(e IV) Diáspora: Crear estrutura, por Xulio Ríos

O discurso a propósito da diáspora debe complementarse con iniciativas estruturais que operen como aglutinantes e dinamizadores do seu potencial. Dos intentos, poucos casos teñen sido minimamente exitosos. En parte, pola instrumentación, tamén polo desprezo de establecer amplos consensos nestes eidos e, finalmente, por falta de constancia e a busca de resultados rápidos.

Hoxe, no tempo das redes, é moi doado crear plataformas dixitais pero tamén presenciais que conecten profesionais galegos no exterior, centros galegos históricos, novas diásporas cualificadas, líderes influentes de orixe galega, emprendedores e institucións. Esa infraestrutura de relacións activas, con grupos temáticos (cultura, tecnoloxía, economía azul, política europea, lingua, academia, etc.) e encontros periódicos en formato híbrido gozaría de percorrido.

Uns foros da diáspora sectoriais son o complemento indispensable de calquera marco institucional xeral. Os marcos pequenos, eficaces, formados por persoas galegas influentes en ámbitos clave: tecnoloxía e innovación, políticas europeas, enerxías verdes, cultura e industrias creativas, saúde e investigación, economía e portos atlánticos, terían ingualmente un notable potencial, podendo servir como asesores estratéxicos do Goberno e da sociedade, achegando información cualitativa que a diplomacia tradicional non sempre ofrece con detalle.

Cos programas de retorno estamos xa familiarizados. Compre contemplar non só o “retorno definitivo”, senón retorno por tempadas: estadías de 1–3 meses para profesionais da diáspora en universidades, empresas ou administracións galegas, cofinanciadas parcialmente. O retorno circular crea fluxos constantes de coñecemento, relacións e oportunidades.

Cada ano poderían seleccionarse un número reducido de galegos e galegas destacados no exterior (escritores, investigadores, artistas, emprendedores) para actuar como embaixadores informais da cultura e da innovación galega.

Aproveitar a diáspora para atraer investimento a sectores estratéxicos é unha vella teima na que compre perseverar e innovar: ámbitos como a biotecnoloxía, economía mariña, TIC, agroalimentación de alta gama, enerxías renovables, gozan de alto interese.

Moitos galegos no exterior traballan en empresas tractoras europeas e americanas: activar ese capital relacional pode abrir portas a alianzas que Galicia dificilmente conseguiría soa.

No eido político, a diplomacia parlamentaria (grupos de amizade) require de mecanismos que deben complementarse cunha reforma electoral decidida que resolva taras endémicas como o voto en urna ou a elección de representantes propios da diáspora dotándoa de circunscricións ad hoc (América e Europa).

Cumpriría potenciar unha unidade permanente de estudo, datos, tendencias e análises sobre comunidades galegas no mundo que capacite persoal especializado. Non un centro simbólico, senón unha estrutura con produción regular de informes e propostas para a acción exterior. Galicia non pode deseñar políticas eficaces se non coñece a súa diáspora en termos actualizados.

Os centros galegos históricos requiren dun tratamento afastado do paternalismo. Moitos centros e sociedades de ultramar están en crise xeracional. Galicia debería ofrecer apoio técnico, alianzas culturais e renovación programática, nunca visión asistencialista. O obxectivo: transformar o que hoxe son centros recreativos en nodos culturais e diplomáticos.

A nova diáspora europea importa especialmente. Moitas das persoas que marcharon desde 2008 ocupan hoxe postos relevantes en universidades, empresas tecnolóxicas, administracións europeas ou ONGs. É un capital enorme, moitas veces ignorado. Requírese unha política específica: convocatorias culturais, encontros anuais, plataformas de mentoría para estudantes galegos.

Convocar residencias anuais que permitan a profesionais galegos no exterior desenvolver proxectos en Galicia con apoio institucional, articulando unha rede que conecte talento disperso co ecosistema cultural e científico galego é outra medida que deberamos potenciar.

Adicionalmente, a xestión de iniciativas deste calibre, contrastadas coas experiencias doutros países con diáspora pode facilitar o desenvolvemento dunha “axenda de Estado” que trascenda a diáspora propiamente dita e permita a consolidación de relacións paradiplomáticas estables país-país, complementando a diplomacia tradicional.

En suma, vaisenos das mans a incorporación da diáspora ao relato vivo do país. Galicia debería integrar a diáspora no seu relato contemporáneo, non como saudade nin como ferida histórica, senón como rede global activa. Isto reforza identidade, autoestima colectiva e sentido de pertenza nun mundo fragmentado.


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *