Son moitas as causas que se citan para intentar comprender as razóns que inspiran o ataque dos EUA e Israel contra Irán. E resulta cada vez mais evidente que a angustia imperial estadounidense ante o temor á perda da hexemonía global fronte a China é a causa principal. Todos os camiños conducen a Beijing. Dende a disciplina hemisférica aplicada sen miramentos a América Latina ata Groenlandia pasando agora por Oriente Medio, a necesidade de frear a influencia do xigante oriental asoma como factor determinante.
Non é que a Trump lle importe o futuro da democracia, os dereitos humanos, nen sequera que a relixión impere na política iraniana. Basta ver como baixo o seu mandato retroceden os dereitos humanos, como a noutrora gabada democracia estadounidense vai camiño de transformarse apenas nun “réxime” ou incluso como no eido relixioso nos sorprende cun recente anuncio presidencial dun macro evento nacional de oración para “volver a poñer aos EEUU baixo a soberanía de Deus”.
A chamada “trampa de Tucídides” -popularizada por Graham Allison en referencia ao historiador grego Tucídides- argumenta que cando unha potencia emerxente desafía a unha dominante, o risco de guerra aumenta. O exemplo clásico foi o enfrontamento entre Atenas e Esparta na Guerra do Peloponeso. Aplicado hoxe en día, China sería a potencia emerxente e os Estados Unidos a establecida.
Non todas as transicións hexemónicas rematan en guerra. No século XX, a transición entre o Imperio Británico e os Estados Unidos foi competitiva, pero non bélica. Houbo friccións, pero tamén axustes estratéxicos. A historia ofrece tanto guerras como transicións negociadas.
China e os EEUU teñen unha interdependencia sen precedentes e a súa competencia é estrutural mais que militar, é dicir, centrada prioritariamente na tecnoloxía de vangarda e na influencia global. Ante a incapacidade manifesta para conter a China neses eidos, Washington amosa a súa disposición absoluta a botar man da forza “para lograr a paz”. O punto verdadeiramente perigoso son os escenarios periféricos, dende Taiwán ao Mar de China meridional, pero tamén outras áreas, incluida Oriente Medio, onde China ten incrementado o seu estatus.
Trump, a diferenza da China, sente que o tempo corre na súa contra. Quizais por iso multiplica as frontes de crise para decantalas no seu favor e lograr así unha mellor posición negociadora antes de que o equilibrio sexa menos favorable. Esa variable melloraría se logra que China desacele o seu ritmo impoñéndolle fortes restricións, non só tecnolóxicas tamén enerxéticas e xeopolíticas. Sería esta unha parte fundamental para operar esa adaptación histórica que garantise a perennidade da súa hexemonía global como fixo nos anos setenta ou oitenta nas crises do petróleo ou do auxe xaponés.
Por iso Xi Jinping insiste en que a prioridade chinesa é o desenvolvemento e evitará enredarse en demasía nas trampas dispostas, salvo que vexa comprometidos os seus intereses centrais. China estima que esa dinámica só agudizará a fatiga imperial e economicamente será un fracaso. Washington está nun punto en que o servizo anual da débeda supera o orzamento de defensa, por non falar da amortización do capital. En 1960, os EEUU representaban arredor do 40% do PIB mundial; hoxe é menos da metade. EEUU non está en condicións de operar como no pasado porque o seu peso relativo mudou. O ascenso de China reduciu a súa marxe estrutural. A súa insostibilidade beneficia a China. O peso desta seguirá aumentando en comercio e influencia tecnolóxica así como na súa presenza global. A paciencia estratéxica élle máis rendible. Certo que EEUU non foi nunca un imperio territorial clásico e que sustenta a súa supremacía noutras variables (dólar, alianzas, institucións, bases e superioridade militar…) destacando especialmente a hexemonía ideolóxica e cultural, pero tamén neste eido está a perder terreo de forma acelerada.
EEUU bota man do seu poder duro sen temor a unha contra-reacción directa de China, tanto por razóns derivadas dunha transición interna inacabada como por diferenzas culturais de fondo. Non se trata só de intereses, hai enfoques distintos que poden facilitar que as autolimitacións chinesas outorguen a Washington a apariencia de éxitos rápidos e ata fáciles.
Este é o período de transición polo que estamos a pasar. Se botamos a vista atrás, houbo un tempo no que os europeos, como resultado dunha serie de acontecementos tecnolóxicos e políticos alentaron unha primeira globalización con portugueses e españois, seguidos polos holandeses e os británicos, e despois os outros, e finalmente os estadounidenses. Ese período, que podíamos datar entre a chegada de Colón a América en 1492 ata o liderado de Deng Xiaoping en 1978, representou un período de dominio occidental case total no mundo.
Trump non é a causa. Trump non ten sentido da historia. Pero, nun certo sentido, é un catalizador. Está a acelerar cambios que doutro xeito ocorrerían igualmente. Os Estados Unidos seguen sendo un polo moi importante. Pero China é agora outro polo moi importante, quizais incluso máis grande que os Estados Unidos en termos económicos. E como di un proverbio chinés: “Non pode haber dous tigres na mesma montaña”.
(Para Faro de Vigo)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo