China: planificación ou mercado?, por Xulio Ríos

En China veñen de aprobarse as liñas mestras do novo plan quinquenal, que marca obxectivos ata 2030 e fixa un horizonte estratéxico mínimo en 2035, cando se prevé alcanzar o primeiro chanzo do xiísmo, ese enfoque de longo prazo que proxecta o seu horizonte ata 2049, primeiro centenario da fundación da República Popular Chinesa. Xogando nesas longas franxas temporais, China leva tempo competindo noutra liga.

Adoita dicirse que a sorprendente transformación do país nas últimas décadas se debe, sobre todo, á súa homologación coas economías de libre mercado e ao aparente abandono das bases económicas do modelo maoísta. Certamente, trala morte de Mao, con Deng Xiaoping, China entrou noutra etapa. A reforma e a apertura inauguraron un tempo de experimentación que incluíu, por exemplo, novos enfoques en cuestións cruciais como o papel do mercado ou a propiedade privada, no contexto daquel programa das catro modernizacións dos anos sesenta, impulsado polo propio Deng e por Liu Shaoqi, a grande vítima da Revolución Cultural.

Tamén se afirmou a miúdo que esa experimentación conduciría inevitablemente a China cara a unha homologación máis ampla cos sistemas liberais de Occidente, non só no económico senón tamén no político, renunciando á súa marca de orixe. Porén, moitas veces pasouse por alto o que Deng denominaba os catro principios irrenunciables, que establecían os lindes da reforma para garantir que esta se desenvolvese dentro do sistema sen pretender abandonalo.

Este contexto convén telo sempre presente ao analizar a China actual. Non falta quen considere trasnoitado o concepto de plan quinquenal, que no noso imaxinario se asocia co ríxido e fracasado modelo soviético. Mais a planificación non é só un piar, senón o piar por excelencia da economía política chinesa.

Desde 1949, a planificación constituíu a ferramenta fundamental coa que o Estado guiou o desenvolvemento. Coas reformas de 1978 en diante, a planificación non desapareceu coa apertura, senón que se transformou: deixou de ser un sistema de control directo para converterse nun mecanismo de orientación estratéxica. Os plans quinquenais son o instrumento central desta planificación, con incidencia decisiva en áreas como a coordinación macroeconómica, a dirección estrutural e a integración territorial e social.

Na lóxica chinesa, a planificación cumpre tamén unha función ideolóxica: garante que o desenvolvemento económico permaneza subordinado aos obxectivos políticos e sociais —modernización socialista, benestar colectivo, seguridade nacional e prosperidade común—. Políticamente, a planificación é así mesmo unha expresión da dirección do Partido Comunista sobre a economía.

A planificación en China non só permite outear horizontes a longo prazo, senón que tamén asegura a coherencia entre o crecemento e o proxecto político. Constitúe unha forma de gobernanza económica máis que un simple método técnico e representa unha vantaxe institucional fronte aos modelos de curto prazo.

O complemento natural da planificación é a gobernanza do mercado, exercida mediante unha combinación de dirección política, planificación estratéxica e mecanismos regulatorios adaptativos que, conxuntamente, conforman o que China denomina unha economía de mercado socialista. O mercado é aquí un instrumento, non un fin en si mesmo: unha ferramenta para desenvolver a economía, non un principio ideolóxico autónomo. O Estado non substitúe o mercado, mais establece a súa dirección e os seus límites. “O plan e o mercado non son a diferenza esencial entre o socialismo e o capitalismo; ambos son medios de control económico”, afirmara Deng.

China goberna o mercado a través dun conxunto de institucións e mecanismos interconectados: desde a política industrial indicativa e a regulación flexible ata a supervisión financeira e fiscal, pasando polas políticas territoriais diferenciadas e a proliferación de zonas piloto experimentais. En conxunto, isto dá lugar a unha sinerxía entre o Estado, o mercado e a planificación.

Non se trata unicamente de desenvolver ou fortalecer o poder integral do país, senón tamén de consolidar un ecosistema que integra estabilidade e seguridade, e que, no concreto, debe traducirse na mellora efectiva das condicións de vida das persoas.

Como explico en Marx & China. La sinización del marxismo (Akal, 2025), o modelo chinés —xa moi maduro respecto das formulacións de hai corenta anos— optimiza as súas capacidades estratéxicas mediante un deseño de alto nivel que, a miúdo, se descoñece ou se menospreza entre nós.

Neste dualismo de planificación e mercado segue habendo ideoloxía, mais non dogmatismo. Esa flexibilidade contrasta coa incapacidade do modelo liberal para incorporar unha planificación reforzada na política económica, convertida nun tabú que mingua a súa capacidade para competir con eficacia.

(Para Faro de Vigo)


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *