Días atrás, dixo o presidente Pedro Sánchez na Moncloa que promoverá a incorporación de Catalunya e Euzkadi á UNESCO. Outra gran cultura peninsular, a de Galicia, non. Quedamos fóra. Alguén pensará que é así porque na Xunta goberna o PP, ou porque carecemos do poder decisivo que teñen outros facéndoo valer en sede parlamentaria. Pero non só. As responsabilidades son máis amplas.
En 2011, na “Reflexión estratéxica sobre a cultura galega”, no capítulo de proxección exterior, do que fun autor, sinálase: “Garantir a presenza permanente nas organizacións internacionais que admitan a participación de entidades politicas subestatais (en particular na UNESCO), podendo realizar acordos e convenios con entidades doutros Estados en materia cultural”. (páx 75).
En “Nós na UNESCO”, publicado neste mesmo medio dez anos despois, destacaba a importancia deste tema, no que nada se fixera na última década, co acento na transformación do mecanismo de relación do Estado coa UNESCO.
Durante anos, como puiden, tirei deste reclamo no Consello da Cultura Galega, con CERO receptividade. Ben decepcionado, foi unha das razóns principais do meu retiro da entidade en 2023, tanto da coordinación da comisión de acción exterior como da condición de membro do plenario.
Hai moita retórica cando se fala da acción cultural exterior. Ten moito “tirón mediático”. Pero cando se trata de facer algo que non sexan viaxes, exposicións, etc., etc., todo son miserias neste país. Como moito, do que se trata é simplemente de “estar” para evitar que outros, considerados rivais por certas oligarquías culturais, ocupen espazos.
É sintomático que ante un anuncio como o de Sánchez, derivado da aritmética parlamentaria e non dunha reformulación sincera da visión das culturas peninsulares por parte do goberno do Estado, aquí, CERO repercusión no denso e ancho mundo da cultura e a política de todo signo e condición.
A UNESCO, importa!
A participación directa na UNESCO non sería un xesto protocolario nin decorativo, senón unha ferramenta estratéxica de primeiro orde.
En primeiro lugar, implicaría a lexitimación internacional da identidade cultural propia. A UNESCO opera cunha lóxica cultural que non coincide exactamente coa do Estado-nación clásico. Recoñece e traballa con comunidades culturais, linguas, tradicións e patrimonios que exceden ou matizan os marcos estatais. Para Galicia, isto permitiría proxectar unha identidade propia nun espazo multilateral onde a cultura é suxeito político indirecto, reforzando a idea de Galicia como realidade histórica e cultural diferenciada.
En segundo lugar, asegura unha mellor protección e proxección da lingua galega. A UNESCO é un actor central na defensa da diversidade lingüística. A participación activa facilitaría a visibilización do galego como lingua de cultura e de creación contemporánea, o acceso a programas de protección das linguas minorizadas, a inserción do galego en redes internacionais de investigación, educación e dixitalización lingüística. Nun contexto de presión uniformizadora, isto non é simbólico: é unha política de supervivencia cultural.
En terceiro lugar, axudaría ao reforzo do patrimonio material e inmaterial. Galicia posúe un capital patrimonial excepcional (camiños culturais, paisaxes culturais, música tradicional, cultura mariñeira, saberes rurais). A UNESCO ofrece mecanismos de recoñecemento internacional, instrumentos técnicos e financeiros para a conservación, un marco discursivo que converte o patrimonio en valor estratéxico, non en reliquia folclórica. Isto permite pasar da musealización á actualización viva da tradición.
En cuarto lugar, capacidade de interlocución cultural directa. Participar na UNESCO significa entrar en redes globais de decisión cultural, investigación e cooperación. Para unha nación-cultura sen Estado, isto é especialmente valioso: permite exercer unha diplomacia cultural propia, aínda que sexa parcial ou mediada, e evitar que Galicia sexa permanentemente subsumida baixo unha marca estatal allea.
En quinto lugar, fomenta a educación e transmisión interxeracional. A UNESCO sitúa a educación cultural e patrimonial no centro das súas políticas. Isto encaixa cunha necesidade clave de Galicia: asegurar a transmisión da identidade cultural nun mundo globalizado, non desde a resistencia defensiva, senón desde a autoestima e a creatividade.
Sexto, a inserción nun universalismo plural, non uniformizador. Quizais o punto máis fondo: a UNESCO ofrece un marco onde o universal non se constrúe eliminando diferenzas, senón recoñecéndoas. Para Galicia, isto significa afirmar que ser universal non implica deixar de ser galega, senón todo o contrario.
En suma, para Galicia, a UNESCO é menos un foro e máis un espazo de soberanía cultural compartida: un lugar onde existir, falar e ser recoñecida no mundo sen pedir permiso para ser o que xa é.
(Para Galicia Digital)


Deixa unha resposta