistas que fragmentan o modelo de economía mundial que elas mesmas crearon. Proclaman o respecto pola soberanía, pero interveñen militar, economicamente ou dixitalmente para cambiar réximes ou asegurar recursos, violando ese mesmo principio. As elites financeiras e tecnolóxicas benefícianse da lóxica imperial, mentres que as poboacións dos propios países centrais sofren un aumento da pobreza, a desigualdade e a desesperación social.

Virtualmente, todos os conflitos actuais teñen unha dimensión imperialista, desde a guerra en Ucraína ata a rivalidade entre Estados Unidos e China. E sen dúbida, hai escenarios facilmente recoñecibles como as intervencións en América Latina ou a crise en Oriente Medio, pero tamén en África, que a miúdo se pasan por alto. O que acontece en Irán nestes días amosa con dramatismo e rotundidade este rumbo das cousas, confiando uns en que a guerra poda asentar de vez unha hexemonía reeditada e incontestada conforme ao patrón máis clásico, sen caretas nen disimulos, e outros en que a agresión resulte nun severo punto de inflexión para acelerar o tránsito global cara a multipolaridade.
 

Duarte Correa, un analista internacional certeiro e comprometido, ofrece unha análise detallada destas coordenadas en “O imperialismo no século XXI” (Tempo Editora), achegándonos tanto ao marco xeral como ás súas manifestacións concretas. A conclusión ben podería ser que o imperialismo no século XXI é un problema multidimensional, nunha fase de crise e transformación, onde a loita polo poder, os recursos e o control tecnolóxico está a redefinir o mapa global e a abrir tanto riscos de conflitos devastadores como oportunidades para construír un mundo multipolar. Duarte pon ao día o concepto e perfila os fundamentos da Galicia antiimperialista.

O futuro que nos decanta é incerto e, entre os diversos escenarios a considerar, non debemos descartar nin conflitos abertos nin pactos ocasionais. En calquera caso, a transición hexemónica está en marcha, antollándose inevitable unha transferencia gradual de poder de Occidente cara Oriente (China e o bloque BRICS), o que implicará unha reconfiguración do sistema económico e financeiro mundial que ogallá resulte en detrimento daquela dominación do mundo á moda de Occidente e nunha sabedoría sustentada na aspiración ao ben común.

(Para Nós Diario)


Comentarios

Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo