A lei sobre a promoción da unidade e o progreso nacionais aprobada recentemente na China representa un cambio significativo na gobernanza das nacionalidades minoritarias. No texto, por exemplo, a palabra “autonomía” aparece só unha vez, en comparación con 31 veces a mención do “forte sentido de comunidade da nación chinesa”. Esta observación xa indica a orientación xeral da nova lexislación. Aínda que conserva elementos de regulamentos anteriores, o centro de gravidade do traballo étnico cambiou drasticamente: onde antes consistía en afondar no desenvolvemento da autonomía, agora a énfase está no sentido de comunidade da nación chinesa. Trátase dunha mudanza estrutural relevante.
Este cambio culmina unha traxectoria ligada á nova visión promovida por Xi Jinping sobre este asunto, tan crucial para a estabilidade chinesa. Xa en 2014, Xi propuxo a idea de considerar dúas combinacións: a primeira é a unidade e a autonomía, e a segunda son os factores étnicos e rexionais. En 2021, a revista teórica Qiushi destacou o obxectivo principal da “nova era”: reforzar o sentido da nación chinesa como unha única comunidade como fundamento da unidade nacional. O proceso xa dera lugar a resistencias cívicas, destacando as rexistradas en Mongolia Interior en 2020.
Aínda que o sistema de autonomía non se aboliu nin se ignoran as identidades minoritarias, hai unha proliferación de chamadas á homoxeneización baseada na cultura maioritaria Han. Así, desde a educación ata a vida familiar, a promoción do patriotismo é unha demanda máis contundente, outorgando á burocracia maiores poderes para garantir a súa aplicación. Isto inverte claramente, por exemplo, os cambios que elevaran o status das linguas no sistema educativo e na vida administrativa, exacerbando o desequilibrio. Agora, a prioridade é a insistente promoción do mandarín dende a idade preescolar e deixa clara súa preeminencia “en termos de posición e orde”, se ben di tamén que o Estado “respecta e protexe a aprendizaxe e o uso das linguas e escritas minoritarias” ou que “as culturas tradicionais de todos os grupos étnicos son parte integral da cultura chinesa”. Os libros de texto a utilizar a todos os niveis serán os “elaborados a nivel nacional”.
Estímase que arredor do 95 por cento da poboación coñece os caracteres e arredor dun 80 por cento ten unha competencia acreditada na fala do mandarín. Á morte de Mao, menos da metade da poboación sabía falalo. Isto quer dicir que houbo avances importantes, como tamén que segue habendo espazo para a mellora desa lingua; non obstante, un enfoque que incida na subalternización das linguas das nacionalidades minoritarias, de por si en posición delicada, representa unha ameaza seria de supervivencia por mais que se prometan garantías.
Vencello coa estabilidade
O antiseparatismo, a seguridade fronteiriza e a protección contra as interferencias externas son argumentos comúns utilizados para significar o vencello coa estabilidade. Pero esta non ten por que ser a única resposta posible.
Excluíndo a autodeterminación, na China, o enfoque para tratar coas “minorías étnicas” baseouse, desde 1949, en habilitar a autonomía territorial. Mao Zedong e o PCCh implementaron unha serie de políticas cara ás minorías nacionais que incorporaron o recoñecemento cultural, o control político e a asimilación gradual. Con Deng Xiaoping, que asumiu o liderado despois da morte de Mao, houbo varios cambios importantes na política cara ás minorías nacionais, especialmente no marco da súa orientación cara á apertura e a reforma económicas. Sen relaxar o control político, abriuse espazo para o desenvolvemento dun concepto de unidade máis orientado a afondar na autonomía. Malia os seus altos e baixos, o denguismo deu un forte impulso ao establecemento dun marco legal específico nun contexto de expansión dos dereitos (representación, uso das linguas, capacidade fiscal, etc.) e amosou un compromiso coa modernización da arquitectura institucional da China. Suxeriu fórmulas que permitirían o progreso no autogoberno das nacionalidades minoritarias, a asunción de responsabilidades e a materialización dun código de conduta baseado na lealdade e o respecto mutuo. Tamén formalizou e fortaleceu cada vez máis o sistema autonómico, dotándoo de contido, normas e institucións capaces de estimular o desenvolvemento das súas respectivas identidades.
En Galicia tivemos a oportunidade de constatar directamente ese interese a través do Programa Minzu que puxo en marcha o IGADI e Casa Asia en colaboración coa Academia de Ciencias Sociais de China. Mesmo o estatuto galego foi traducido ao mandarín e académicos chineses de diferentes nacionalidades cursaron visitas e intercambios académicos. Tamén os houbo parlamentarios e a outros niveis.
Impulso apremiante pola modernización
A idea de que o desenvolvemento pode ser un poderoso moldeador de identidades, un homoxeneizador de modos de vida e un dilutor de diferenzas sempre tivo unha influencia considerable. Esta estratexia xa deu os seus froitos en termos materiais, cun crecemento da renda per cápita da poboación destes territorios en parello a unha dinámica de fortes investimentos, públicos e privados. O Tíbet, por exemplo, xa non é a rexión máis subdesenvolvida e supera a moitas provincias en PIB. Nesa perspectiva, o que agora se aprobou forma parte do impulso apremiante pola modernización, transmitindo a idea de que as culturas minoritarias deben acelerar o seu ritmo para lograr a revitalización nacional, mesmo que isto implique un declive da diversidade e a súa relegación ás exposicións dos museos ou os paquetes turísticos. A propia subordinación da educación en linguas minoritarias a favor do mandarín baséase na crenza de que, en realidade, fomenta para estas comunidades novas oportunidades de progreso que, ademais, poden verse favorecidas polos avances texnolóxicos aplicados.
O sentido de comunidade dentro da nación chinesa, con certas concomitancias con aquel outro “pobo soviético”, é o principio fundamental de Xi Jinping: liderado do partido, unha vida mellor para as minorías en todos os aspectos, a construción dun fogar cultural común guiado por valores socialistas esenciais, destacando os símbolos culturais e unha imaxe da nación chinesa que poida ser compartida por todos os grupos étnicos para fortalecer a súa identificación coa cultura chinesa. Unha identidade propia e un sentido de pertenza a esta comunidade facilitarán o desenvolvemento dunha dobre lealdade chamada a reforzar a solidariedade interétnica.
Xi Jinping afirmou en máis dunha ocasión que “a cultura é a alma dun país e dunha nación”. Probablemente pense en termos Han, pero o mesmo aplícase ás persoas pertencentes a calquera minoría nacional: a súa cultura é a súa identidade primixenia. A exaltación da diversidade, o recoñecemento de características singulares -tal e como China as reivindica para si mesma internacionalmente- poderían fortalecerse como expresión dunha unidade non baseada na mitigación ou negación das diferenzas, senón na valoración positiva da interacción entre identidades diversas.
(para Praza)


Podes deixar aquí un comentario sobre o artigo